Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A voltas coa crise e a economía

15 de abril de 2013

Xulio Gaspar Sequeiros Tizón, profesor titor de Economía en Centro Asociado A-Coruña, dános a súa visión do escenario económico actual.

Xullo Gaspar Sequeiros Tizón, Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago. É catedrático de Estrutura Económica e Director no Departamento Economía Aplicada da Universidade da coruña.

Actualmente ocupa o cargo de vicepresidente da Sociedade de Economía Mundial.

Desempeñou os cargos de decano na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e de vicereitor de Asuntos Económicos na Universidade da coruña. É profesor titor da UNED.

P- Xullo, tal e como está o escenario actual económico, e falando cun experto en economía a pregunta é obrigada, estamos no camiño da recuperación económica no noso país?, dito doutra forma, facemos o necesario para unha pronta recuperación?.

R.- "Particularmente son da opinión de que é mellor poñerse unha vez vermello que cen colorado. Estamos facendo o necesario pero a un ritmo moi lento. Despois de cinco anos de recesión, aínda temos un déficit público moi elevado, o sector financeiro podería necesitar unha segunda reestruturación e ocrédito non flúe ao sector privado. E todo isto cun desemprego case ao 30 porcento. Por se fose pouco, o contexto europeo (e internacional) tampouco axuda. Por exemplo, a recente crise de Chipre xestionouse dun modo improvisado e caótico. A este ritmo imos ter crise para anaco... "

P.- Durante estes anos de depresión, teranlle feito esta pregunta máis dunha vez; ¿que postura económica habitualmente enfrontada defende: aumento de gasto público ou déficit cero?.

R.- "Encantaríame poder defender o incremento do gasto público como un medio para expandir a demanda agregada e así, a taxa de crecemento e a xeración de emprego. Ao meu xuízo, unha política deste tipo choca con dúas dificultades insalvables. En primeiro lugar este incremento do gasto público tería que facerse a través dun maior endebedamento do estado e, lamentablemente, isto non é posible: temos xa unha débeda próxima ao 100 por cento do PIB e estamos a pagar preto do cinco por cento de taxa de interese polo endebedamento novo (isto é, unha prima de risco superior a 350 sobre o bono alemán).

En segundo lugar, este incremento da demanda interna vía gasto público é moi posible que se alimentase con produción de importación e non con produción interna. Os chineses son especialistas nisto. Noutras palabras, non nos queda outra que axustar o déficit, polo menos, a cifras inferiores ao tres por cento anual. E aínda nos falta bastante".

P. -Lamentablemente nos últimos tempos cada vez hai máis colectivos que se ven afectados por unha cuestionable xestión económica nalgúns casos no ámbito privado, que afecta directamente ao público.E simultáneamente nos erguemos a diario cun novo caso de corrupción. ¿Poderá resistilo a economía deste país?.

R.-"Agradezo que me fagas a pregunta. Esta é unha cuestión básica. As sociedades cunha democracia avanzada (e cuns medios de comunicación áxiles) necesitan un grao moi alto de consenso social sobre o"estado da nación". Ao meu xuízo este consenso, en España, estase a fender porque a corrupción afecta practicamente a todas as instancias e instituciónsdo estado. Non se libra ningunha. Estamos a ver, ademais, como as empresas privadas se suman a esta corrente. A quebra das caixas de aforro con indemnizacións millonarias pactadas semanas antes da nacionalización, a venda masiva de accións de empresas días antes da súa quebra, etc..

Estes feitos, de coñecemento xeral polo conxunto da sociedade, requiren unha actuación da xustiza rápida e contundente. Lamentablemente a xustiza en España é moi lenta é moi garantista. Unha reforma a fondo da administración pública tería que empezar por aquí. E de momento só temos boas intencións".

P.- Como docente na universidade, cales son as preocupacións habituais dos seus alumnos?. ¿Cambiaron con respecto aos últimos anos?.

R.-"Hay unha diferenza moi grande entre os alumnos da universidade presencial e o alumnado da UNED. Na UNED os estudantes son xente adulta quere queformarse e prosperar no seu traballo. Sempre recordarei con moito afecto os primeiros anos noventa nos que tiña matriculados en clase aos dirixentes dos principais sindicatos galegos. Explicarlles o tipo de xuro e os seus determinantes era un auténtico pracer. Non obstante, na universidade presencial os estudantes non viron unha hipoteca na súa vida. Agora ben, as preocupacións duns e outros son as mesmas: qué facer unha vez rematados os estudos. Na UNED case todos os estudantes están xa a traballar e queren promoverse.

Na presencial tratan de conseguir o seu primeiro emprego. E tanto os uns coma os outros tropezan de fociños contra a crise. Temos que arranxar esta crise antes de que ela remate connosco".

P.- É profesor titor da UNED dende hai moitos anos. ¿Qué destacaría do seu alumnado?.

R.-"Os meus alumnos na UNED son xente xa adulta. Destacaría que son xente ambiciosa, traballadora e disciplinada. Son ambiciosos porque non se conforman coa súa situación persoal e tratan de mellorala a través do ensino superior, estudando unha carreira universitaria que lles forma como persoas e lles pode promover como profesionais.Son xente moi traballadora xa que, finalizada a xornada laboral, acoden ás titorías para resolver as súas dúbidas ou vanse para a casa para preparar as materias nas que están matriculados.

E moitas veces, sacrificando o seu tempo libre, os seus fins de semana e as súas vacacións.

E son xente moi disciplinada xa que un programa vital deste tipo --unha cotianeidade así-- hai que mantela ao longo dos anos e todos sabemos que isto non é doado. En fin... uns estudantes magníficos e uns cidadáns exemplares".

P.- Hai pouco celebramos o 40 aniversario da UNED.Que distinguiría da constante evolución desta universidade ao longo dos último sanos?.

R.-"Levo traballando na UNED 25 anos e son unha boa testemuña da evolución da institución. Aínda recordo aquelas instalacións no barrio da Sagrada Familia nas que comecei as miñas titorías. Era un espazo moi reducido, carente de luz natural e no cal tiñamos que compartir todo. Recordo ter clase no espazo reservado ás oficinas do centro os sábados pola mañá. Non había espazo dispoñible. Hoxe en día a UNED ten un centro amplo, ben dotado de medios e novas tecnoloxías. E con aulas abondo para impartir as clases e as titorías.

Porsuposto que a situación actual presenta deficiencias e limitacións que debemos mellorar entre todos. Pero tampouco debemos menosprezar o camiño recorrido. España mellorou moito nestas últimas décadas e o centro asociado da Coruña, fronte a como estaba a finais dos oitenta, é irrecoñecible".

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es