Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Clausurado o Curso de Verán

4 de julio de 2014

Última xornada para os 150 alumnos matriculados.

9:30 horas da mañá e Manuel Roca Poveda, primeiro relator da última xornada do Curso de Verán en Centro de Teixeiro, comezaba a súa exposición: "Relación xurídico penitenciaria, enfermidade mental e minusvalidez intelectual. " Roca é subdirector de Tratamento no Centro Penitenciario de Segovia e profesor titor de Dereito Penal no Centro Asociado de Segovia.

"Os molestos para a comunidade, rematan en prisión", -sentenciaba- facendo referencia ao peche dos psiquiátricos e á volta destes enfermos a prisión ao tempo que mencionaba a Cervantes: "o cárcere é ese sitio onde toda incomodidade ten o seu asento". En torno a este tema hai que diferenciar, cando se fala de enfermidade mental, que se trata dunha cuestión de saúde e cando se fala de minusvalidez intelectual, a referencia é a unha desviación en torno a unha variable de normalidade, alusión ao Manual DSM. Dentro de prisión esta realidade convive sobrepoñéndose á diferenza. Esta diferenza está activa en todas as etapas durante o proceso, e é notable que os xuíces adoiten substituír unha medida privativa por outra non privativa se hai unha minusvalidez intelectual vs. á enfermidade mental. O obxecto, polo tanto, do que debese ser a política penitenciaria en temas mentais, teriámolo en rendibilizar o paso polo sistema- comentaba o relator-. Fronte a este obxecto un problema fundamental está no problema que subxacer detrás de moitos casos sen diagnosticar, e que hai que tratar e resolver a chegada ao Centro Penitenciario.

Roca apuntaba unha serie de cuestións adheridas a isto: o presuposto ético da política criminal e penitenciaria, a dignidade da persoa, a prevención da comisión de delitos polos que teñen anulada a capacidade de motivarse pola norma, a preparación da excarceración en beneficio dos internos ou a gran dificultade que supón a atribución desta problemática para o Centro Penitenciario, que no maior parte dos casos, é un auténtico reto.

Para aproximar as cuestións xurídicas a esta temática, o relator falou do que denominou "A mesa da ciencia": que facer co discapacitado intelectual, dende o punto de vista xurídico e do Dereito Penal. Que se vai facer con esta persoa? Cando? Como? Xorde de novo o concepto da imputabilidade que na maior parte de casos, o suxeito non terá capacidade para comprendelo. Outra cuestión inherente é o presuposto da pena na culpabilidade, e a imputabilidade na capacidade.

Unha revisión dual de conceptos e termos.

En todo estes procesos, non hai que esquecer -apuntaba Manuel Roca- que os dereitos civís destas persoas teñen que estar garantidos: a tutela ou a curadoría. Seguiuse con máis conceptos relativos a este eixe temático: pena ou medida? Proporcionalidade e concepto de perigosidade.

Un punto de inflexión na sesión encontrou cabida na reflexión sobre a actual reforma que se está a estudar no Código Penal e que afecta de cheo no tratamento entre a pena e a medida, así como na posterior consecuencia deste tratamento e as medidas de seguridade que se puidese tomar, materializadas na prórroga do período no Centro Penitenciario, asumida polo xuíz. Á vista dalgunhas opinións dos presentes, non se presenta como unha medida especialmente exitosa, polo menos nun principio.

Roca recordaba a realidade penitenciaria: "non" hai "un individuo puro, hai expedientes que teñen penas e medidas en distintos procesos, de forma que un suxeito nun proceso é imputable e noutro inimputable, polo tanto a cuestión complícase demasiado". Referencia ao sistema vicarial e a desproporción en tempo entre penas e medidas. Esta realidade penitenciaria aborda moitas máis cuestións: diagnostico inadvertido no proceso, a mala prensa das medidas, o diagnóstico e responsables en procesos rápidos, a imputabilidade nun e inimputabilidad noutro. A etiqueta dual: hai internos nos que concorren unha serie de variables con grandes picos de influencia.

En referencia á relación xurídico penitenciaria, Roca aborda varias cuestións: actos torpes, non se pode interactuar fronte á administración, incapacidade natural. Capacidade de obrar da lei 30/92, que fai o centro penitenciario? Moitas menos habilidades, o que supón unha máis e mellor formación do funcionario para o trato co paciente (termo recente cara a estes internos). Garda de feito do director do Centro Penitenciario. Papel do educador e do seu titor. Limitacións de actividades da vida diaria, sempre en beneficio do interno. Mellora do ambiente, intervención do funcionario. Estratexia de autonomía persoal, intervención específica. Punto de vista social: familias, cuestións sociais e unha xestión de tratamento e preparación para a saída.

Antonio Viedma Rojas, profesor contratado Doutor no Departamento de Socioloxía I da UNED e director deste Curso, abordou a segunda sesión da mañá e a última do ciclo, clausurando así as actividades relativas a este. Viedma foi vicereitor adxunto nesta Universidade e mantén un vínculo estreito co ámbito carcerario, non só polas súas funcións de vicereitor senón polos seus estudos sobre o tema.

