Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Estar matriculada nesta carreira, supón o primeiro paso para cumplir as miñas expectativas, para ser o que queiro ser. A pesar das trabas económicas, laborais ou personais"

26 de marzo de 2014

María Jesús Malca, alumna de Dereito no Centro Asociado e exemplo de constancia, traballo e esforzo.

Sempre fuxindo do meu temor ás matemáticas. Na ESO escollía optativas como Música, Ética, Cultura Clásica... E finalmente decanteime polo Bacharelato de Humanidades, Latín e Grego, no IES Sofía Casanova, en Ferrol. Encantábame a Historia da Arte, as Linguas Clásicas, a pesar de que moita xente, profesores e familiares discrepaban comigo en facer este Bacharel que me limitaría moito á hora de escoller unha carreira universitaria. Fíxeno e gustoume moito.

Cando chegou o momento de selectividade ninguén entendía a miña elección de carreira; o orientador dicíame que non existía Criminoloxía, a miña nai dicíame que fixese Dereito, algúns que fixese Relacións Públicas, Periodismo, Psicoloxía... Informeime e contactei con xente que estaba a estudar Criminoloxía e alá funme. Era o que quería facer. Ao ser un título propio, está fóra do ámbito das bolsas e a situación económica da miña familia non se podía permitir pagar nin a matrícula nin unha vida en Santiago de Compostela para que eu puidese estudar.

Non dubidei en buscar traballo mentres me examinaba para as probas de acceso.

Sen ningún tipo de experiencia profesional, empecei a entregar o meu currículo a todas as tendas habidas e por haber ou nas páxinas online de ofertas de emprego. Un bo día chamáronme de Decatlhon. Traballar era condición sine qua non para poder estudar o que eu quería. Tras mil entrevistas e probas conseguín o emprego, pero á vez ofrecéronme traballar en Zara, cubrindo baixas e vacacións ou momentos de reforzo. Decanteime pola segunda, e empecei a traballar o verán antes a empezar a carreira.

Non puiden vivir a vida universitaria que todos queren ao empezar a universidade, pero vivín unha diferente que me ensinou moitas cousas que me valerán para sempre. Ía a clases martes e xoves pola tarde o primeiro curso, e traballaba de luns a sábado polas tardes agás eses dous días grazas a uns xefes moi comprensivos.

Cando os meus contratos ían rematando, ían saíndo outros en diferentes tendas da mesma empresa, para ir cubrindo postos eventuais. Pero coa acentuación da crise, iso foi rematando así que aceptei un traballo que levaba tempo gardado de plan B: a noite. Empecei a traballar en pubs de Ferrol e Narón. Cando xurdía un oco na tenda combinaba ambos os dous traballos e estudar.

Os estudos funos arrastrando, estaba cansa, perdía as ganas, estaba preocupada por traballar para poder estudar. E o un, non me permitía o outro.

Criminoloxía duraba 3 cursos, e eu conseguíno finalizar ao cuarto, no 2013. Custoume moitas horas de traballo e sacrificios mentres os meus amigos saían, se divertían e viaxaban. Pero conseguíno. Moitas veces non tiña como ir a Santiago ás clases, outras non podería ir a exames polo traballo, pero sempre tiven mans que me axudaron. Todo isto mentres vivía conxuntura familiar difícil. Supuxo un cóctel moi complicado para estudar; perdía máis o tempo en preocupacións que nos manuais de Criminoloxía. Moitas veces penso, en que se tivese tido as facilidades das titulacións normais, bolsas, axudas de transporte, tivese sacado mellor a carreira e non aos tropezóns.

Algúns profesores da Universidade dicíanme: "Por que non fas este curso? Virache ben para o curriculum". Falaban de cursos de mil e dous mil euros, que eu nin soñaba con poder facelos. Ir a Santiago cada día supoñíame un gasto duns 30 euros. Dous días á semana, e tres, algún ano. Vivir alí sería sumarlle gastos de manutención que non podía asumir cos mini jobs que ía tendo.

Pouco a pouco funme forxando un currículo que nada ten que ver cos meus estudos, pero si me axudou a encontrar o meu traballo actual. Dependenta en C&A Modas, unha tenda de nova apertura en Parque Ferrol. Probas psicotécnicas, test de personalidade e entrevista persoal. Por fin conseguín un posto no equipo. Montamos a tenda, fixemos formación e aquí sigo, traballando.

Encontrar este traballo supuxo o meu empuxón cara á UNED.

Despois da malleira de 4 anos entre pubs, tendas, viaxes a Santiago e estudos, díxenme á miña mesma: "agora quero estudar Dereito". Picoume durante os meus anteriores estudos nos que a base, é o Dereito Penal. Ninguén o entendía: "estás tola" " ía ser eu! " Pero a miña resposta sempre foi: "se por min fora, estudaría aínda máis". Gústame aprender.

O meu primeiro contacto coa UNED foi aproximadamente con seis anos. Cando a miña nai intentou estudar Dereito a distancia, con tres fillas e ela soa. Trouxo á casa un libro que aínda conservo "Introdución ao Dereito" que eu lía con ela. Sempre mo recorda. Por aquel entón xa me gustaba coñecer o significado dalgún latinaxo, e cando decidín estudar, regaloumo.

Preocupábame un pouco o prezo da matrícula, pero a opción de non me ter que matricular en todas as materias, e de poder solicitar unha bolsa, animoume aínda máis.

