Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso de Verán A Xustiza Restaurativa no Ámbito Penitenciario

8 de julio de 2024

O Centro Asociado da UNED na Coruña acolleu o curso de verán titulado "A Xustiza Restaurativa no Ámbito Penitenciario" do 3 ao 5 de xullo de 2024. Este evento, realizado na sede do Centro Penitenciario Teixeiro, reuniu a expertos e profesionais do sector para debater e profundar na aplicación da xustiza restaurativa dentro do sistema penal español.

O curso, dirixido polo Profesor Doutor Alfonso Serrano Maíllo e coordinado pola Directora do Centro Asociado, Ana Mónica Novo García, ofreceu unha perspectiva detallada sobre como a xustiza restaurativa pode complementar ao sistema penal tradicional, promovendo o diálogo entre vítimas e vitimarios. Este enfoque busca dar un papel máis activo ás vítimas, facilitando encontros e conferencias que promovan a reparación e o entendemento.

A inauguración, celebrada o 3 de xullo, contou coa participación de:

  • Elena Maculan, Secretaria Xeral da UNED    
  • Nadia Arias Iglesias, Subdirectora de Tratamento do CP Teixeiro

  • Ana Mónica Novo García, Directora do Centro Asociado UNED A Coruña

Nesta mesma xornada inaugural, Miryam Tapia Ortiz, Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias, contextualizou a xustiza restaurativa en Institucións Penitenciarias, proporcionando datos estatísticos e detallando procedementos, avances e retos. Elena Maculan ofreceu un relatorio maxistral sobre a evolución da xustiza restaurativa desde unha utopía ata a súa implementación real na execución de penas.

A segunda xornada do curso iniciouse coa exposición de Rosa Sánchez González-Dans, avogada e mediadora, que abordou no seu discurso a incidencia das adiccións e problemas de saúde mental nos procesos restaurativos; a continuación, Nadia Arias Iglesias compartiu a interesante e reveladora experiencia do CP Teixeiro na participación de vitimarios en talleres de xustiza restaurativa. Ana Rodríguez Piorno, xuíza con competencia en violencia sobre a muller, discutiu a xustiza restaurativa en casos de violencia de xénero.

A xornada culminou cunha mesa redonda na que participaron representantes de diversas entidades colaboradoras especializadas en xustiza restaurativa, como AMPC, CONCAES e CONCORDAR.

O 5 de xullo, a profesora titora, avogada e mediadora Sonia Valbuena García falou sobre as intervencións restaurativas en expedientes disciplinarios e os seus beneficios.

O director do curso, Alfonso Serrano Maíllo, pechou o ciclo de conferencias cun relatorio sobre os fundamentos criminolóxicos da xustiza restaurativa e os seus descontentos, onde con gran rigor académico expuxo o seu punto de vista sobre a aplicación das metodoloxías propias da xustiza restaurativa no contexto actual, nunha animada exposición, na que contou coa participación dos internos en lecturas de fragmentos do Quixote, que convidaban á reflexión e ao debate.

O curso finalizou cun acto de clausura no que participaron o Director do curso, Alfonso Serrano, a Subdirectora de Tratamento do Centro Penitenciario, Nadia Iglesias e Ana Mónica Novo García, Directora do Centro UNED A Coruña.

Durante estes tres días, o curso de verán “A Xustiza Restaurativa no Ámbito Penitenciario” constituíuse en plataforma activa para o intercambio de coñecementos e experiencias, ao mesmo tempo que puxo de relevo a importancia da xustiza restaurativa como unha ferramenta efectiva e transformadora de vidas e comunidades. Os relatorios espertaron gran interese entre os asistentes, entre os que se combinaban internos, profesionais e alumnado externo da UNED, quen, coas súas numerosas preguntas e intervencións, provocaron un diálogo continuo cos ponentes, así como debates sobre as cuestións máis polémicas, entre as que se situaron sen dúbida, os seus ámbitos de aplicación. Todo iso, unido ao nutrido grupo de alumnado externo que se matriculou no curso, acudindo cada día ao Centro Penitenciario, deixaron constancia do éxito alcanzado con esta iniciativa. 

Para máis información sobre futuros cursos e eventos, visite a páxina de cursos de verán da UNED.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es