Antonio confesaba aos presentes a cantidade de dúbidas que o tema central do Curso lle xeraban. Dúbidas que aumentaron coa abordaxe multidisciplinar por parte de cada técnico que pasou pola mesa de exposición. Moitas preguntas de fondo, quizais porque no seu campo de traballo, a Socioloxía, actualmente se encontra nunha situación moito máis embrionaria e non é tan doado situarse e ter tantas certezas como noutras disciplinas. Non obstante a xustificación do Curso está máis que motivada, era necesario un ámbito de reflexión pero entre esta reflexión e adoutrinamento, hai un grande espazo -apostilaba Viedma- por iso a mirada global dun sociólogo ofrece unha perspectiva diferente, proporciona algunha crítica.

O tema do seu relatorio era: "Os usos sociais do tempo en prisión: castigo, resistencia e saúde mental" en alusión directa ao uso social do tempo. O relator comezou facendo referencia á saúde mental, problemática que afecta á base, cuestión transversal que toca a seguridade -comentaba-, e sen seguridade non hai convivencia, e sen convivencia non hai practicamente nada. O traballo sobre o tempo é empírico, é científico. Os calendarios como metodoloxía á hora da distribución e uso do tempo, non tanto enfocados ao cronos, senón como un acordo e medida do tempo.

A educación en prisión; idea de aproveitar o tempo como unha cuestión cun sentido social, non só como estratexia. Porqué ese "aproveitamento" do tempo? -lanzaba esta pregunta Viedma- é que no cárcere, só hai presente, nin pasado nin futuro. Para dar resposta a esta pregunta fíxose alusión a John Pratt e o seu texto "Castigo e civilización". O xeito en que unha institución castiga, define o seu grao de civilización. Construír a seguridade é un bo punto de partida, con esta construción aparece o Estado, que di como ten que ser ese castigo. Cédese, polo tanto, esta parte de individualidade e en contrapartida obtense seguridade. O individuo, por outro lado, comprométese a cumprir e aceptar as normas sociais. O Estado castiga os que se saltan e non cumpren esta norma. Chegamos ao "acordo".

Dende os castigos públicos dos primeiros das fases propostas por Pratt, pásase do castigo corporal na rúa, ao encerro na prisión, e con el, a invisibilización do castigo. Este proceso foi a máis co afastamento das instalacións das cidades, outra fase está na mellora das condicións de vida en prisión, dentro dunha lóxica de transformación do cárcere nun espazo máis civilizado. Trátase de dúas coordenadas: o castigo e a civilización. Isto transforma a evolución dentro da vida carceraria. A cuestión de seguridade como primeiro principio dentro do cárcere; a individual do propio preso e a dos funcionarios. O último paso é o desarraigamento do cárcere da sociedade. O cárcere é un estigma e como tal ocúltase.

A transformación fundamental do uso do cárcere -comentaba Viedma- ten que ver co tipo de castigo, en que se basean as penas? No tempo. A pena é o tempo. E esta é unha lóxica de civilización, como expresión maior deste concepto. E aínda máis: agora o que se pretende é cambiar o interno, dentro do uso dese tempo como xeito de penar, castigo exemplar. Aparece outra cuestión, a utilitaria do tempo é diñeiro. O tempo ten unhas características que serven de intercambio. O tempo é universal, é igual para todos, iguálanos. Pódese categorizar en función do delito. As claves: o comercio do tempo: por agravante quítase, por atenuante, concédese máis tempo. Troco entre comportamento a cambio de tempo.

Viedma apuntaba que en prisión hai dúas temporalidades que explican gran parte dos comportamentos do que alí sucede: a temporalidade do castigo que ten que ver coa pena, o cronos e a temporalidade do retorno que se constrúe sobre o presente, sobre dúas ideas: a espera e a rutina. Quen espera ten o control. A espera é algo moito máis profundo; é a demostración de quen ten o poder. A rutina ten que ver con intentar ancorar no presente. Esa ancoraxe é o que fai que o castigo sexa realmente castigo.

Por último abordouse a utilidade do acto de participación na escola pensando na utilidade de futuro. Isto rompe a rutina, a ancoraxe do presente. Alusión ás metáforas: "perder o tempo" ou "aproveitar o tempo". Esta técnica de afrontamento como resistencia mental do encarceramento, mellora a convivencia, concede unha aparencia de normalidade e permite construír futuro. Lóxica de civilización: linguaxe de transformación: preso-interno, ou enfermo.

Viedma finalizou o seu relatorio a xeito de conclusión de base sobre o PAIEM (Programa de Atención Integral de Enfermos Mentais en Centros Penitenciarios): "é unha resposta civilizada a un problema de seguridade". A clave está no punto civilizatorio de todo este proceso. E lanzou varias preguntas a xeito de reflexión é o Estado? Onde está nesta lóxica do retorno? Onde está a súa responsabilidade?

Como broche final, a directora do Centro Asociado, Susana Blanco, clausurou, xunto con Antonio Viedma, o Curso de Verán agradecendo aos 150 matriculados, o interese e a boa participación durante este programa estival.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es