Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Do mesmo xeito que as grandes obras de arte, a moda é unha maneira de expresarse e expoñerse ante a sociedade"

21 de abril de 2017

Mónica Rey Cabezudo impartirá unha conferencia de moda medieval feminina o próximo 26 de abril.

O Centro Asociado UNED A Coruña acolle a conferencia "A moda medieval feminina en España no século XV: entre a moda nacional e a influencia borgoñona". Prevista para o 26 de abril a partir das 19:00 horas en modalidade presencial e de acceso libre, esta sesión está organizada pola Delegación de Alumnos do Centro Asociado e ten como obxectivo profundar no binomio Moda-Arte a través das obras que mostran diferentes pezas.

Á fronte da conferencia estará Mónica Rey Cabezudo, licenciada en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela durante o ano 2013; Máster en Xestión do Patrimonio Arquitectónico, Museos e Mercado da arte, na mesma Universidade durante o ano 2014.

Mónica Rey colaborou co Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña na catalogación e inventariado da colección de Arte medieval e participou como comunicante e relatora en diversos congresos, tanto nacionais como internacionais así como cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela. É autora de artigos científicos en revistas especializadas en relación á arte medieval e a moda feminina deste período, especialmente no que se refire ao século XV e a influencia da moda franco-borgoñona na corte de Castela.

Na actualidade é doctoranda no grupo de investigación Medievalismo: espazo, imaxe e cultura na Universidade de Santiago de Compostela e traballa no equipo de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña como educadora. Quixo adiantarnos contido da conferencia.

"O inicio da moda occidental, tal e como entendemos este concepto hoxe en día, nace na Idade Media, concretamente no século XIV, momento en que os traxes femininos e masculinos comezan a diferenciarse e a confección das pezas especialízase e complica cada vez máis.

Do mesmo xeito que as grandes obras de arte, a moda é unha maneira de expresarse e expoñerse ante a sociedade; ao longo da historia da humanidade o vestir foi sempre unha necesidade básica, pero co paso do tempo e a aparición das elites de poder, a roupa tamén se converteu nun símbolo de status, capaz de establecer diferenzas visuais e inmediatas entre as distintas clases sociais.

Isto adquire especial importancia ao longo dos séculos XIV e XV, cando a corte do Ducado de Borgoña (dentro de cuxo ámbito de influencia política hai que incluír Picardía e os Países Baixos) destaca pola súa elegancia e refinamiento, exhibindo ante a sociedade europea un estilo que será desexado e copiado nas distintas cortes, incluída a castelá. Nesta época, a moda medieval hispana experimenta un momento de esplendor, luxo e suntuosidade, non soamente polas influencias franco-borgoñonas, que achegan algúns dos elementos máis rechamantes e perdurables no imaxinario actual da moda medieval feminina, senón tamén polas innovacións propiamente españolas que xorden con forza de man do nacemento dos incipientes estados modernos; destacan polo seu gran luxo e esplendor os reinados de Enrique IV e os Reis Católicos a pesar das denominadas Leis Suntuarias que tentaban poñer freo ao malgaste no vestir.

Tocados de cornos, rolos e bonetes, tranzados, verdugados, hopalandas, cintas de cadeira, chapines, etc... son accesorios e pezas que foron plasmados en diversas obras figurativas e cuxas compras e confeccións aparecen nos grandes inventarios reais.

A arte e as súas manifestacións plásticas permiten visualizar estas pezas e pescudar realmente como de habitual chegou a ser o seu uso entre as mulleres das clases máis privilexiadas e analizar o como, cando e quen as lucía, permitirá profundar no binomio moda-arte, o cal se pode converter nunha ferramenta para a investigación e que axudará á reconstrución desta época".

---------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña 

Horarios provisionais+info
Buscamos galegofalantes. +info
Nexus Event SAEE UNED A Coruña 2024+info
Día del Libro 2024. Buscamos tus recomendaciones. ¡¡Participa!!+info
UNED Sénior A Coruña
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es