Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A actual normativa de chan, tanto a galega coma a estatal, protexen suficientemente aos chans que non deben ser obxecto de transformación urbanística, en atención aos seus valores ambientais e naturais,".

4 de marzo de 2015

Carlos Pérez González, experto en Dereito Urbanístico e Medio Ambente.

Carlos Pérez González, é técnico xurídico de Urbanismo e Medio Ambente do Concello de Sada, actualmente en comisión de servizos no Concello de Arteixo onde presta servizos como director coordinador de Servizos Xerais. É Doutor en Dereito cunha tese sobre a "Ordenación Territorial e urbanística das zonas costeiras de Galicia".

Foi profesor asociado na Universidade da Coruña, durante 6 anos, sendo un coñecido relator e divulgador urbanístico e ambiental en diversos foros académicos: Escola Galega de Administración Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, Deputación Provincial da Coruña, Colexios Profesionais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños. Así mesmo, efectuou diversas publicacións en editoriais como Aranzadi, a Lei Actualidade ou a Revista Española de Dereito Urbanístico.

A Aula da UNED de Ferrol, acolleu os día 26 e 27 de febreiro un curso sobre normativa urbanística e a súa relación co Dereito Ambiental. Un tema de rabiosa actualidade que se traduciu nunha numerosa participación e un grande éxito de acollida por parte dos arredor dos 60 asistentes.

Dr.Pérez, durante a celebración destes cursos, cales son as inquietudes habituais e as preguntas frecuentes por parte dos alumnos nunha temática tan actual?

Os alumnos quixeron aproximarse ao Dereito Urbanístico e especialmente a todo o que ten que ver coa disciplina urbanística e ambiental. As súas inquietudes veñen referidas ao novo réxime de comunicación previa e á innecesariedade de licenza en determinados supostos, pasando por aspectos sectoriais como a lexislación de patrimonio e ambiental.

Con frecuencia asistimos á difusión de noticias que se fan eco das irregularidades urbanísticas en España. Normativa urbanística e de Dereito ambiental no escenario español, están en perfecta harmonía e van da man ou, na súa opinión, necesitan unha revisión para o seu mellor desenvolvemento e implementación?

Algún sector doutrinal sostén que estamos ante o "urbanismo ambiental" como novo paradigma. Non poden existir o un sen o outro. Teñen a mesma natureza. O urbanismo ao servizo das necesidades do home, nun axeitado contexto medio ambiental que combine a preservación dos valores naturais e a calidade da paisaxe.

A actual normativa de chan, é un texto realmente positivo na súa protección, dentro do marco do Dereito urbanístico?

A actual normativa de chan, tanto a galega coma a estatal, protexen suficientemente aos chans que non deben ser obxecto de transformación urbanística, en atención aos seus valores ambientais e naturais.

Imaxino que en todos os seus cursos se fala da pasada burbulla inmobiliaria e de a súa posible conexión coa chamada "Lei de liberización do chan" do ano 1998. Que hai de certo en que ese texto puido supoñer, polo menos, un punto de partida para o que logo aconteceu?

A Lei do Chan de 1998 supuxo un cambio de modelo con respecto ao sistema urbanístico español que tradicionalmente concibiu o urbanismo como unha función pública. A Lei de 1998 propiciou a iniciativa privada nun momento en que a planificación económica xeral do goberno optou pola expansión do chan como motor económico. En calquera caso, o seu alcance foi limitado, dado que as competencias urbanísticas dende a Constitución Española corresponden ás Comunidades Autónomas e aos municipios, estes últimos a través do plan. Non sería posible a expansión urbanística sen o plan urbanístico municipal que o propiciara.

Por último, na actualidade estamos legalmente "blindados" para enfrontarnos a outra posible burbulla urbanística?

Dende a Lei do Chan de 2007, actual Texto Refundido de 2008 houbo un cambio de modelo, na liña de alcanzar o desenvolvemento territorial e urbano sostible, así como a aposta pola rehabilitación e rexeneración urbana dende a última reforma de 2013. O maior logro, na miña opinión son as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, que zonifican o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Constitúen auténticas guías para a confección do plan urbanístico municipal, atendo á axeitada combinación de usos e a súa racionalidade, cunha fonda preocupación pola integración paisaxística e a calidade ambiental.

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en Facebook.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es