Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"O éxito da UNED vén da man da súa anticipación e acompasamiento aos novos tempos, ás novas esixencias, ás novas tecnoloxías aplicadas á Educación"

30 de julio de 2015

José Manuel Dapena Varela, é representante do P.A.S. do Centro Asociado e foi profesor titor na Aula de Viveiro.

José Manuel Dapena Varela é Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Integrado no equipo de persoal do Centro Asociado UNED A Coruña, resultou elixido no seu momento como delegado de Persoal por FETE-UGT e representante do P.A.S. no Padroado e no Consello do Centro. Foi profesor titor de Dereito Administrativo, Economía Política e Facenda Pública na Extensión da UNED en Viveiro, cando estaba adscrita ao Centro Asociado coruñés. Tamén impartiu formación sobre Dereito Sanitario e Prevención de Riscos Laborais na Escola de Práctica Xurídica "Decano Iglesias Corral".

Durante un tempo exerceu de asesor no Gabinete de Presidencia da Xunta de Galicia e de conselleiro técnico no Gabinete de Alcaldía do Concello da Coruña.

Nas últimas eleccións municipais obtivo acta de concelleiro nese Concello e dende hai uns días asume o cargo de voceiro do Grupo Municipal Socialista nesta casa do concello.

José Manuel, Cantos anos levas vinculado á Educación, desenvolvendo o teu traballo no Centro Asociado UNED A Coruña?

"Incorporeime ao Centro Asociado no outono de 1999, por concurso-oposición. Tres lustros nos que vivín o desenvolvemento e a evolución tecnolóxica da UNED, sempre pioneira nesta modalidade de ensino".

A UNED é unha universidade moi singular e, a pesar de atravesar os corenta anos de existencia (creouse en 1972) e de encontrarse en plena madurez, para moitos segue sendo unha descoñecida. Que ofrece esta institución educativa fronte a presencial?

"O hipotético descoñecemento da UNED pode considerarse máis histórico ou pasado, que actual. Os bos resultados obtidos na súa vida profesional polos alumnos da UNED, unido á flexibilidade que ofrece aos que desexan compaxinar a formación con outras actividades, supoñen un aliciente e unha saída para moitas persoas que, por exemplo, desexan simultanear os estudos coa súa vida laboral, o que patentiza e xustifica a crecente relevancia da UNED,".

Viviches en primeira persoa a evolución e transformación da educación universitaria nos últimos anos. Que é o que manterías e que cambiarías? Dito doutro modo e na túa opinión, que se está a facer ben e que habería que modificar?

"A adaptación aos tempos é un factor clave en calquera actividade humana. O éxito da UNED vén da man da súa anticipación e acompasamiento aos novos tempos, ás novas esixencias, ás novas tecnoloxías aplicadas á Educación. De aí o paulatino incremento do seu alumnado, tanto en ensinanzas reguladas coma en extensión universitaria, ou en idiomas. A estabilidade dos plans de estudo e o reforzamento dos medios materiais e económicos, a través das axeitadas dotacións presupostarias, son os elementos nos que debería sustentarse a calidade dos servizos ofrecidos ao alumnado, dos que, dende logo, o Centro da Coruña (dotado de libraría, biblioteca e solvente atención administrativa) pode sentirse orgulloso".

Fuches profesor titor na licenciatura de Dereito na Aula de Viveiro cando pertencía ao Centro Asociado coruñés. Sénteste tentado a volver ensinar nun futuro?

"O ensino en xeral, e na UNED en particular, é un labor sumamente agradecido. O contacto directo con alumnado moi diverso en idade e circunstancias, o coñecemento persoal do seu enorme sacrificio, disciplina e constancia constitúen enormes acicates para envorcarte na función docente titorial. Seguín mantendo o contacto con algúns dos meus alumnos e alegroume moito saber que licenciaban e iniciaban a súa vida profesional no mundo do Dereito".

Parabéns pola túa recente elección como concelleiro do Concello da Coruña e polo nomeamento como voceiro do Grupo Municipal Socialista. Esta situación obrígate a quedar en excedencia no Centro Asociado e a comezar unha nova etapa. Novos obxectivos, novas metas. Como ves o teu futuro nos próximos catro anos?

"Moitas grazas. Afronto estas tarefas políticas con tremenda ilusión. Un tempo novo con novos retos aos que haberá que adaptarse co maior compromiso e responsabilidade. Toda a bagaxe de experiencias e coñecementos adquiridos no Centro Asociado me será tremendamente útil nesta etapa de servizo público no ámbito municipal".

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en Facebook

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es