Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Diplomas á experiencia

8 de julio de 2013

O centro asociado corunés celebrou coa entrega de diplomas os seus alumnos sénior, o peche do curso académico

Eran as 11:00 da mañá do venres 5 de xullo. Calor na cidade, por fin.

O vestíbulo do centro asociado respiraba a excitación dos momentos previos a un acto destas características. Os nosos sénior chegaban do rural cargados de ilusións e coa emoción que embarga a satisfacción do obxectivo cumprido. Por fin ían recibir o diploma que acreditaba ter superado as esixencias dun programa académico universitario que para algúns supoñía un estímulo, para outros superación persoal ou mesmo unha nova forma de vida. O acceso ao a formación universitaria que ata agora, se lles negara.

Ser maior no rural galego presúmese difícil, pero ser maior e universitario no rural galego, ata non hai moito parecía un sono imposible. Hoxe é unha realidade.

Grazas ao empeño dun sacerdote de pobo, Luis Angel Rodríguez Patiño, que traballou para que os máis maiores do seu enclave rural puidesen acceder a estudos superiores universitarios. Conseguiu que Concellos de Monfero, Guitiriz, Aranga, Paderne, Irixoa e Xermade, colaborasen e desen apoio e cobertura e nalgúns casos infraestrutura, para que os seus maiores puidesen estudar na Universidade. A UNED, nun primeiro momento a dirección do centro asociado e a continuación os responbles sénior de sede central, confiaron dende o primeiro momento neste proxecto estimulante.

Sen esquecer os apoios institucionais, que son fundamentais para manter a arquitectura necesaria de recursos materiais e humanos neste proxecto. Sen estes apoios resultaría inviable responder con solvencia a todas as necesidades de demanda da UNED Sénior do rural.

Ana Novo, secretaria xeral do centro asociado, deu a benvida a todos os asistentes e introduciu a intervención de Felipe Senén, profesor dos sénior. Senén confesou a todos os presentes que dende o inicio desta aventura, desenvolveu unha continua aprendizaxe do contacto con todos os maiores: "son eu ou que aprendo de vos". Aprendizaxe que se nutre da dilatada experiencia de cada un dos alumnos sénior: os oficios que desenvolveu ao longo de toda a súa vida, a forma de vida que impón e propón o rural imprime non só carácter, suma personalidade.

A continuación o fotógrafo herculino, Xurxo Lobato, fixo unha presentación sobre a fotografía. De forma gráfica e amena presentou un percorrido onde se proxectaron algunhas fotografías que marcaron a nosa historia. Non podía faltar, como símbolo e sinal de identidade dun pobo galego marcado polas ausencias, a distancia e a emigración, a foto de despedida dun pai ao seu fillo. Impotencia, dor e pena. Lobato soubo como ninguén transmitir ao aforamento o que representa e simboliza a fotografía.

O escritor coruñés Manuel Rivas suceció a Lobato na quenda de palabra. Achegou unha gran dose de sensibilidade poética durante a súa intervención, momento en que recitou uns versos que facían alusión ás súas orixes, ao seu adn rural. Entre anécdotas, historias a medias entre realidade e ficcion, Rivas recordou a necesidade de non esquecer a historia, a realidade nosa verdade.

A quenda de intervencións institucionais estivo marcado por un lado polos agradecementos e por outro polas despedidas. As grazas foron parar ás institucións colaboradores da UNED Sénior por apoiar o proxecto, sen a súa cobertura nada de ésto se podería facer. Os propios representantes que estaban o venres na mesa, recoñecían o privilexio de formar parte dun programa destas características. Coro Piñeiro, secretaria xeral de Política Social da Xunta de Galicia, afirmaba que este organismo ía seguir apoiando os sénior como ata agora, "se os tempos melloran, mesmo máis".

Para Consuelo Gómez, vicereitora adxunta de Extensión Universitaria e Cursos de Verán era unha data moi especial, o mesmo que para o vicereitor de Centros Asociados da UNED, Antonio Fernández. Era a súa última intervención nun acto público oficial ocupando sendos cargos.

Gómez, con emoción deu as grazas á directora do centro asociado Susana Blanco, polo convite a este evento e pola estreita e frutífera colaboración que xurdiu durante este tempo. Antonio Fernández pechou seis anos de mandato, "no centro asociado de coruña, como eu quería. Despois de asinar un por un todos os diplomas dos alumnos sénior durante os últimos cursos, quería poñerlles cara, por fin".

Emocións, moitas emocións.

Antonio Cañás, presidente actual do Padroado da UNED en Coruña e membro da corporación da Deputación da Coruña, recordou a importancia de colaborar en iniciativas como esta.

Susana Blanco, non quixo perder a ocasión para agraceder publicamente a Luis Rodríguez, cerebro e alma dos sénior do rural, o seu traballo, o seu tesón e empeño e todo o que fai para que o proxecto funcione. Blanco agradeceu, igualmente, as autoridades que se encontraban na mesa e as que estaban situadas na primeira fila que representaban os Concellos colaboradores, o seu apoio. A asistencia de Rosa Galego, segundo Tenente de Alcalde do Concello da Coruña, Alberto Platas, César Longo, Benxamín Rodríguez e Xosé Teixido, Alcaldes de Aranga, Monfero, Paderne e Guitiriz respectivamente e o primeiro Tenente de Alcalde de Xermade.

En todas as palabras que se escoitaron o venres houbo máis dun punto de encontro, pero todos, sen expcepción, se encargaron de resaltar o papel de Luis, o pai Luis. Dinamizador o proxecto e a súa cara máis visible. Sen o seu traballo e tesón non sería posible estar a falar do universitarios do rural na UNED da Coruña.

Por todo isto o venres foi un día de festa. Un día de celebración.

Para calquera cuestión relativa a esta noticia enviar un correo electrónico a comunicacion@a-coruna.uned.es

p1000351p1000367p1000371p1000395p1000454p1000475
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es