Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Trátase dunha certificación de prestixio internacional, que conta con máis de 6.500 acreditados en toda España"

31 de marzo de 2016

José Luis Cabarcos, relator do curso "A certificación PMP® en Xestión de Proxectos".

A UNED A Coruña acollerá do 9 ao 20 de maio, o curso para "A certificación PMP® en Xestión de Proxectos". Esta actividade desenvolverase na modalidade presencial e vía streaming, ao longo de dezaoito sesións en xornada de tarde na sede coruñesa da UNED.

A certificación Project Management Professional é un estándar de traballo que recolle a través de cinco áreas de coñecemento e 47 procesos, unha forma de traballar internacionalmente aceptada e valorada, que permite aumentar as probabilidades de peche do proxecto con éxito. Un dos obxectivos desta formación, dirixida en especial a persoas que traballan con proxectos, nas diferentes disciplinas como enxeñería, construción, software, ou consultoría, é formar e facilitar o coñecemento de procesos e ferramentas, así como as relacións e interaccións entre eles, co fin de superar o exame da certificación tanto do PMP® como do CAPM®.

Impartida por José Luis Cabarcos Corral, licenciado Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña, certificado PMP® polo Project Management Institute, MBA pola Escola de Negocios //Afundación, certificado en Lean Manufacturing polo LSSI, certificado en Coaching por ICC.

Traballou como director de operacións e director de área de negocio no Grupo Aluman dirixindo varios tipos de proxectos. Foi director xeneral, cargo que actualmente desempeña en CEO Solutions e as súas empresas vinculadas, ademais de dirixir o Executive MBA da Escola de Negocios de //Afundación e ser presidente de AELCI, asociación vinculada á competitividade e innovación.

O seu labor como docente desenvolveuse nos seguintes ámbitos: director do MBA Executive da Escola de Negocios //Afundación, responsable e profesor de cursos de dirección de proxectos para ICOIIG (Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais), profesor na Universidade da Coruña en dous programas de posgrao e seminarios. Distintos programas formativos da Confederación de empresarios e Administracións Públicas. Formación de ámbito nacional para a CEOE, profesor en varias edicións de master e formación In Company en varias empresas.

O próximo 6 de abril, na UNED A Coruña, comeza o curso para a certificación PMP® en Xestión de proxectos. A quen vai dirixido ou a que persoas pode interesar esta formación?

"En xeral interesa a calquera persoa que traballe con proxectos. En concreto ten unha aplicación moi aceptada no mundo profesional relacionado coa obra civil e arquitectura, industria en xeral, informática e telecomunicacións, empresariais, consultoría, banca. Como podes ver, o perfil é heteroxéneo por que a aplicación deste estándar de xestión de proxecto é moi versátil".

Como se van a estruturar as dezaoito sesións nas que se desenvolverá o programa previsto? Está enfocado desde unha perspectiva máis teórica ou práctica?

"A estrutura do programa, baséase no desenvolvemento do PMBOK® dunha maneira clara e efectiva, para profundar nas interacións dos 47 procesos que conforman esta metodoloxía, dividida tanto por grupos de procesos como por áreas de coñecemento. Na primeira parte da sesión, desenvolveremos o funcionamento teórico para comprender os procesos e ferramentas, mentres que a segunda parte da sesión será práctica discutindo exemplos prácticos baseados no exame de certificación".

Finalizado o curso, e na súa opinión que é o que achegaría esta actividade aos alumnos?

"Tres aspectos fundamentais: desenvolver a capacidade de xestión de proxectos cunha visión moi completa, mellorar a promoción profesional grazas ao prestixio deste tipo de formación e poder acreditar a formación requirida por PMI para acceder ás probas de exame para a certificación PMP®".

Podería dicirnos en que consiste e como é o procedemento para conseguir unha certificación PMP®?

"Trátase dunha certificación con moito prestixio internacional que xa conta con máis de 650.000 profesionais certificados a nivel mundial, e ao redor de 6.500 en España. Co mesmo exame, pódese obter o PMP ou o CAPM en función das horas de xestión de proxectos que se poidan xustificar. Necesítase acreditar 35 horas de formación, a cal quedará acreditada con este curso, e ademais hai que superar o exame de certificación, que consta de 200 preguntas tipo test e catro horas de duración. Na UNED da Coruña, convocaremos o exame presencial nas instalacións de Pepín Rivero 3, en caso de superar un mínimo de interesados en examinarse".

Hai distintos niveis de certificación?

"Con esta formación acreditamos as 35 horas que o PMI esixe para poder certificarse en PMP® ou CAPM. A única diferenza entre ambas certificacións, é o número de horas de xestión de proxectos que se poidan acreditar. O primeiro é para perfís con varios anos de esperiencia, mentres que o segundo é para perfís con menos experiencia".

Cal é o índice de aprobados en cada convocatoria de exames? Cal é o perfil profesional máis habitual entre os aprobados?

"A proba test para aprobar a certificación é complexa posto que obriga a ter a materia moi ben preparada, xa que as preguntas baséanse en relacionar conceptos e interacións. É por iso que a preparación debe ser mediante un estudo profundo e comprendendo moi ben as relacións e iteracións entre procesos. Moi difícil establecer unha media de aprobados, posto que depende moito dos integrantes do grupo e o seu interese, esforzo e dedicación de estudo para superar a proba".

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es