Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Encontro sobre "Mercado do crédito hipotecario e información precontractual"

31 de octubre de 2018

Actividade gratuíta organizada por ADICAE, Asociación de consumidores. Pódese asistir de maneira presencial e online (streaming ou diferido).

O vindeiro venres 09 de novembro terá lugar o encontro sobre "Mercado do crédito hipotecario e información precontractual" na que varios expertos na materia desenvolverán cuestións sobre o mercado hipotecario, a oferta hipotecaria, a información precontractual e os problemas máis habituais dos Consumidores, temas de actualidade tras a recente resolución do Tribunal Supremo.

 

Esta actividade gratuíta ten como obxectivos principais dotar de ferramentas e coñecementos sobre a contratación eficaz e responsable de créditos e hipotecas; pero tamén fomentar a participación en grupos de prevención e reivindicación ante a contratación de créditos e hipotecas e xerar unha toma de conciencia crítica por parte dos consumidores no momento de contratar e de obter información sobre estas cuestións.

 

Trataranse e discutirán temas relacionados co préstamo e o crédito hipotecario, sobre as leis de información precontractual e mercado hipotecario, a normativa nacional e internacional, sobre as cláusulas abusivas nos contratos de préstamo con garantía hipotecaria e sobre a xurisprudencia, incluída a sentenza da Sala do contencioso-administrativo do Tribunla Supremo, Sección 2ª, do 16 de outubro de 2018, sobre os tributos que gravan a constitución da hipoteca (IAJD).

 

O xuíz José María Fernández Abella abrirá as exposicións sobre a análise xurídica presentando a perspectiva da xudicatura, seguidamente Mª Belén Fuentes Salorio, avogada especialista en Dereito Bancario e relatora de varios cursos sobre esta temática organizados polo Centro da Coruña, expoñerá a perspectiva da avogacía; a continuación, Juan Ramón Pedreira Espiñeira, procurador especialista en Dereito Bancario, presentará a visión dende a procuradoría e, para finalizar o bloque, o rexistrador da propiedade, Gil Vicente Matoses Astruells exporá a perspectiva dende este ámbito. A segunda parte da actividade estará dedicada á análise económica, na que a Doutora en Economía e profesora da área de Economía financeira e contabilidade da Universidade dá Coruña (UDC), Lucía Boedo Vilabella, expoñerá as nocións básicas sobre a perspectiva económica, mentres que o consultor José Antonio Pena Beiroa fará unha presentación sobre unha visión xeral. O acto está conducido por Ana Folgar, secretaria de ADICAE Galicia, mentres que Manuel Ferreiro García do Consello Xeral de ADICAE Galicia, será o encargado da clausura.

 

ADICAE é unha asociación de consumidores preocupada pola situación que atravesa a sociedade respecto do mercado hipotecario, a necesidade de modificacións e melloras da normativa que o regula e as necesidades e constantes vulneracións dos seus dereitos que sofren os consumidores. Dita actividade, está enmarcada dentro do proxecto concedido á ADICAE por AECOSAN, Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social): “Retos dos consumidores nas hipotecas e créditos: contratación a distancia con entidades financeiras e non financeiras”, que ten como obxectivo principal a análise da situación actual do mercado hipotecario desde o punto de vista xurídico e desde o punto de vista económico, co fin de formar e informar nun consumo crítico e responsable.

 

Podes consultar e descarga o programa da actividade (en castelán) aquí.

 

Podes inscribirte gratuitamente na actividade aquí. Pódese seguir tanto presencialmente coma online (en directo ou en diferido).

 

Máis información no teléfono 981 14 50 51 ou o correo electrónico: info@a-coruna.uned.es.

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es