Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Cando volvín estudar despois de varios anos non sabía nin como empezar, ao principio dispós dun libro ou apuntamentos e un programa da materia e séntesche un pouco perdido. Logo, a medida que vas avanzando vas adoptando un método propio. Ao final podo dicir que conseguín estudar de maneira máis eficiente que antes"

11 de octubre de 2016

Francisco Javier Amigo, Enxeñeiro Industrial na UNED, curso 2016/2017.

Francisco Javier Amigo Fortes finalizou os seus estudos de enxeñeiro Industrial na UNED o curso pasado. Ademais é enxeñeiro Técnico en Química Industrial pola Universidade de Santiago de Compostela e complementou a súa formación cun Máster de Prevención de Riscos Laborais e un Máster de Auditor de Calidade e Medio Ambiente.

Atesoura experiencia no sector industrial e en prevención de riscos, aínda que a súa intención é enfocar a súa carreira na industria mecánica ou relacionada con materiais.

Por que decidiches realizar os teus estudos de Enxeñería Industrial na UNED?

"Tiña a Enxeñería Técnica, pero sempre tivera claro que quería ampliar os meus estudos. Cando atopei o momento adecuado fíxeno na UNED porque estaba a traballar, pero de calquera modo nunca voltaría ás aulas nunha universidade presencial, esa época xa pasou e a UNED ofrecíame un método máis individual, no que non te comparas con ninguén. Se estás a traballar, é é a mellor opción".

Cales foron os obxectivos iniciais cando te matriculaches por primeira vez? Persoais ou profesionais?

"Ambos. No plano profesional tentar mellorar as miñas aptitudes e mellorar as miñas posibilidades de atopar outros traballos ampliando os meus coñecementos nun campo tan extenso como a Enxeñería. Pero independentemente da súa utilidade práctica, no plano persoal para min era imprescindible terminar de formarme, aínda que iso nunca se alcanza realmente. Era unha meta para sentirme mellor comigo mesmo, a satisfacción persoal por terminar estes estudos é algo que ten un gran valor para min".

Como describirías o proceso nestes anos de estudo? Sentes que como estudante tiveches unha evolución na túa forma e tempo de traballo e de estudo desde os inicios?

"Recoméndolle a todo o mundo que non estea moitos anos sen estudar algo, o que sexa, porque se perde a "forma" e logo é moi difícil volver empezar. Cando volvín estudar despois de varios anos non sabía nin como empezar, ao principio dispós dun libro ou apuntamentos e un programa da materia e séntesche un pouco perdido. Logo, a medida que vas avanzando vas adoptando un método propio. Ao final podo dicir que conseguín estudar de maneira máis eficiente que antes.

Doutra banda teño que dicir que salvo en dous ou tres casos de profesores que non atendían adecuadamente os seus cursos virtuais -aspecto que a UNED debe tratar de mellorar-, na maioría das materias atopeime con docentes moi profesionais e que se interesan pola túa evolución se ven que te implicas, iso axuda a seguir esforzándote".

Na túa opinión e no plano profesional, que che vai achegar esta titulación a curto e medio prazo?

"Esta titulación proporcionoume unha base de coñecementos moito máis ampla e disciplinas que non coñecía e que espero que me sirvan no futuro, por suposto. Nunha Enxeñería, por sorte ou por desgraza, debes superar un Proxecto Fin de Carreira onde te dás conta que xa non tes un guión, senón que es ti o que achega os coñecementos, intuición, habilidade, imaxinación e moito traballo. Se se toma en serio é a materia da que máis podes aprender. Con isto quero dicir que en realidade cando se aprende é solucionando problemas, que é o que sucede no ámbito laboral, os estudos son un comezo.

Aproveito para dicir que a pesar de tratarse de estudos a distancia, as prácticas dalgunhas materias nesta titulación teñen un carácter presencial que non só é inevitable senón moi importante para ver cousas reais. Debería haber máis".

Como viviu a túa contorna estes anos de estudo? Tiveches que sacrificar tempo, renuncias...?

"Ti mesmo es o que estudas e o que sofres as frustracións pero as persoas da túa contorna ven afectadas tamén, é duro dicirlles ás túas persoas próximas que o fin de semana vas dedicar a estudar. Tampouco hai que obsesionarse, pódese compaxinar todo, pero sempre hai que sacrificar algo, hai que ter claro o que estás disposto a ceder da túa vida persoal e o que non. No meu caso concreto non conseguir terminar este ano supoñería que só podería continuar na titulación de Grao, esa opción non era boa para min, polo que os sacrificios tiveron que ser maiores para poder terminar a tempo".

Un pequeno xogo: tres aspectos positivos e tres non tan positivos do teu paso por esta universidade.

"Aspectos positivos: orde, liberdade e autoafirmación persoal. Non tan positivos: soidade, falta de empatía e recursos limitados (aínda que suficientes)".

Anímaste a seguir estudando?

"A curto prazo non, en principio alcancei o que quería, teño títulos suficientes e ter máis non me vai a axudar a ser mellor profesional, a prioridade agora é traballar. Por suposto sempre hai que seguir formándose, teño pendente mellorar o inglés. Máis adiante talvez queira aprender outras cousas, xa veremos. A miña valoración global é moi positiva e volvería estudar aquí se tivese que facelo por unha necesidade profesional ou vital".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es