Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Que se tráte o alumno como a unha persoa, para min é a xustiza na UNED

10 de julio de 2015

Eduardo García Lodeiro, delegado de estudiantes de la UNED A Coruña.

Eduardo García Lodeiro é, por segunda vez consecutiva, delegado de estudantes do Centro Asociado UNED A Coruña. Neste novo período resultou ser un dos candidatos máis votados en todos os Centros, e multiplicou o número de referendos cunha avantaxada distancia, fentre o resto de postulantes.

Parabéns pola túa reelección como Delegado de Centro con 151 votos, representante da Sección de Enxeñeiros no Centro Asociado, ademais da Escola de Enxeñeiros, en sede central. Xa superado o proceso electivo e a proclamación definitiva, como o viviches?

Quizais con máis estrés que a vez anterior, xa que tiña máis información e resultou máis estresante o cumprimento dos prazos, comunicar á xente o que quería facer e o que fixera, pero en xeral unha experiencia moi positiva.

Con máis ilusión esta segunda etapa?

Por suposto. A vez anterior a miña pretensión era ser delegado da Escola de Industriais, e este ano tiña unha idea clara para traballar na delegación. Xa sei como se organiza o traballo, as reunións, e estás máis ilusionado porque sabes onde podes ser máis útil.

No teu argumentario anterior á elección de representantes, falas de conseguir unha UNED máis xusta, contribuír á mellora desta Universidade. O certo é que en moitos casos os alumnos descoñecen que pode facer por eles o seu delegado de Centro ou de Sección no Centro Asociado. Que lles dirías?

A UNED é unha Universidade moi importante, a universidade con máis alumnos de toda España. Na miña opinión a Universidade non está para gañar diñeiro, ten unha dobre función: educacional e formativa, non obstante non todo o mundo pode acceder ao ensino universitario co seu nivel económico. A igualdade que eu persigo é que todos os Centros Asociados teñan as mesmas condicións para todos os alumnos, é a miña idea fundamental. Logo habería que particularizar. Dentro de cada rexión, Centro Asociado, mesmo agora mesmo a recente organización de Campus Noroeste, a concepción da UNED, dende a perspectiva do alumno é que é unha "gran mole", pero é todo moito máis sinxelo.

O alumno ten que cumprir cos requisitos de prazos, documentación, pagamentos e unha vez cumplimentar a parte administrativa do estudante, é cando aparece a xustiza por parte da institución: conseguir que os equipos docentes estean moi ben organizados, sexan equitativos, dispoñan da mesma información en todos os Centros Asociados, en sede central...

Que se tráte o alumno como a unha persoa, para min é a xustiza na UNED.

En relación ao que espera o alumno da delegación... hai un claro desequilibrio entre o que o alumno demanda e o que se pode dar. O alumno busca que lle resolvas un problema puntual seu, individual. Como delegado, buscas resolvelo e extrapolar esa solución a casuísticas similares, doutros alumnos. Non é doado transmitir á institución unha queixa de forma xenérica, unha vez traducidos interese individuais en colectivos, ao departamento, Escola, Facultade ou Centro Asociado.

Como calquera organización, canta máis información teñas e sexas capaz de transmitir, pódense conseguir moitos máis logros.

Os estudantes deben entender as canles formais. Por un lado a necesidade e importancia do seu voto, por outro lado a cumprimentación dos cuestionarios de satisfacción, para dicirlle ao delegado cal é a súa referencia a propósito do titor, do Centro Asociado, do material que dispón, dos medios tecnolóxicos ou a biblioteca. Toda esta información é necesaria para poder trasladala aos distintos estamentos e aí ten que haber máis información, máis fluidez. A xeito de exemplo no fluxo de comunicación e información co alumno, hai unha serie de correos estipulados polo ROFCA que intentamos cumprir, e recorremos a medidas adicionais como redes sociais, telegram, nos organizamos en foros, etc. Digamos que necesitamos vías alternativas para chegar ao alumno, ante esa necesidade de información pola súa banda, boa ou mala. Non toda a información que chega é mala.

Esa información, é máis doada de trasladar, se hai 3, 4 ou mesmo máis puntos de vista, por iso insistimos na necesidade de participación e comunicación coa delegación. O mesmo problema non se traslada da mesma forma se é algo puntual que recorrente.

Un delegado é unha peza fundamental na vida universitaria, é o nexo de unión entre o Centro Asociado e o alumno. Pertenzo a varios equipos docentes, dende alí tense moi a claro onde se quere chegar, que hai que pulir. Ás veces a cuestión é saber como se pule, e para isto os delegados achegamos o noso granito de area e ofrecemos un punto de vista obxectivo, pero esencial. É este procedemento é unha auténtica recollida de información, transmisión e unha posterior "tormenta de ideas" co departamento, para que o alumno saia beneficiado. Isto é, en esencia, o que facemos os delegados, con independencia da estrutura xerárquica que nos organiza a través do Regulamento de Estudantes.

Cales foron os obxectivos cumpridos ou logros na túa primeira etapa como delegado?

Poder chegar aos alumnos.

Na miña primeira etapa non era delegado de Centro, era subdelegado e non puiden asistir ás primeiras reunións e tiven que resolver como puiden o que estaba enriba da mesa.

O máis importante dende o primeiro momento é ter a información para poder valorala, en segundo lugar, estar nos gremios adecuados para tomar decisións; Xuntas de Escola, Facultade, departamentos, sobre todo para resolver conflitos menores. Os de maior calado, algúns están sen resolver: a loita polos plans en extinción, as táboas axeitadas para o recoñecemento de créditos, melloras nalgunhas bibliografías...

O certo é que hai universidades que están a ofertar títulos accesibles e con calidade, e a UNED ten que poñerse as pilas.

