Elvira Sixto Anca é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2006 e graduada en Xeografía e Historia na UNED no ano 2013. En xuño deste ano finalizou o Máster Universitario de Formación do Profesorado nesta mesma universidade.
A nivel profesional, a súa experiencia está ligada ao xornalismo, desenvolvendo gran parte da súa actividade en emisoras de radio locais.
Por que decidiches facer un Máster na UNED?
"Realmente a decisión de estudar na UNED tomeina ao iniciar o Grao de Xeografía e Historia. Desde sempre me gusta a Historia e cando quedei en paro vin que era o momento perfecto para iniciar ese reto e poder ampliar tamén as miñas opcións no ámbito profesional.
A UNED ofrecíame flexibilidade e posibilidade de seguir estudando en caso de volver traballar e por iso decidinme por esta Universidade. A experiencia foi moi satisfactoria e á hora de realizar o Máster non tiven dúbidas: a UNED era a mellor opción".
Cales foron os obxectivos e motivacións cando che matriculaches? Persoais ou profesionais?
"Cando iniciei o Grao en Xeografía e Historia pensaba principalmente en obxectivos persoais. Como comentaba na anterior pregunta, apaixóname a Historia, as novelas, series e películas históricas, viaxar e coñecer o patrimonio... e estudando este Grao podería ampliar os meus coñecementos.
Pero ao mesmo tempo fun descubrindo outra opción laboral no mundo do ensino. Así que ao finalizar o Grao tiña que cursar o Máster de Formación do Profesorado para poder traballar como docente. Neste caso o obxectivo foi profesional".
Na túa opinión e no plano profesional, que che vai a achegar esta titulación a curto e medio prazo?
"No plano profesional, tanto o Grao como o Máster, ábrenme novas vías laborais, ao poder optar a traballar como profesora de Xeografía e Historia, ben no ensino público tras superar unha oposición, ben en colexios concertados ou privados".
Un pequeno xogo: tres adxectivos positivos e tres negativos do teu paso por esta universidade
"Como aspectos positivos destacaría a flexibilidade, o aprender a ser constante e traballar diariamente para conseguir os obxectivos, e a gran cantidade de recursos que ofrece para facilitar o estudo. No plano negativo só falaría da dureza dos primeiros meses ante a falta do contacto persoal, que si atopas na Universidade presencial por iso creo que, de ser posible, é importante asistir ás titorías ou crear grupos de traballo, por exemplo en redes sociais, para non sentir esa soidade ao estudar a distancia".
Anímasche a seguir estudando?
"Agora vou preparar oposicións pero nun futuro non o descarto. Decantaríame por Historia da Arte e repetiría na UNED".
------------------------~()~-----------------------
Síguenos en: