Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A medida que avanza o século XX, a escultura pública, autorreferencial e conmemorativa, irá convivindo con outras propostas, onde a intervención do artista formará un todo unitario na súa vinculación co entorno"

4 de abril de 2016

Pablo Cobas, en relación á súa conferencia "Escultura, instalación e paisaxe, no desenvolvemento da plástica contemporánea" o próximo 7 de abril.

O vindeiro xoves 7 de abril, a UNED da Coruña acollerá, a partir das 19:00 horas, a conferencia "Escultura, instalación e paisaxe, no desenvolvemento da plástica contemporánea", impartida por Pablo Cobas Roca, licenciado en Historia da Arte e doctorando da Universidade de Santiago de Compostela, que se poderá seguir de forma presencial e vía streaming.

Cobas, que participou na actividade cultural do Centro Asociado en distintas ocasións, tanto en visitas guiadas ao Parque Escultórico da Torre de Hércules, como en sendas conferencias "Novas formas de entender a cultura" no ano 2014, e no  Ciclo "Descubrindo a Arte", celebrado en 2013,  analizará as diferentes propostas escultóricas e a súa vinculación coa paisaxe, en especial aos referentes desenvolvidos durante o século XX ou XXI no ámbito galego ou internacional:

"Ao longo do século XX a proliferación de novas técnicas, materiais e medios de expresión, tanto na escultura como na pintura, fixo agotar a fronteira entre os xéneros artísticos tradicionais. Un esmorecemento dos límites entre as diferentes disciplinas plásticas, que tamén se irá facendo palpable coa simbiose entre instalación e a escultura. Ambas as dúas cobran unha nova dimensión cando se relacionan coa paisaxe. As distintas formas de interacción entre as obras de arte e o medio no que se desenvolven é unha concepción en constante expansión na arte contemporánea.

A medida que avanza o século XX, a escultura pública, autorreferencial e conmemorativa, vai ir convivindo con outras propostas, onde a intervención do artista formará un todo unitario na súa vinculación co entorno. A partir dos anos 60, a irrupción do Land Art suporá un punto de inflexión, pois emprega como soporte a propia paisaxe para modificala cun sentido artístico. Isto supón que se desbota o carácter meramente obxectual da escultura e a súa condición de mercadoría, para trabar unha fonda dependencia cun lugar concreto. Deste xeito, Richard Long, Walter De Maria ou Robert Smithson tentarán rachar coa tradición da modernidade ao se desprender da idea de obra rematada e focalizar o seu interese nos procesos de creación.

A valoración do medio natural como integrante da obra de arte verase tamén reflectido no eido galego, ben sexa a través de artistas como Fernando Casás, figura senlleira nesta conexión entre arte e natureza, ou mediante distintos proxectos de intervención na paisaxe, como o Parque Escultórico da Torre de Hércules ou a Illa das Esculturas de Pontevedra".

 

Referencias bibliográficas de interese:

  • KRAUSS, Rosalind E. Pasajes de laescultura moderna, Akal, Madrid, 2002.
  • MADERUELO, Javier, Caminos de la escultura contemporánea, Edicións Universidade de Salamanca, Salamanca, 2012.

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

 

familiademenhiresdemanolopazpablocobasunedacoruna
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es