Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"O meu obxectivo sería que o noso Centro fose un punto de encontro para os titores que quixeran promover as súas investigacións, accións e actividades, e para a innovación e propostas dos nosos alumnos"

24 de julio de 2015

Germán Carro, director do Centro Asociado UNED A Coruña.

Pasado un mes da toma de posesión como director do Centro Asociado UNED A Coruña, e sen alcanzar os famosos cen días, atreveríase a facer un balance provisional?

"Recoñezo que facer un balance provisional é complicado nun posto como o de director porque cada día xorden novos retos e cuestións a resolver ou a impulsar, pero si debo dicir que neste mes me sentín arroupado polo profesional equipo de traballo do Centro e conseguín levar adiante varias das propostas que tiña en mente.

Estou satisfeito do conseguido ata agora? Si. Queda moito por facer? Sen ningunha dúbida. Aparecerán mañá novos retos que quizais trasladen a un segundo plano as formulacións iniciais? Por suposto. A flexibilidade e a adaptabilidade son características imprescindibles nun mundo tan cambiante como o actual".

Tivo que modificar a súa folla de ruta inicial e os seus obxectivos de partida?

"Como comentaba antes houbo momentos en que tiven que ser flexible nas miñas formulacións iniciais, pero a pesar diso se están a cumprir os obxectivos iniciais. Aínda que o mellor de todo é que tamén foron xurdindo novas vías de traballo que non tiña pensadas e que ofrecen novas posibilidades".

Pregunta obrigada, xa fixo cambios neste mes e medio?

"Recorrendo ao humor, hai unha premisa básica que coñecemos todos os informáticos e é "se funciona non o toques ".

O labor realizado durante os últimos anos pola anterior Dirección e este mesmo equipo de traballo consolidou a posición do Centro e a súa estrutura. É evidente que a min me gustaría mellorar no posible o conseguido e dotar daqueles aspectos positivos da miña personalidade ao Centro. Nesa liña é cara a onde se dirixiron os principais cambios.

Como sabes, vingo do mundo empresarial e se ben eu tiven; e teño; que ir adaptándome ao funcionamento dunha institución académica pública como a UNED, e aprender día a día as posibilidades e retos que isto supón, tamén intentei dotar o Centro de parte da motivación, e innovación que traio comigo.

Dende o meu punto de vista os medios de comunicación, son moi importantes para posicionar ao Centro no seu ámbito local. Tamén considero que dinamizar as actividades relacionadas cos alumnos como a socialización, e posta en común de actividades pode afianzar aínda máis o noso compromiso con eles. Os titores supoñen unha parte fundamental desta estrutura de traballo co que a implicación do Centro con eles e viceversa é sempre unha ferramenta básica para mellorar. Da mesma forma o meu perfil ao longo da miña experiencia profesional me derivou a unha actitude de traballo colaborador, xuntando esforzos e buscando o que cada membro do equipo pode achegar. Posiblemente os maiores cambios fosen nesas direccións, pero como ben dicías ao principio da entrevista, aínda non pasaron nin 100 días, co que o tempo o dirá".

Que plans lle esperan a curto prazo e a volta do cesamento de agosto? Cal é a axenda inmediata para setembro?

"Continuar cos movementos xa iniciados. Pensa que agosto nos obriga a baixar a intensidade de traballo na busca de colaboracións, contactos e posta en marcha de propostas, co que intentamos avanzar o máximo posible antes das vacacións para deixar listo o escenario sobre o que empezaremos a traballar en setembro. Se durante estes dous meses; en parte a teor das eleccións; centrámonos máis na vertente institucional, como primeiras accións á volta de vacacións potenciaremos o achegamento ao mundo empresarial tanto na formación; xeralista ou "á carta"; como no emprendimiento e a investigación".

Foi alumno do Centro Asociado e colaborador en distintas iniciativas. Coñecémolo algo máis a través das entrevistas que concedeu a medios. Haberá moitos alumnos (mesmo profesores titores) que se pregunten como será esta nova etapa á fronte desta institución académica e que liñas de traballo se conformarán como esenciais durante o seu mandato. Que lles diría?

"Colaboración dende o primeiro momento. Xuntar esforzos dende os tres vértices do triángulo que constitúe o noso Centro Asociado: persoal do Centro, alumnos e titores. O meu obxectivo sería que o noso Centro fose un punto de encontro para os titores que quixeran promover as súas investigacións, accións e actividades, e para a innovación e propostas dos nosos alumnos, a súa curiosidade, actividades, visitas, e poder incrementar as posibilidades laborais de todos aqueles que confían na UNED como vehículo de coñecemento e de mellora profesional. A investigación, a innovación, a dinamización a través de cursos, eventos ou congresos así como a posta en marcha de novos convenios de colaboración son os retos que me gustaría afrontar neste futuro próximo para achegar o meu granito de area a este proxecto do que sempre me considerei parte; en todo momento como alumno, logo como dinamizador e investigador e agora como director".

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en Facebook.

Horarios provisionais+info
AVISO: A Biblioteca da sede da Coruña permanecerá pechada o luns 14 de xuño en horario de mañá. Desculpen as molestias.+info
Nexus Event SAEE UNED A Coruña 2024+info
UNED Sénior A Coruña
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es