O maior motivo que me empurrou a seguir estudando son as ganas de formarme, de adquirir coñecementos a maiores, para completar Criminoloxía. Cando preguntei ao director desta titulación en Santiago se coa súa superación podía acceder á carreira de Dereito na USC. díxome que non, pola súa condición de título propio. Pareceume inxusto e á vez nada sorprendente, pois sempre nos puxeron todo tipo de trabas para facer oficial a carreira.

Con este novo emprego e o contrato de longa duración, animeime a coñecer mellor como se realizan as titorías, exames e cursos na UNED. Saber que o podería compaxinalo co traballo, axudoume a decidirme.

Estar matriculada nesta carreira supón o primeiro paso para cumprir as miñas expectativas, para ser o que quero ser a pesar das trabas económicas, laborais ou persoais. Significa superarme unha vez máis e a satisfacción de estar a aprender todo o tempo.

A pesar de que para o meu actual traballo non é positivo; as posibilidades de crecer nesta empresa non existen, e nada teñen que ver co Dereito, pero este traballo é un medio para poder seguir aprendendo, estudando e conseguir o que espero desta carreira: os coñecementos necesarios e as bases para un posible emprego ámbitos xurídicos e criminolóxicos.

Superar estes estudos abriríame un abano de posibilidades no laboral; sumando ambas as dúas titulacións podo postular oposicións de tipo executivo, optar a un Máster ou ben a traballar en empresas empregando todos os coñecementos adquiridos. Un traballo que se corresponda co esforzo dos meus estudos e de todo o sacrificio realizado a través de traballos diferentes. A miña vida pode mellorar en moitos sentidos: na satisfacción persoal de ter conseguido as miñas metas, en obter un posto de traballo acorde coa miña formación académica, e quen sabe, nun posto que me permita a continuación de estudos permitíndome realizar un Máster.

Os sacrificios que me supón a miña triple vida, son moitos. Teño 23 anos, e levo "estas vidas" dende os 18 anos.

Perdinme moitas festas, viaxes de fin de curso, ter aforrado co esforzo nos traballos que tiven. Veráns sen praia -é unha das miñas paixóns-, comidas familiares ou sacrificios que afectaban ao meu estado de ánimo, que foi o que máis me pesou: días de tristura, de querer abandonar e conformarme con traballar como ata agora. Días de mal humor e de desgana.

No económico o ter traballado tanto e non ter podido aforrar supúxome priorizar en detrimento de viaxar, de comprar un coche fronte aos gastos da miña casa, comida, facturas e estudos.

Sen dúbida todos estes esforzos, pagan a pena e non me arrepinto nunca do que fago.

Un profesor de grego, que me apoiou moito dende a secundaria díxome unha vez: "χάληπά τα καλά”" (Jalepá tá kalá) e díxomo apropósito da situación que se me aveciñaba ao deixar o instituto. "O difícil, é fermoso". Esa frase significa o sacrificio que hai que facer para conseguir as cousas que pagan a pena na vida, todo aquilo que é bonito.

Por certo, tatueime esa frase.

O meu ámbito ten opinións diversas de todo isto, pero a maioría anímanme e apóianme. A miña nai sempre me esixiu o douscentos por cento durante os meus estudos de secundaria, pero agora apóiame, di que con calma e constancia -é a miña nai- podo con calquera cousa, sen fraquear. Ás miñas irmás todo isto resúltalles indiferente. A miña parella apóiame o cen por cento.

Os meus amigos máis do mesmo. Sempre din: "estás tola", non sabemos como tes ganas" pero sen deixar de darme o seu apoio. E sempre hai quen non entende o porqué de querer estudar, o ven unha obriga e non entenden que para min sexa unha elección. No traballo as miñas compañeiras tamén me apoian, sen entender moi ben o que me leva a este punto.

Dende que empecei, pouco a pouco vou descubrindo máis sobre a plataforma da UNED, realicei o meu primeiro curso, que tamén daba a opción de poder facerse por streaming. Con isto descubrín un mundo novo, cursos con prezos alcanzables, a distancia ou presenciais, ao alcance da miña man e con temas interesantes, útiles e moi diversos. Ata o momento só encontrara trabas, papeleos e a necesidade de ter diñeiro, diñeiro e diñeiro para poder facer un curso.

Paréceme doado de usar e moi útil, o mesmo coa forma de colgar o material de estudo de cada materia.

En canto aos logros; superar algunha materia é unha alegría tan grande como unha gran satisfacción. Respirar e dicir: "ben, conseguíno", significa motivarte para facelo coas seguintes materias. É unha inxección de enerxía para seguir traballando esforzándome cada vez máis.

Unha vez finalice a carreira véxome traballando "do meu", como se adoita dicir. Traballando como ata agora, con ganas e esforzo, aprendendo todo o que poida, e non descarto a idea de seguir estudando, porque me gusta. A UNED é unha porta aberta a iso para persoas cunhas circunstancias como as miñas. O esforzo e traballo é a clave de todo, estou segura diso.

Aínda que a conxuntura económica do país non estea a favorecer ao emprego, non perdo as ganas de mellorar.

Que me diferencia do resto dos alumnos? A responsabilidade, a constancia e o esforzo realizado dende os 18 anos ata os meus actuais 23. Sen perder as ganas de seguir e seguir estudando.

Non é moi común xente tan nova que compaxinase estudos e varios traballos -cheguei a simultanear tres-. Perseveranza, esforzo e responsabilidade.

Tocoume madurar dun xeito diferente, e non perdín as ganas de traballar e estudar á vez.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es