Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Cursos de Verán 2015

4 de junio de 2015

Entrevista a Agustín Velloso, director do curso que se celebrará no centro penitenciario de Teixeiro os días 1, 2 e 3 de xullo.

É doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade Nacional de Educación a Distancia, onde é profesor titular no Departamento de Historia da Educación e Educación Comparada. Foi profesor visitante no Instituto da Educación da Universidade de Londres e na Facultade de Educación da Universidade de Stanford entre outras universidades.

Participou no Plan de Formación e Capacitación do II Laboratorio de Paz en Colombia, foi coordinador do proxecto "Edición de libros de texto de español para as escolas saharauís dos campamentos de refuxiados de Tindouf" e formou parte do equipo investigador do proxecto "Prevención da delincuencia xuvenil e do risco social dende a comunidade educativa", do Programa de Cooperación Interuniversitaria e Investigación Científica, da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional.

É autor de artigos e libros sobre os problemas da educación en Palestina, Iraq, Guinea Ecuatorial e Sahara Occidental.

En 2015 dirixe o Curso de Verán que organiza o Centro Asociado UNED A Coruña, "Os centros penitenciarios como espazos multiculturais", en Teixeiro, os días 1, 2 e 3 de xullo.

P.- Doutor, é profesor no Departamento de Historia da Educación e Educación Comparada na UNED e director deste curso de verán. Tratándose dun curso nun centro penitenciario, onde se falará deste como un espazo que aloxa un ecosistema multicultural, na súa opinión cal é o principal desafío ao que se enfrontan os responsables e traballadores destes centros en torno a esta multiculturalidade?

R.- Non me atrevo máis que a dar unha idea persoal ao respecto, xa que eles saben moito mellor ca min que desafíos teñen no seu posto de traballo. Pola miña propia experiencia, que vivín os cambios que experimentou este país, por así dicir maioritariamente branco, europeo e católico, todo isto con reservas e un toque cañí engadido, creo que estas características están en retirada.

Nuns casos por esgotamento, cada vez nacen menos nenos e estes coñecen moito máis mundo que os de antes (aínda que é unha pena que sexa principalmente por medio da televisión); ao tempo menos xente segue a Igrexa Católica especialmente os mozos. Os emigrantes aumentan en número, son novos, teñen máis fillos (isto cambia coas novas xeracións) e achegan culturas, costumes e relixións diferentes.

Nun centro penitenciario, como no resto da sociedade, isto déixase notar e eu creo que máis, posto que un de cada tres presos é estranxeiro, o que non acontece no resto da sociedade: marroquís, romaneses, colombianos e ecuatorianos entre os máis numerosos".

P.- Hai unha cuestión nada menor que un se pregunta en torno a este tema, fomos capaces de adiantarnos a esta multiculturalidade nestes centros (formación, espazos físicos, protocolos,etc.) ou foi algo sobrevido?

R.- "Supoño que ten sido sobrevido. Quizais tanto como o aumento do número de presos de nacionalidade española. Nun país no que descende a criminalidade resulta que aumentan os presos e as condenas. Por iso, non é tanto un asunto que se poida relacionar primeiro coa nacionalidade do interno, senón co sistema de penas do país".

P.- Na súa conferencia falará dos retos de ser-ou parecer- árabe ou musulmán no século XXI. Podería desvelarnos cales son algúns destes retos?

R.- "Podería, pero considera que é como pedir a un director de cine que desvele a trama da súa película non estreada. A cambio citarei soamente unha frase que escoitamos mil veces neste país e esquecemos outras mil, a pesar de ser un país de emigrantes polo menos dende 1492: Fun estranxeiro e acollíchesme (Mt 25,35) ". Hai outra moito menos coñecida pero que é máis acorde cos tempos que corren: "Queriamos man de obra e chegaron persoas". É do escritor suízo Max Frisch".

P.- Con frecuencia lemos nos medios xeralistas españois noticias sobre a percepción ou o impacto que suscitan os costumes e tradicións do colectivo de inmigrantes árabes e musulmáns no noso país. O uso do veo nas mulleres sería un paradigma de división de opinións e decisións. Na súa opinión, é correcto o tratamento e o enfoque que dende moitos medios se lles dá a este tipo de circunstancias?

R.- "Te adianto que é un dos puntos fortes da miña intervención e engado que o enfoque se move entre o paifoco e o neofascista".

P.- Nos seus textos de investigación e publicacións fala de Oriente Medio; Iraq, Palestina, Sahara Occidental, entre outros países, dende o rigor, compromiso, e unha boa dose de valentía. Como bo coñecedor de todas as súas causas, podería darnos algunha clave para comprender o motivo de tanto descoñecemento en torno a esta cuestión?

R.- "Hai varias, por resumir: o descoñecemento das masas, que non dos seus dirixentes políticos, é preciso para que sosteñan cos seus votos e os seus impostos os crimes de guerra, contra a humanidade e a continua violación da lei internacional cometidos por Occidente no mundo árabe e musulmán".

Máis información do curso aquí.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es