Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED Sénior clausura o curso 2017-18 na Coruña poñendo en valor a cultura, o desenvolvemento integral e a autonomía persoal do seu alumnado

23 de julio de 2018

O venres 20 de xullo tivo lugar a clausúra oficial do curso da UNED Sénior no Centro da Coruña, na que máis de 100 alumnos e alumnas recibiron os seus diplomas da man de diferentes representantes políticos das institucións colaboradoras.

O acto estivo presidido por Francisco Javier Abad Pardo, secretario xeral da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e por Germán Carro Fernández, director da UNED da Coruña. Contou coa intervención de Luís Anxo Rodríguez Patiño, Coordinador da UNED Sénior na Coruña, que lembrou ao alumnado asistente a importancia que teñen dentro da estrutura académica da UNED, como estudantes exemplares e modelos a seguir para todas as xeracións. O coordinador da UNED Sénior da Coruña quixo tamén agradecer ás institucións colaboradoras da Sénior, especialmente aos concellos nos que se desenvolven as actividades (algúns dos cales estaban presentes no Acto), o seu importante papel, xa que “axudan moito a que se desenvolva este envellecemento activo”.

O encargado de impartir a Lección de clausura foi o coñecido museólogo Felipe Senén López Gómez, profesor da UNED Sénior da Coruña, que fixo un maxistral percorrido pola nosa cultura, particularmente a galega, para poñela en valor nunha sociedade cada vez máis globalizada e dixitalizada. Partindo de autores ilustres, como Nordhaus, o museólogo referiuse a Ortega e Gasset, Vicente Risco, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Isaac Díaz Pardo, etc., para poñer en valor a cultura local fronte á global que se vai introducindo aos poucos a través dos medios de comunicación e as redes sociais, creando novas formas de expresión que, ás veces, substitúen ás que xa se teñen. Lembrou aos e as asistentes que “a comunicación debe estar encamiñada á formación do ser humano”, polo que é preciso atender á nosa cultura para diferenciar o natural do artificial e buscar novas formas de expresarse nesta era dixital sen renunciar á cultura propia.

Para a entrega de diplomas, uníronse varios representantes das institucións colaboradoras, representadas por Cesar Longo Queijo, alcalde de Paderne; Raquel García Abuín, concelleira de Cultura, Mocidade, Educación e Normalización Lingüística en Rianxo; Roberto García Pernas, alcalde de Xermade; a presidenta da asociación Máisdetres, Carmen Freire, o fotógrafo Xurxo Lobato, Marcos Nine Bau representando aos docentes e Miguel Somoza Rodríguez, director do departamento de Hª da Educación e Educación Comparada da UNED e estreito colaborador da UNED Sénior da Coruña. Novamente, o coordinador da Sénior tivo palabras de alento e recoñecemento para aqueles alumnos e alumnas que fixeron verdadeiros esforzos persoais para asistir ás actividades da Sénior, felicitándoos polo seu compromiso coa educación e coa vida.

Este recoñecemento foi reiterado polo director do Centro UNED da Coruña na súa intervención tras a animada entrega de diplomas. Germán Carro Fernández sinalou que o alumnado Sénior son exemplo do tesón e un alicerce fundamental da nosa universidade. Seguidamente o secretario xeral da Consellería de Política Social, Francisco Javier Abad Pardo clausurou o acto, non sen antes sinalar o compromiso co desenvolvemento integral e a autonomía persoal dos estudantes Sénior e indicar que van seguir “ traballando nestas políticas xerais e tan necesarias”.

Como broche final, o acto terminou cunha actuación musical improvisada, na que se proxectou o vídeo do Himno da UNED Sénior da Coruña, composto e interpretado polo propio alumnado.

Imaxes e crónica: Laura Sánchez Pérez, profesora-titora e coordinadora de Extensión Universitaria no Centro Asociado UNED A Coruña. 

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña 

 

1dsc3525nef
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es