Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Programa para mellorar a competencia social en adolescentes con Trastorno de Déficit de Atención con Hiperactividade"

21 de noviembre de 2014

Beatriz Riádigos Leal. Máster en Formación do Profesorado. Orientación Educativa.

Realicei os meus estudos de Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Ao ano seguinte decidín cursar a Diplomatura de Educación Social na UNED, compatibilizándoo co meu traballo nos servizos sociais dun concello. Posteriormente, orientei o meu labor cara ao sector da terceira idade, traballando en diversas residencias como psicóloga, e continuando coa miña formación para ampliar o meu perfil profesional.

Por que decidiches realizar o Máster na UNED?

Tiven un breve contacto co sector da educación, e por iso que me decidín a realizar o Máster en Formación do Profesorado, especialidade orientación educativa. A idea principal é ampliar a miña formación, de maneira que me permita traballar nun maior número de ámbitos.

Título do TFM

"Programa para mellorar a competencia social en adolescentes con Trastorno de Déficit de Atención con Hiperactividade".

Cales foron os obxectivos iniciais na túa liña de investigación?

Á hora de formular o meu programa, establecín unha serie de obxectivos a alcanzar coa implementación deste, e que abranguesen diferentes ámbitos da vida do alumno. Como obxectivos específicos, neste traballo de investigación formulouse:

  • Desenvolver as habilidades sociais do alumno.
  • Diminuír a impulsividade do mozo.
  • Potenciar as competencias do profesorado que está en contacto co alumno
  • para actuar de acordo ás súas características.
  • Facilitar a axeitada resposta da familia do alumno a posibles condutas
  • socialmente inapropiadas.

Unha vez finalizado e vistas as conclusións, que é o que resaltarías do traballo?

O meu traballo é eminentemente práctico, e implica a participación de todos os axentes educativos, tanto a nivel de escola coma a nivel externo. O alumno ten un papel principal na consecución dos obxectivos, reflexionando sobre a súa conduta e as actuacións que pode levar a cabo para reconducila.

Creo que o máis relevante do proxecto é que supón a actuación directa sobre un problema moi importante que se aprecia nas relacións sociais das persoas con TDAH, e que implica unha limitación na súa vida cotiá á hora de interaccionar cos demais, sentíndose en ocasións rexeitadas polo seu ámbito debido á súa conduta.

Investigouse moito máis sobre o tema?

O tema foi e é amplamente estudado, tanto a nivel teórico como práctico. Isto facilitou o meu labor, pois me permitiu poder consultar unha ampla bibliografía.

Que achega o teu traballo como novidade ao campo de estudo?

O traballo constitúe un punto de vista máis a engadir aos xa existentes sobre o tema, resaltando o seu enfoque eminentemente práctico e o feito de que actúa sobre diferentes dimensións da vida dos adolescentes. Ademais, ten en conta o funcionamento do instituto para implementar o programa sen que afecte de xeito importante ao funcionamento ordinario deste.

Dirías, á vista das conclusións, que é viable a súa implementación, se fose o caso? En que contextos?

É un programa claramente aplicable, se ben na actualidade sería máis difícil debido á conxuntura que está a vivir o sector educativo, con constantes recortes e temporalidade dos profesionais. A implementación do programa exposto no meu TFM implica unha continuidade dos traballadores, xa que os seus resultados se enxergan máis a longo prazo. O continuo trasfego de persoal restaría efectividade ás actuacións levadas a cabo.

Implantaríase no contexto escolar principalmente, se ben tamén se actuaría de forma directa coa súa familia, orientándoa nas súas actuacións co adolescente.

É a primeira vez que realizas un traballo de investigación? Como resultou a experiencia?

Na universidade xa realicei traballos para diferentes materias, pero nunca de tanta envergadura e profundidade como neste caso. Resultoume unha experiencia ardua, se ben tiven oportunidade de adquirir moitos coñecementos e reflexionar sobre un tema como este, de grande actualidade. Por último, destacar a alta implicación da miña profesora titora, facendo puntualizacións no meu traballo para melloralo e alentándome a continuar. Estivo sempre dispoñible para resolver as miñas dúbidas, canalizando o meu traballo cara ao camiño correcto.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es