Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Cos anos comprendín que son construída por todo aquilo que constrúo e que son responsable de cada construción, gústeme ou non"

27 de julio de 2015

Vita Martínez Vérez, profesora titora na UNED A Coruña, Doutora en Socioloxía, autora de publicacións relacionadas con procesos socializadores.

Vita Martínez Vérez, é profesora titora do Centro Asociado UNED A Coruña. Diplomada en Traballo Social e Doutora en Socioloxía, durante anos traballou no ámbito do comunitario, xerando vínculos e experiencias afectivas en ámbitos críticos e desfavorecidos. Actualmente, é profesora no C.I.F.P. Ánxel Casal (Montealto). Exerce o seu labor profesional no Ciclo Superior de Educación Infantil e no grao deTrabajo Social.

A súa tese doutoral "Os coidadores informais na enfermidade de Alzheimer. Procesos, claves e alternativas", foi realizada e presentada na Universidade da Coruña no ano 2011.

Asinou, tanto de forma individual como colectiva, diferentes publicacións relacionadas cos procesos socializadores.

Alzheimer, alcohol, adolescencia, mulleres e violencia doméstica. A súa área de traballo é moi extensa e prolífica, cal diría que é a súa especialidade ou a cal lle dedicou máis horas de estudo e traballo?

A miña historia de vida laboral comezou antesde o previsto.

Completei os estudos de traballo social con vinte anos e aos vinte e un xa estaba na administración.

A partir de aí e ata os 33 traballei en diferentes áreas sociais, como a atención á muller, os servizos sociais comunitarios e as persoas maiores.

Cando rematei a diplomatura, era novo, e me parecía que sabía moi pouco (aínda agora parécemo). Necesitaba coñecer e afondar acerca de determinadas cuestións para comprender o mundo. Sempre me gusta "pensar pensamentos" (parece unha redundancia, pero non o é). Por iso estudei socioloxía e doutoreime nesa área de coñecemento.

Hoxe en día sei que non formo parte do mundo, senón que son nel. Cos anos comprendín que son construída por todo aquilo que constrúo e que son responsable de cada construción, gústeme ou non. O papel do actor social é fundamental no curso da historia humana.

En calquera caso, na elección das miñas liñas de investigación, interviñeron factores emocionais.

As miñas dúas avoas padeceron a enfermidade de Alzheimer, e en ambos os dous casos, a familia coidounas durante todo o proceso. A miña avoa María conviviu 14 anos coa enfermidade e pareceume que ese coidado era tan importante ou máis que os goles de Messi, así que pensei en investigar o papel do coidado familiar dende unha perspectiva de xénero. Aprendín moitas cousas importantes, entre elas, que a gratitude expresada na mirada, no recoñecemento das pisadas e na identificación da voz, era o que máis valoraban os coidadores, e entón pensei que é "o outro", quen nos constrúe.

A partir de aquí, a miña investigación empezou a centrarse na construción do eu en relación co lugar que ocupamos nos outros, isto é a alteridade.

De todas estas áreas, cal é a que necesita de máis amparo estatal ou cal é a menos protexida polos poderes públicos?

Creo que os poderes públicos non saben escoitar.

Durante estes anos convivimos cunha crise económica de consecuencias impredicibles. Asistimos ao desmantelamento progresivo do sistema de benestar e iso ten un custo humano moi importante.Todos notámolo, pero as persoas vulnerables, aínda máis aínda.

Pouco a pouco, acostumámonos a almorzar palabras antes descoñecidas, como desafiuzamento, débeda, quita, e mesmo, durante meses, vivimos pendentes da prima de risco. Foi un proceso duro e sentimos medo. Deixamos de confiar.

O traballo social cre que o papel da profesión consiste en desaparecer, en non facer falta, por iso insistimos na prevención temperá dos factores de risco. Nunca estivemos tan lonxe de conseguir ese obxectivo.

Pensa que unha familia que sufriu un desafiuzamento conviviu co medo durante meses, decepcionouse ao non encontrar traballo, tivo que recorrer ao sistema público, á familia, aos amigos. Buscou solucións que non apareceron e desilusionouse ao non encontrar. Finalmente, chega o desafiuzamento, a busca dunha solución familiar alternativa, a decepción. Tanta desilusión hai que recolocala e non sabemos como lles vai afectar esa vivencia aos nenos. Aí está a prioridade.

É necesario e urxente protexer as familias, xerando emprego e recursos sociais. A reconstrución do sistema público de benestar é un dereito ao que non podemos renunciar.

Dedícase á docencia. Pensa que é dende as aulas onde se poden cambiar estes problemas sociais?

A mirada dun profesor é importante, dalgún modo acompáñate, sabe de ti, das túas inquietudes. Creo que un profesor que sabe sacar partido á diferenza permite que as persoas pensen por si mesmas. Todos somos raros e preciosos. E todos, eu tamén, temos varias minusvalideces invisibles, encontrar a un outro que te entenda e te permita ser na túa diferenza é fundamental.

Neste sentido, os profesores de infantil e primaria son moi importantes. Recordo que Paulo Freire dicía que a educación non cambia o mundo, senón que cambia ás persoas que van cambiar o mundo.

No meu caso, son profesora de formación profesional e de universidade, e séntome en débeda cos mestres que me precederon e coas familias. Sería inxusto dicir que os meus alumnos son bos en relación ao meu traballo. É máis, non sería certo. Son bos porque xa os son, veñen feitos así.

Nas súas clases na UNED, cal diría que son as principais inquietudes dos seus alumnos?

Os alumnos da UNED son especiales.Tienen moitas inquietudes. A maioría deles traballan e ademais teñen familia. Necesitan tempo para estudar e valoran moito o que aprenden. Son xestores de oportunidade. Eu admíroos.

Estudan por interese real de coñecemento. Queren aprobar e traballar como todos os demais estudantes, pero non renunciana aprender de si mesmos.

Un ano, tivemos unha alumna, Judith, estaba enferma. Tiveron que practicarlle unha cirurxía heroica programada despois dos parciais, e faleceu na intervención. Pasaron os meses e, a final decurso, a súa nai contounos que aprobara os exames. Dixo: "Era feliz estudando e vindo aquí os martes pola tarde".

Só por coñecer a Judith paga a pena ser profesora.

Neste momento, está a pensar en ampliar máis área de estudo? Está a traballar nalgunha publicación?

Si teño a mente inqueda. Son así. Neste momento teño en cociña varios artigos que andan escribíndose por aí.

O ano pasado tivemos a oportunidade de organizar un curso que tivo un grande impacto na comunidade académica sobre a alteridade, e estase a xerar unha idea. Cremos que é un tema importante, no que coincidimos moitas persoas e que non se pode abandonar. É unha prioridade.

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en Facebook.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es