Unha vez máis, a nosa cronista máis veterana, Josefina Calvo Sánchez, de 80 anos, natural de Aranga e alumna da aula da UNED Sénior en Paderne, remítenos as súas reflexións sobre as clases durante a pandemia.
Nesta ocasión, a nosa alumna comenta a súa experiencia na clase do pasado día 07 de maio, impartida por Marcelino Mosquera Pena, Médico Geriatra, e que se centraba na Historia da Medicina, particularmente en Galicia e en todo o relacionado coa Medicina rural.
Estamos a esperar todos como a auga de maio que podamos volver canto antes ás clases cos nosos profesores, monitores e todas esas persoas que nos fan a vida un pouco máis levadía, sobre todo ás persoas de máis idade que xa a poucos máis sitios podemos ir; como eu, por exemplo, que con oitenta anos e mobilidade reducida, resúltanme un aliciente para sentirme útil no medio desta gran familia.
Como dicía antes, o día 7 en Irixoa, despois da comida, o Doutor Marcelino e a súa esposa, déronnos unha charla estupenda sobre as pandemias que houbo no mundo en séculos pasados e tamén sobre a que estamos a pasar agora. Explicáronnos detalladamente a importancia que ten que nos vacinemos, os beneficios de estar vacinados con calquera das vacinas e que por moitas contrariedades que escoitemos, o esencial é vacinarse.
Só me queda agradecer ao noso coordinador e a toda esta boa xente que, voluntariamente, fai un esforzo para poder facer estas pequenas reunións e que aos poucos vaiamos saíndo deste peche forzoso. Parece mentira que unha cousa tan pequena, que nin sequera vemos, sexa capaz de privarnos de liberdade e mesmo impida que nos reunamos cos nosos familiares.
JOSEFINA CALVO SÁNCHEZ
Coñece máis sobre a UNED Sénior da Coruña premendo aquí ou sobre outras actividades realizadas, consultando o Blogue deste programa premendo aquí.