Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Milagros Otero, Valedora do Pobo de Galicia, inaugura o curso de Verán 2017 da UNED A Coruña

22 de junio de 2017

Ao curso "Sociedade e Cinema", que se desenvolve no Centro Penal de Teixeiro durante os días 21, 22 e 23 de xuño, matriculáronse 82 participantes entre alumnos do exterior, internos e persoal do penal.

O Centro Asociado UNED A Coruña, organiza, como cada ano por estas datas, a súa proposta de cursos de verán. Como en edicións anteriores, as clases trasladáronse ao Centro Penal de Teixeiro, achegando aínda máis a Universidade aos colectivos sociais máis desfavorecidos. Ao longo de tres días consecutivos, alumnos internos, externos e persoal do penal, comparten ao alimón, un espazo de aprendizaxe e de participación mutua, un punto de encontro formativo e experiencial no que por unhas horas, a rixidez da rutina cede o paso á flexibilidade do coñecemento.

Jesús Miguel Garrido Cordeiro, director do Centro Penal de Teixeiro, abriu a sesión dando a benvida a todos os participantes. Na súa intervención mencionaba a importancia de compartir os alicerces básicos de "respecto, convivencia, educación e traballo, para unha equipo directivo moi sensibilizado ás necesidades de formación nunha sociedade do coñecemento, como fonte de riqueza". Garrido, que acaba de incorporarse ao cargo fai tan só uns días, quixo incidir na importancia que a reinserción e parafraseó a Miguel de Unamuno: "Só o que sabe é libre, e máis libre o que máis sabe... Só a cultura dá liberdade", finalizando a súa intervención cunha proposta de bos desexos: "que a educación e a cultura fágavos máis libres".

A continuación, tomaba a palabra o director do curso de verán e profesor titular de Dereito Constitucional na UNED, Fernando Reviriego Picón. Reviriego, a modo de adianto, falou da importancia de achegar o cinema á sociedade e como ferramenta de educación, cuestións que se abordarían en profundidade ao longo de todas as sesións.

A seguinte intervención correu a cargo de Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado UNED A Coruña, que resaltou "a importancia desta convivencia temporal como unha oportunidade de mutuo enriquecemento, na que a UNED, participa como institución educativa que impulsa este tipo de accións formativas e sociais".

O momento de carácter máis institucional da xornada, chegou coas palabras de Milagros Otero Parga, Valedora do Pobo de Galicia, e encargada de inaugurar oficialmente o curso de verán.

Desde o comezo da súa intervención xa manifestou a importancia deste encontro: "vin a vervos, a coñecervos, a coñecer aos internos, e a que me coñezan a min. Creo en vós, creo nas segundas oportunidades, na inserción e na capacidade de responder con responsabilidade. Cada persoa é merecedora do que loita. Estamos a esperarvos, queremos incorporarvos na sociedade".

Otero, que procede da educación superior na Universidade de Santiago de Compostela na área de Dereito, confesaba a súa preocupación polo concepto de xustiza: "elixir vivir en sociedade supón asumir as normas, se transgredimos a norma unha soa vez, estámosllo permitindo aos demais. Sen xustiza non hai paz nas relacións".

A Valedora do Pobo de Galicia, comentou que a esencia do seu traballo é facer valer os dereitos das persoas nas relacións co Estado, a Administración,?calquera tipo de institución gobernamental; "dar voz aos que non teñen voz" o maior capital dos seres humanos é a educación, característica que dá liberdade.

Finalizaba a súa intervención cunha afirmación que chegaba a todos os presentes de forma especial: "a persoa libre é a que pode decidir o que pode facer na súa vida".

Unha vez finalizada a parte institucional do curso comezaban as sesións co relatorio de María Díaz de Robles Badía, "A influencia do cinema. Adoctrinamiento, educación e entretemento". Díaz de Carballos, que é licenciada en Pedagoxía e profesora titora no Centro Asociado da UNED na Coruña, fixo un breve percorrido polos inicios do cinema -os irmáns Lumière ou Georges Mèliés, por citar algunha fonte- antes de profundar no halo educativo que envolve o cinema.

"Coñecemos, aprendemos e adquirimos coñecementos a través das cintas de carácter histórico e de temas políticos. O cinema ensínanos valores, principios, e inflúe ideológicamente" -afirmaba- para lembrar a coñecida frase de Edison: "Quen controle o cinema controlará o medio de influencia máis poderoso".

María Díaz, ao longo do seu relatorio, fixo un percorrido da contribución do cinema na persoa: orientador de comportamentos, aprendizaxe doutros, adquisición de valores ou expositor de modelos humanos, reflexo da sociedade; espello. "O cinema actúa como un educador informal -comentaba- detrás da súa dimensión de entretemento lúdico"

A seguinte sesión estivo a cargo de Miguel Abel Souto, profesor de Dereito Penal na Universidade de Santiago de Compostela co relatorio "O cinema como recurso didáctico. Novas tecnoloxías e control social". O profesor Abel Souto, a través dalgunhas cintas moi populares, "A laranxa mecánica" de Stanley Kubrick onde o director fai unha crítica ao tratamento punitivo das drogas ou o uso do dereito penal simbólico; "o dereito penal só pódese usar para protexer dereitos xurídicos e non con outras finalidades, e na película se se utiliza", comentaba.

"Heroína" foi outro dos títulos que tratou para analizar a relación da droga en Galicia; relación narcotráfico e criminalidade, relación coa saúde pública, principio de legalidade, o acotamiento da lei e as súas marxes.

Coa película "1984", Nineteen Eighty-Four na súa versión orixinal, baseada na novela de George Orwell co mesmo título, Miguel Abel abordou a cuestión do control social. Na novela, que pon de manifesto o uso da neolengua como unha constante obsesión por ir eliminando palabras, xa profunda o control de liberdade como elemento esencial. Para iso utilízase a técnica do dobre pensar a través da neolengua, de forma que aos poucos pérdese o significado das palabras: Ministerio da Verdade, do Amor, da Paz, etc... que xustamente traballan no contrario.

O primeiro día de curso contou con animados debates finalizadas as dúas sesións, resaltando a numerosa participación de todos os presentes a través de preguntas e reflexións dos temas propostos.

--------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es