Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"O 20% das persoas con máis de 80 anos, padece demencia"

6 de marzo de 2015

Lina González Vázquez, pecha esta tarde o curso sobre "Psicoestimulación en persoas con demencia".

Hoxe finaliza na sede da UNED A Coruña o curso "Psicoestimulación en persoas con demencia", formación na que en torno a 40 matriculados; de forma presencial e online, tiveron a oportunidade de afondar sobre este tema.

Lina González Vázquez, é Diplomada en Logopedia, Técnica en Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións Sociais, é tamén Experta en Residencias e Atención a Persoas Maiores e Postgrao en Intervención Cognitiva e Logopédica no lesionado cerebral.

Conta con máis de 15 anos de experiencia, como logopeda, dende rehabilitación cognitiva de persoas maiores (psicoestimulación), atención a necesidades educativas especiais, atención sociosanitaria en parálise cerebral, en diferentes ámbitos e colectivos.

Desenvolveu a súa carreira profesional compaxinando en todo momento, o seu labor como logopeda en diversas entidades como RCP Rehabilitación, Sycer Psicólogos, ASPACE, Sanitas Residencial, Centro Geróntologico "A Milagrosa", Hospital Marítimo de Oza, ADACECO, Centros de Autismo ou o hospital de referencia na Coruña, o CHUAC, desenvolvendo o seu labor como autónoma, en casos especiais, servizo domiciliario, sen esquecer a súa formación complementaria e permanente ao longo da súa carreira profesional, sempre en busca dunha mellor calidade do traballo desenvolvido.

O certo é que os datos que se publican nos últimos estudos, revelan que a tendencia é, previsiblemente, que máis persoas padezan este tipo de doenza, aínda que é unha gran descoñecida para a gran maioría. Podería dicirnos que se entende por demencia?

"A demencia é unha diminución da capacidade intelectual en comparación co nivel previo de función.

Polo xeral, esta diminución vai acompañada de cambios psicolóxicos e de comportamento, dando lugar a unha alteración das capacidades sociais e laborais de quen a padece".

Se fose certa esta tendencia en aumento, a que se debe e se está a investigar para freala?

"A demencia afecta sobre todo ás persoas de idade avanzada. O 20% das persoas con máis de 80 anos, padece demencia. Debido ao envellecemento crecente da poboación, a demencia estase a converter nun problema de gran magnitude.

Os síntomas da demencia, e máis especificamente os do Alzheimer, poden ser tratados hoxe en día con medicación. Isto garantirá que as substancias que interveñen na comunicación intercelular se manteñan niveladas, retardando así o proceso de deterioración. Neurólogos de todo o mundo están a realizar investigacións científicas para intentar descubrir a causa da enfermidade de Alzheimer e os camiños eficaces para deter ou previr a enfermidade".

Cal é o tratamento habitual dunha persoa diagnosticada de demencia nas súas distintas fases?

"Existen dúas vertentes que conflúen para tratar as demencias, unha a farmacolóxica e a outra non farmacolóxica, nesta última inclúese a psicoestimulación, que se utiliza dende o comezo dos primeiros síntomas ata o final.

Falando dende unha perspectiva unicamente farmacolóxica, as persoas con demencia causada pola enfermidade de Alzheimer poden ser tratadas con medicamentos. Donepezilo (Aricept®), rivastigmina(Exelon®) e galantamina (Razadyne®) son usados para tratar os síntomas de grao leve a moderado da enfermidade. Estas drogas poden axudar a manter a capacidade de pensar, da memoria e de falar, e poden aliviar certos problemas de comportamento por uns meses e ata por uns anos nalgunhas persoas. Non obstante, non deteñen o progreso da enfermidade de Alzheimer".

Se volvemos aos datos, na súa maioría fálase da dificultade para frear e remitir a demencia, unha vez está diagnosticada. Posiciónase a psicoestimulación como un factor que retarda a súa evolución natural?

"Efectivamente, a psicoestimulación é unha terapia non farmacolóxica que fai referencia ás intervencións realizadas sen medicación co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas, e se basea na capacidade plástica do cerebro, a neuroplasticidade".

Cales son os efectos da psicoestimulaciónen un paciente?

"Antes do comezo da intervención, a persoa con demencia ha de ser avaliada para determinar o grao de deterioración que presenta, a fase na que se encontra, que capacidades mantén, para así ser estimulado axeitadamente.

O seu obxectivo é mellorar a súa capacidade intelectual, a súa autonomía, evitando a desconexión co seu ámbito, fortalecer as relacións sociais, aumentar a autoestima e o seu benestar, tratando a persoa como un todo, dentro dunha dimensión biopsicosocial".

O apoio familiar a persoas con demencia, postúlase como un dos factores elementais durante todo o proceso. Como se podería integrar o coidador dentro do programa de psicoestimulación?

O coidador, xa sexa familiar ou profesional sanitario, vai ser a persoa que asistirá a maior parte do tempo á persoa enferma, polo que hai que proporcionarlle as ferramentas necesarias para levalo a cabo correctamente integrándoo e coordinándoo durante todo o proceso.

Hai moitos factores importantes que deberán ter en conta como promover a autonomía e manter un ámbito estable na persoa con demencia, non obstante a sobrecarga do coidador familiar vai ser un hándicap contra o que teremos que loitar achegando o apoio e formación axeitada".

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es