Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Tempo de reflexión no primeiro día do Curso de Verán

2 de julio de 2014

"Miradas sobre o encerro: saúde e enfermidade mental en prisión"

Esta mañá inaugurábase, nas instalacións do Centro Penitenciario de Teixeiro na Coruña, o Curso de Verán "Miradas sobre o encerro: saúde e enfermidade mental en prisión". A directora do Centro Asociado coruñés, Susana Blanco e o director do Curso, Antonio Viedma, daban a palabra aos primeiros relatores, unha vez transcorrido o momento de benvida aos 150 alumnos matriculados nesta actividade formativa. Viedma, apuntaba o carácter práctico e multidisciplinar das sesións propostas: "trátase dun Curso academicamente consistente, con moitas miradas: un espazo de debate".

Marcial Gondar, catedrático de Filosofía e Antropoloxía no Universidade de Santiago, abría o programa coa conferencia: "Saúde mental e cultura". Gondar comezaba parafraseando a Campoamor: "Neste mundo traidor, non hai verdade nin mentira: todo é segundo o cristal con que se mira", conectando así co fío condutor da súa presentación: a explicación do modelo teórico a través do emisor e a ausencia dunha única interpretación, xustificada pola presenza e o impacto de distintas crenzas e valores. Expuso, durante a súa intervención, a necesidade de tratar a cuestión cultural e lingüística como un factor de curación, en relación co significado das palabras, dentro do seu contexto cultural. "As mensaxes non son tal coa intención que se lanzan, senón coa intención que se reciben, de aí a importancia do contexto", sinalaba o relator. Isto podería explicar o pouco éxito de moitas das campañas que dende as altas institucións, poñen en marcha para atallar problemas como o tabaco; onde se alude directamente ao medo, sen un packaging ou envoltorio que as contextualice, en palabras de Gondar: "o medo non se soluciona con razóns".

Ao fío do tema central do curso, a enfermidade mental, o profesor Gondar falou dos tres ámbitos onde se camiña en distintos tempos: a cronicidade da enfermidade, a xestión do paciente terminal e a medicina preventiva. Xunto a estes tempos, que son, en realidade contratempos, como apuntaba, as causas do fracaso da medicina tradicional: a forte deshumanización da práctica médica e a importante medicalización do tratamento durante a enfermidade. Para finalizar a súa exposición, Marcial Gondar propuxo a busca de terapias que non tivesen que ver coa bata branca, tratando no posible, de des medicalizar ao enfermo.

Un gran reto, sen dúbida.

A segunda e última das sesións da mañá, corría a cargo de Carmen Suárez, directora de Programas no Centro Penitenciario de Teixeiro e José Antonio Martín, subdirector médico no mesmo Centro. Suárez e Martín, presentaron xuntos o Programa PAIEM de Atención Integral de Enfermos Mentais en Centros Penitenciarios.

Carmen Suárez achegou o escenario actual penitenciario a todos os presentes. Comezou a súa explicación dende a xeneralidade á concreción, dende a visión Europea ata a realidade galega. Realidade que pasa por situar a España nun 7º lugar en delincuencia, sendo un país onde o cumprimento das penas é máis rigoroso, e onde a poboación penitenciaria foi decrecendo. Por Comunidades Autónomas, Galicia encóntrase no sexto lugar,-comentaba- se ben a extensión territorial é un factor a ter en conta neste posicionamento. Suárez fixo alusión á conclusión dun estudo e análise realizada nos anos 2004 e 2005, onde todas estas cuestións supoñían entre un 3% e un 4% do PIB español e onde xa se falaba de índice de patoloxías mentais, en torno a un 9%, cifra que ía en aumento. A raíz das conclusións extraidas posteriormente desta análise, instouse os países da UE a través dos seus gobernos, a diminuír estes datos; as claves serían a prevención, rehabilitación e tratamento e a inserción social.

Con estes datos enriba da mesa, a problemática traspasouse aos Centros Penitenciarios e comezouse a traballar co Programa PAIEM, proxecto que nace con vocación amortecedora convivindo con distintas problemáticas: os efectos dun ámbito hostil, a prisión, o alarmismo mediático do propio sistema penitenciario, o peche de centros asistenciais e o alto índice de marxinalidade na poboación. Factores que empurraron nos anos 2005 e 2006, a crear o Programa Marco, anterior ao PAIEM actual.

No ano 2010 naceu o PAIEM Galicia para tratar -comentaba Suárez- nunha maior parte dos casos trastornos afectivos, psicóticos e a patoloxía dual: trastorno por abuso de substancias sumado a unha patoloxía mental. Este Programa consta de varias fases, -explicaba Carmen Suárez-, a inicial é a detección, no momento do ingreso, a segunda é fixar o nivel de intervención e avaliar que se vai facer e o tratamento que se vai aplicar. Esta intervención divídese en tres niveis onde a autonomía e a supervisión, varían en función do grao de necesidade de cada un, para nunha fase posterior, establecer un plan individual de rehabilitación para cada paciente e unha última fase, onde os esforzos se centrarían en conseguir unha maior reinserción social deste paciente.

Ao PAIEM o avalan o resultado das súas estatísticas positivas.

Para completar a información relativa á implementación deste protocolo asistencial a enfermos mentais en prisión, José Antonio Martín ofreceu datos relativos ao Centro Penitenciario de Teixeiro que puxeron de manifesto o éxito do proxecto nas súas distintas fases activas. Martín comezou a súa exposición facendo referencia ás problemáticas iniciais, en esencia, que motivaron unha intervención: o consumo de substancias, o VIH e a Hepatite B. Este escenario obrigou a crear un espazo propio dentro do Centro para tratar o enfermo mental.

A creación e implementación desta intervención, comentaba Martín, foi posible grazas a varios factores, por un lado a tres grandes piares da institución: sanitario, tratamental e vixilancia, a estes piares hai que sumar o papel do interno de apoio e as oenegés. Todo isto motivou, no ano 2011, a posta en marcha dun novo módulo de tratamento específico para esta problemática. Problemática que ía en aumento e que ata ese momento, non se conseguía resolver na súa totalidade. Martín describiu durante o seu relatorio, o importante papel do interno e apoio neste programa, interno que ofrece este tipo de cobertura a varios usuarios ou pacientes mentres permanece no Centro. Unha mellora en calidade de vida; de autonomía e satisfacción, así como unha diminución do nivel de conflito, animan a seguir traballando e máis e mellor neste estimulante proxecto.

Ao final desta primeira sesión, Antonio Viedma, director deste curso formulaba unha pregunta que invitaba, unha vez máis, á reflexión: cal é o papel do Estado neste Proxecto? Unha boa "sacudida á árbore" que propiciou, unha vez máis, un animado debate.

Imaxe: Antonio Viedma, director do Curso de Verán "Miradas sobre o encerro: saúde e enfermidade mental en prisión".

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es