Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A miña intención é lograr intermediar as demandas do colectivo ante o Centro Asociado da Coruña e manter unha postura de diálogo e man tendida coa dirección co fin de cumprir obxectivos para os profesores/as-titores/as".

16 de enero de 2017

Obdulia Taboadela, elixida representante do colectivo docente do Centro Asociado.

O pasado 21 de decembro de 2016 tivo lugar a proclamación definitiva de representantes de profesores titores nos Centros Asociados UNED, procedemento que se iniciaba o 31 de outubro coa convocatoria de eleccións.

No Centro Universitario da Coruña, a elección recaeu na profesora titora Obdulia Taboadela Álvarez, doutora en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e profesora titular na Universidade da Coruña desde o ano 1993.

Taboadela imparte docencia universitaria en Graos e Másteres, actividade curricular que completa coa participación activa en talleres e congresos.

A súa especialidade e área de traballo céntrase en Socioloxía Industrial e do Traballo; mercado laboral feminino; relacións laborais, Socioloxía económica e metodoloxía e técnicas de investigación social. Publicou numerosos artigos en revistas especializadas de ámbito nacional e internacional e é autora de textos en distintos libros publicados sobre relacións laborais, mercado de traballo e aspectos sociais da globalización.

Actualmente, Obdulia Taboadela pertence a un equipo de investigación na Universidade da Coruña que traballa ao redor das migracións, e participou en máis dunha vintena de investigacións de financiamento público e privado referidas ao estudo sociolóxico da sociedade española.

P.- Parabén polo resultado nas eleccións Por que decidiu presentarse ao cargo de representante do colectivo de profesores titores no Centro Asociado?

R.- "Moitas grazas. Son da opinión que os postos de representación han de ser asumidos como parte dun compromiso coas institucións onde se desenvolve a vida profesional, ademais, permiten un proceso de escoita activa do colectivo ao que representas que sempre enriquece o teu desempeño laboral".

P.- Cales son os seus obxectivos a curto e medio prazo? Que pode achegar de novo ao cargo?

R.- "Como representante do colectivo de profesores/as-titores/as, a miña intención é lograr intermediar as demandas do colectivo ante o Centro Asociado da Coruña e manter unha postura de diálogo e man tendida coa dirección co fin de cumprir obxectivos para os profesores/as-titores/as".

P.- Asumir o cargo leva representar e dar voz a un colectivo de aproximadamente cen profesores titores nos Consellos de Centro, de Claustro e Consellos de Dirección que se celebren a partir do momento da súa elección, como membro nato nos mesmos. Se tomamos como referencia a súa experiencia como profesora titora nesta institución universitaria, cales pensa que son as principais inquietudes dos docentes no Centro?

R.- "Aínda non tiven moito tempo para pulsar as demandas dos compañeiros e compañeiras do centro, aínda que parece lóxico que sexan demandas de mellora na carreira e as condicións laborais do colectivo o que máis preocupa. Unha cuestión concreta que si que creo que necesita mellorar sería un proceso máis transparente na asignación das materias Intercampus por parte da Sede Central".

P.- É certo que en ocasións a distinción entre profesor e profesor titor pode xerar confusións. Pode ser un bo momento para arroxar luz entre a actividade normal das dúas figuras docentes. Cal é a principal diferenza entre ambas?

R.- "Existe unha clara distinción entre o equipo docente nas distintas Facultades e Escolas e os profesores-titores nos Centros Asociados. A procedencia profesional e curricular dos profesores-titores é moito máis diversa que a do profesor universitario, regulada por Lei e unificada en todo o ámbito universitario público, tanto na universidade presencial como na UNED. Agora ben, o titor é tamén profesor, non profesor universitario no sentido mencionado, pero sen dúbida pode considerarse un docente".

P.- Na súa opinión, como se podería reforzar a figura do profesor titor de Centro e desde que ámbito?

R.- "Obviamente, o desenvolvemento de novas metodoloxías docentes na UNED levou un esforzo de actualización por parte dos profesores/as-titores/as moi considerable. Ademais, resulta innegable que as novas formas de docencia a distancia implican unha maior carga de traballo e unha maior "presenza" do titor/a que en épocas anteriores. Ese maior esforzo ha de vir recoñecido no medio prazo dalgunha maneira.

Resaltar que precisamente o noso centro Asociado é un dos máis activos na atención a titorías, web e vídeo conferencias, clases gravadas, etc. E iso é grazas a un traballo conxunto do Centro Asociado e -sobre todo-, do colectivo de profesores/as-titores/as".

P.- O certo é que participou na vida do Centro Asociado desde hai xa varios anos. Como diría que foi a evolución da UNED durante este tempo?

R.- "A UNED fixo un esforzo importante en modernizar as súas estruturas e, sobre todo, en dotar de ferramentas docentes e técnicas para unha mellor atención a distancia. Pódese dicir que o nivel de actualización da institución, equipos docentes, centros asociados e, por suposto, profesores/as/titores/as é moi alto e sitúa á UNED nun lugar destacado nas universidades a distancia".

Accede al procedimiento de electoral de representantes de profesores tutores aquí.

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es