Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Prepara os teus exames

13 de enero de 2015

Memoriza os textos de estudo doadamente.

A MEMORIZACIÓN

A memoria baséase na asociación de ideas novas con outras que xa se encontran estructuradas na nosa mente. Cantos máis sentidos, relacións e significado empreguemos, haberá maior asimilación, menor fatiga e menor tempo.

Existen tres tipos de memoria:

  • A memoria sensorial
    • A información permanece só medio segundo na memoria.
  • A memoria a curto prazo
    • A retención eventual do recordo dunha aprendizaxe durante un período que non excede duns cantos segundos: 20 ó 30.
    • A capacidade de almacenamento desta memoria é máis reducida que a longo prazo. Calcúlase que ten uns 7 ítemes (ou unidades de información) de capacidade, tales como números, letras, signos...
    • É extremadamente susceptible de interferencias.
  • A memoria a longo prazo
    • A retención e a capacidade de recordo poden prolongarse durante horas, días, anos...
    • Caracterízase pola perduración de pegadas; unha vez que un coñecemento é rexistrado pola memoria a longo prazo, permanece nela almacenado para sempre.
    • A retención permanente dun coñecemento depende de que a memoria a curto prazo a transfira á memoria a longo prazo.

As mensaxes, as informacións e os datos chégannos á memoria sensorial aínda sen que puxésemos atención suficiente, sendo retido apenas un segundo tempo.

Para que estes datos pasen o almacén de longa duración, chamado memoria a longo prazo ou memoria remota, é necesario usar varias estratexias:

  • Unha maior atención.
  • A asociación dos novos datos coas que xa posuímos.
  • Que se repita unha e outra vez ata a súa transmisión á Memoria a longo prazo.

O esquecemento, ou incapacidade para recordar algo do aprendido, pode deberse a:

  • Deficiencias no almacenamento.
  • Deficiencias na recuperación.

Ambas as dúas deficiencias teñen moito que ver coa forma en que organizásemos a información nova.

Formuláronse tres causas principais do esquecemento:

  • O desuso. A aprendizaxe deixa pegada no cerebro que ao non se reiterar por sucesivas aprendizaxes, vai sufrindo os efectos naturais do metabolismo, e esta continua erosión remata por borrar a pegada cerebral e prodúcese o esquecemento.
  • As interferencias. O que determina o esquecemento non é o paso do tempo, senón o que acontece neste intervalo.
  • O esquecemento motivado ou represión. O que unha persoa desexa recordar ou esquecer é un factor importante para explicar o esquecemento.

Ás veces pódense utilizar as chamadas regras mnemotécnicas, a súa efectividade é limitada e son útiles tan só para memorizar cousas moi concretas. É máis sensato memorizar a través da comprensión e de asociacións reais e lóxicas.

É imprescindible ter xa elaborados todos os resumos, esquemas, mapas conceptuais, cadros sinópticos, etc. É a partir desta información reorganizada por nós, reestruturada ao noso xeito, como imos poder memorizar.

Se fixemos as sínteses dos contidos, significa que xa aplicamos os principios da calidade do material que debemos memorizar, que unha boa parte da información xa está na nosa memoria e habería que aplicar o principio da repetición, utilizando esencialmente as técnicas de autoavaliación que se describen no seguinte apartado, pero dun xeito sistemático, é dicir, para todos os contidos que poidan ser obxecto do exame ou proba presencial.

A repetición por escrito e sen material pode ser útil para os que teñen máis desenvolvida a memoria visual, pois lle pode axudar a «forma» ou «debuxo» do esquema, cadro ou mapa conceptual.

En cambio, para os que teñan máis desenvolvida un tipo de memoria auditiva, pode ser útil gravarse os aspectos fundamentais dos esquemas, e oílos repetidamente en situacións en que poida prestarse atención abondo.

O REPASO

Fixar na memoria os aspectos relevantes de cada tema de estudo unha vez que xa foron comprendidos e traballados, evitando deste modo o seu esquecemento.

  • Repaso inicial. Ao día seguinte de traballar un tema.
  • Repasos intermedios.
    • Aos tres días do repaso inicial.
    • Á semana do anterior.
    • Semanalmente, ata facelo ben.
    • Mensualmente, unha vez sabido.
  • Repasos finais. Antes do exame hai que repasar en profundidade o aprendido, cantas máis veces mellor para buscar un coñecemento global, relacionando o sabido con cousas novas. Ler soamente os resumos, esquemas ou outros materiais xa elaborados

O repaso da noite anterior debería ser algo completamente diferente, non necesitará máis dunha ou dúas horas para reavivar e reforzar as nosas impresións.

Máis información aquí.

Fonte: Araceli Sebastián. Belén Ballesteros. Mari Fé Sánchez García. TÉCNICAS DE ESTUDIO (COIE UNED).

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es