No Centro Asociado conseguimos unha maior participación por parte do alumno, somos un dos Centros de España que máis participación tivo nas eleccións por parte do alumno. Eu fun dos delegados máis votados, e iso nun logro de participación.

Outro logro foi a xestión das orlas, en coordinacióncon o Centro Asociado.

Outro obxectivo cumprido, no caso da Escola de Enxeñaría, e na convocatoria extraordinaria de decembro, ter conseguido unha notable melloría, onde se pasou de dúas materias anuais, catro cuatrimestrales a oito. Formulouse nesta Escola e saíu para todas as Facultades dos plans en extinción. Para que isto se aprobase en Consello de Goberno, houbo que poñer de acordo a todas directores de Facultad, Escola, decanos, etc.

Dende a Escola de Enxeñeiros, outros logros foron facer unha lista das materias que se permiten cursar e cuales, non reducir os tempos de resposta nas validacións.

Agora hai novos retos...

Hai que destacar que todas as actividades organizadas pola Delegación de Alumnos son un éxito de participación. A que se debe esta boa aceptación? Hai novidades na planificación destas actividades nesta nova etapa?

Afortunadamente as actividades que se programaron nesta última etapa foron eficaces, así é como eu as catalogo. Non obstante é necesario ser prudentes, hai moita oferta de formación e é bo ser cautos. O traballo dos delegados quedou patente, así como o compromiso dos titores, a dirección do Centro.

Recibimos a felicitación do vicerrector de Centros Asociados na súa última visita: "como un dos Centros que máis actividades de Extensión Universitaria organiza por parte da Delegación de estudantes". Isto satisfainos. Oxalá que neste novo período, poidamos igualar ou mesmo mellorar, eses ratios de asistencia por parte dos alumnos.

Vanse facer cousas novas. Novos cursos, novas temáticas e novos formatos. O novo director do Centro, Germán Carro, está moi orientado á mellora e a potenciar este tema, e eu mesmo teño en mente implementar novos cursos. É por isto que os novos delegados necesitan empregar parte do tempo neste tipo de organización. Pola nosa banda, isto non vai parar, outro tema é a resposta e a asistencia.

Agora que xa formastes equipo a nova delegación recén electa, podes adiantarnos algún proxecto a curto ou longo prazo?

Cambiou un pouco a organización das disciplinas nas delegacións, Temos un delegado en Ciencias, moi importante, e Jonathan, que no ciclo anterior estaba en Ciencias Políticas e Socioloxía, agora pertence a Empresariales. Incorporamos unha delegada en Dereito, á vista do número de alumnos desta Facultade, é un dato importante. O obxectivo fundamental era ese, ter nas Facultades grandes representación, e nas técnicas, onde a pesar de non ser as máis numerosas, teñen un peso fundamental. Mellorar as delegacións e ter xente con peso e carisma. Cada delegado ten unha achega singular.

A partir de aí é un traballo diario, pechar máis actividades, xestionar de forma eficaz as queixas. Sobre este tema estamos a traballar coordinados co Centro Asociado nun protocolo de transmisión de suxestións ou queixas dos alumnos, ou se non se quere empregar este termo, "o sentir do alumno". Entendemos que por parte do Centro Asociado: Biblioteca, exames e titores son a alma máter. Non queremos tocar o PAS xa que este Centro é dos mellores de España, está acreditado na calidade da súa xestión e funciona moi ben.

Por iso, se se pode abrir a Biblioteca media hora máis, mellorar a oferta de bibliografía, os cursos cero por parte dos titores dentro do Plan de Acollida, sería fundamental. Agora estamos co tema da mentoría a raíz dunha reunión que tivemos coa directora do COIE de sede central. Adiantóunos parte de como lles gustaría dinamizar a figura do alumno mentor. É unha forma de que o alumno avantaxado, veterano e con ganas de ensinar e compartir o que sabe, poida orientar na vida universitaria da UNED, a un alumno que acaba de chegar por primeira vez. Se durante esta achega, se lle pode conceder créditos, mellor.

Nós imos apoiar esta iniciativa, o que si pedimos é que se coordine entre COIE, Facultades e Escolas, Centro Asociado e alumnos.

No momento da súa implantación, que papel desempeñaría a Delegación de alumnos?

Eu creo que o enlace entre mentor e delegación é necesario sempre xa que esta figura non é a responsable de transmitir unha queixa ou de acudir a unha reunión onde se aborden diferentes problemáticas de todo tipo. O que non poida resolver ou clarificar o mentor, quizais será unha parcela do delegado.

Pode ser unha idea moi boa se iso non se entende mal. Se o alumno entende que o mentor é unha figura que se responsabilizará de explicarlle os temas de clase, aí temos un problema, esa é unha función do titor do Centro ou titor en rede (TAR), -figura moi necesaria que se suprimiu e que dende as delegacións estamos reinvindicando-.

Vaise seguir apostando na mesma liña pola revista "Faro do Saber"?

É a revista da Delegación que leva uns cinco números publicados. Por suposto vai continuar. Queremos que colabore xente con máis experiencia e eu, propuxen unha serie de melloras encamiñadas a dinamizar a participación, e dende o Centro Asociado isto teña un recoñecemento. Creo que é un xeito de estimular aquelas persoas que achegan parte do seu tempo, quero marcar unha liña vermella en torno a isto. Débese compensar polo menos de cara ao currículo.

A parte de darlle unha volta ao formato, gustaríame incorporar a achega de xente externa para unha revisión de edición. Outra mellora é a autenticación dos contidos que se inclúan a xeito de trazabilidade, as persoas que escriban un artigo que non poida ser plaxiado ou copiado.

Coñece a Delegación de alumnos da UNED A Coruña.

Máis información aquí.

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en Facebook.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es