Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Senior A Coruña: o noso alumnado Senior segue máis activo que nunca en tempos de pandemia

27 de abril de 2021

Coñece a Fina, María del Carmen e Loli, alumnas da aula de Paderne, e as actividades que está a realizar a UNED Sénior da Coruña no 20 aniversario da constitución do Consello de Anciáns de Xetoso

A UNED Sénior A Coruña non parou durante a pandemia.

No curso pasado, durante o confinamento, o alumnado máis veterano do noso Centro seguiu formándose a través das nosas redes sociais, con clases especiais gravadas por diferentes profesores e colaboradores que, co seu traballo e xenerosidade, axudaron a soportar o illamento do noso alumnado, especialmente nas zonas rurais.

A UNED Sénior da Coruña sempre foi o exemplo de que a idade non é impedimento para seguir aprendendo e, xunto co encomiable labor e preocupación realizada por Luís Rodriguez Patiño, coordinador da UNED Sénior no noso Centro, seguen a ser un referente para toda a nosa comunidade universitaria e para a poboación en xeral.

Nestes tempos de restricións e inseguridade, o alumnado máis veterano segue a realizar actividades, formándose en materias novas, con seguridade fronte ó coronavirus pero sen perder nadiña de nada do seu interese por seguir aprendendo.

Mostra diso son tres alumnas da aula de Paderne, Fina Calvo Sánchez (Aranga, 80 anos), María del Carmen López (Paderne, 77 anos) e Loli Lagares, (Betanzos, 64 anos), que explican a súa experiencia persoal, as súas motivacións polo estudo e os beneficios do programa de formación da Sénior na reportaxe Das catro regras básicas a pasar a ser universitaria coa UNED Senior en Paderne (La Voz de Galicia, 26/04/2021). Queremos animarvos a coñecelas, tanto a elas coma á súa historia, que é similar á dos centos de alumnos e alumnas que se uniron á UNED Sénior da Coruña desde a súa fundación.

O pasado mes de marzo cumpríanse 20 anos da fundación do Consello de Anciáns de Xetoso, que nacía cunha motivación especial por achegar a formación universitaria ás zonas máis illadas e ás persoas que, no seu momento, non tiveron a oportunidade de poder estudar. Con esta vocación xurdiría o programa Sénior da Coruña: unha experiencia de colaboración institucional no ámbito rural que se inicia no curso 2008-2009, mediante un acordo entre o Consello de Anciáns de Xetoso e a UNED, a través do Centro Asociado da Coruña. Este programa formativo aproveita as sinerxias entre actuacións desenvolvidas en varios municipios, por diversas institucións, para rendibilizar os recursos dispoñibles e crear vínculos que favorezan o desenvolvemento de toda a comunidade, incluíndo no catalogo de boas prácticas que melloran a atención a persoas maiores e persoas con discapacidade. É por iso que as clases non se desenvolven no Centro Asociado da Coruña nin na aula de Ferrol, senón en distintas sedes do rural galego, situadas nos municipios colaboradores: A Baña, Aranga, Boiro, Guitiriz, Irixoa, Lousame, Monfero, Paderne, Padrón, Porto do Son, Rianxo e Xermade.

Este amor pola cultura local e pola difusión do coñecemento continúa a pesar da pandemia e, aínda que seguen sendo precavidos e coidadosos coas medidas de seguridade e hixiene, desde a UNED Sénior da Coruña séguense a realizar actividades. Hoxe martes día 27 de abril terá lugar en Irixoa a presentación do libro Lareira de soños ( Edicións Fervenza, 2021) da escritora Pastora Veres. Xunto con Luís Rodriguez Patiño, coordinador da UNED Sénior A Coruña, nesta presentación, a autora guitiricense (aínda que afincada en Betanzos), comentará a súa obra. O libro ademais, inclúe un DVD co documental "Entrar aos Vilares", dirixido por Cibrán Tenreiro. A obra, cuxa investigación foi encomendada polo poeta Manuel María hai case 30 anos, trata da cultura, a memoria, as relacións e as tradicións dunha parroquia da Terra Chá.

Como sempre, o noso alumnado máis veterano é un exemplo de superación das adversidades e de motivación para o resto da comunidade universitaria, de quen estamos tremendamente orgullosos.

Coñece máis sobre a UNED Sénior da Coruña premendo aquí ou sobre outras actividades realizadas, consultando o Blogue deste programa premendo aquí.

Máis información en:

  • - Secretaría do C.A. UNED A Coruña (atención presencial só con cita previa), no teléfono: 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es

-------------------------{}------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Instagram

YouTube

Blog UNED Sénior A Coruña   

Horarios provisionais+info
AVISO. En atención al calendario del curso 23-24 el Centro UNED A Coruña y el Aula UNED Ferrol permanecerán cerrados del 17 de mayo, DIA DAS LETRAS GALEGAS. Disculpen las molestias.
Nexus Event SAEE UNED A Coruña 2024+info
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es