Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Hoxe pénsase demasiado na tecnoloxía como resposta a problemas e demasiado pouco nela como algo que demanda unha resposta"

20 de marzo de 2014

Benito Arbaizar Gil, doutor en Filosofía, durante a súa charla "O universo está escrito en linguaxe matemática".

Benito Arbaizar Gil é doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese sobre a interpretación matemática do mundo en Descartes, ademais de autor de tres libros, profesor de secundaria e titor da UNED. Impartiu hai uns días a cuarta charla do ciclo "As frases dos filósofos", que se desenvolve no centro asociado UNED de Coruña de febreiro a maio de 2014. A súa charla partía da frase "O universo está escrito en linguaxe matemática" de Galileo.

Asistiron vintecatro persoas e a actividade púidose seguir gratuitamente por streaming.

P. Parabéns pola súa charla, onde presentou unha panorámica moi completa da mentalidade renacentista sobre a natureza a partir da frase "O universo está escrito en linguaxe matemática".

R. Esta frase foi elixida como cifra e compendio do que hai detrás da chamada Revolución Copernicana, entendida como o proceso que se inicia como unha revolución astronómica e remata establecendo en Newton o paradigma da física matemática clásica.

En canto á frase, aparece no parágrafo 6 de El ensayador, obra de Galileo que se publica en 1623 en resposta a outra do xesuíta Orazio Grassi e na que Galileo fai explícito o método que estivera a seguir nas súas investigacións. Ao comparar a natureza cun libro e contrapoñelo ademais ao resto de libros, en especial a Biblia, está a atacar o argumento de autoridade. E é aínda máis importante a súa afirmación de que ler ese libro require coñecer a linguaxe matemática, que é unha linguaxe que refire con exactitude as calidades obxectivas das cousas.

P. Polo que contou, o pensamento escolástico e a maxia eran dúas formas de abordar a natureza contra as cales se tivo que definir a si mesma esa nova ciencia que promovía Galileo.

R. Non hai separación maxia-ciencia dentro do paradigma hermético, no que se encadra boa parte do pensamento renacentista e a obra de autores emblemáticos como Giordano Bruno ou Paracelso.

Por outro lado, dentro da escolástica aristotélica non había sitio para unha física matemática. Dende a perspectiva da devandita escolástica, física e matemática eran dúas ciencias diferentes entregadas a obxectos diferentes: a primeira ao estudo do ser móbil, a segunda a entidades abstractas e inmóbiles. Ambas as dúas eran para a escolástica aristotélica auga e aceite. Boa parte da Revolución Copernicana consistiu en mostrar como os números, que supostamente son entes inmóbiles, dan conta do movemento. Así o fixo Galileo coa lei de caída dos graves, Kepler coas leis do movemento planetario ou Newton e Leibniz co desenvolvemento do cálculo.

P. Se o saber dos escolásticos se identificaba coa contemplación e o dos magos co poder, como se configura o saber dos novos filósofos naturais?

R. A importancia da maxia no Renacemento é síntoma dunha época, o Renacemento, onde o home, fronte á orientación trasmundana do período cristián, ten sede e busca unha saber de carácter non meramente contemplativo, senón pragmático. A maxia, en consonancia con esa nova avidez mundana, ofrecía un saber inseparable dun poder. Ese afán de dominio transfírese ao pensamento moderno e é fundacional deste.

Tanto Francis Bacon coma Descartes prométennos unha ciencia que nos fará donos da natureza. A diferenza entre a ciencia moderna e a maxia é que, mentres que na primeira ese afán de dominio se realiza a través dunha linguaxe denotativa que permite un control matemático rigoroso dos termos empregados, a maxia se vertebra a través dunha lóxica analóxica onde a relacións e significados se multiplican indefinidamente nunha semiosis incontrolable. A maxia é unha linguaxe da connotación, e a ciencia moderna establecerase como unha linguaxe da denotación matemática pura.

P. Houbo ao termo da súa charla un animado debate. As intervencións foron variadas, pero tiñan en común certo ton de desconfianza cara ao mal uso da técnica moderna. É xustificado?

R. Foi Heidegger, ben coñecido por sinalar o modo no que o mundo técnico ameaza a existencia, quen dixo que sería necio e miope arremeter contra a técnica. Na miña opinión, sería tan necio arremeter contra a técnica como abrazala coma se dun novo becerro de ouro se tratase. A técnica abriunos posibilidades asombrosas e creo que todos deberiamos sentir unha profunda gratitude por aqueles que fixeron e seguen facendo avanzar a técnica. O que non debemos de esquecer é que a técnica é máis un reto e unha pregunta que unha resposta. Creo que hoxe se pensa demasiado na tecnoloxía como resposta aos nosos problemas e demasiado pouco nela como responsabilidade, isto é, como algo que demanda unha resposta de nós.

Se convimos en sinalar que o home é "prol-yecto", a técnica é hoxe en día o aí do noso ser, o lugar onde nos movemos, vivimos e somos. Na medida que queiramos saltar cara a un futuro só poderémolo facer dende ese chan no que estamos "yectos" ou xacemos, isto é, só o podemos facer dende o escenario tecnolóxico que habitamos. Pero unha cousa é vivir a era técnica e outra ben distinta padecela. O mal uso ao que se fai referencia na pregunta sería, en todo caso, un uso irresponsable da técnica, un proceso en virtude do cal, a existencia humana é tecnocráticamente usada, amputada a mero cómputo, en vez de ser activamente vivida como interrogante que demanda unha resposta humana.

Texto e imaxe: Julio Ostalé García. Profesor tutor do Centro Asociado UNED-A Coruña e director do ciclo de Filosofía, "Las frases de los filósofos".

Páxina web da charla.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es