Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O vicerreitor de Centros Asociados e Relacións Institucionais da UNED, Tomás Fernández, inaugurou o curso académico no Centro Asociado na Coruña

25 de octubre de 2017

Durante o acto entregáronse os diplomas aos titulados durante o curso 2016/2017.

O luns 23 de outubro, os alumnos que finalizaron estudos oficiais de Grao e Máster puideron recoller os seus diplomas. O acto oficial de Apertura de Curso, que comezaba ás 19:00 horas, estivo presidido polo vicerreitor de Centros Asociados e Relacións Institucionais da UNED, Tomás Fernández García, acompañado de José Manuel Sande García, presidente da Xunta de Reitora de Consorcio UNED A Coruña e concelleiro de Cultura e Coñecemento no Concello da Coruña, Patricia Rodríguez Franco, secretaria da Delegación Territorial na Coruña da Xunta de Galicia, Germán Carro Fernández, director da UNED A Coruña e coordinador Tecnolóxico de Campus Noroeste, Juan Luís Pía Iglesias, lector inaugural este ano e Ana Mónica Novo García, secretaria xeral de Centro Asociado.

O acto transcorreu integramente no salón de actos da sede da UNED A Coruña e contou coa presenza de autoridades procedentes do ámbito de institucións militares, policiais e locais, así como de representantes da vida académica do Centro Asociado.

Lectura do resumo da Memoria Anual do Curso 2016/2017

Segundo programa, a secretaria xeral de Centro Asociado Ana Mónica Novo García, iniciou a súa intervención presentando un resumo da memoria anual do curso 2016/2017. Sinalou que o número de estudantes vinculados ao Centro Asociado coruñés é de 8.400. Deles 4.275 corresponden a ensinos regrados e 4.185 estudantes matriculáronse en actividades de Extensión Universitaria e divulgación Cultural.

No marco deste programa a secretaria xeral do Centro Asociado subliñou a boa acollida dos 11 cursos que contaban coa homologación da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e nos que se matricularon 1.313 alumnos.

Esta institución académica deu formación a 26 Graos Oficiais, Másteres, a toda a oferta de Cursos de Acceso á universidade, e idiomas a través do CUID. Mantívose -como en anos anteriores- a estreita colaboración co Centro Penal de Teixeiro a través da celebración do Curso de Verán "Cinema e Sociedade" nas instalacións do penal e no que participaron un total de 85 alumnos.

Novo resaltou o labor do persoal que presta servizos nesta institución, 14 membros de persoal de administración e servizos e 112 profesores titores. Do total dos docentes, 102 desempeñaron as súas funcións na sede da Coruña e 10 na aula de Ferrol e entre todos eles impartiron 510 materias.

Como en anos anteriores os Graos con maior demanda foron e por esta orde: Psicoloxía, Dereito e ADE seguidos moi de preto por Historia da Arte. Durante o curso 2016/2017 celebráronse 13.392 exames.

Na mesma liña de datos e en atención aos servizos ofrecidos, Ana Novo mencionou a importancia do Centro de Orientación, Información e Emprego (COIE) coordinado por Carmen Delia García Fuentes de la Fuente e o seu labor na atención e a xestión de convenios con empresas, atención personaliza aos estudantes, orientación laboral; creación ou inserción empresas e a súa particpacion activa no Plan Anual de Acollida ao alumno.

Actualmente e grazas a este servizo -que contou coa axuda do SAEE ata o seu peche en xuño de 2016- están en vigor 326 convenios con distintas institucións e empresas.

Novo destacou a importancia do Programa Sénior neste Centro Asociado. Coordinado por Luís Anxo Rodríguez Patiño desde o seu inicio, xestiona o programa dos estudantes máis veteranos; maiores de 55 anos, do medio rural, e neste caso concreto, cunha media de idade que supera amplamente os 70 anos. O curso pasado matriculáronse un total de 589 matriculados entre 1º e 2º cuadrimestre.

Lección Inaugural, "Dereito Penal en Século XXI: Ucronía ou Distopía"

Juan Luís Pía Iglesias maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, profesor colaborador na materia de Dereito Civil na Universidade de Murcia e profesor titor ata este curso no Centro Asociado UNED A Coruña, foi o encargado de pronunciar a lección inaugural durante o acto.

Co título "Dereito Penal no Século XXI: ucronía ou distopía", Pía inicia a súa intervención facendo unha referencia temporal ao ano 1969, cando empezou os seus estudos de Dereito; data en estába vixente e incluída dentro do catálogo de penas no Código penal común, a pena de morte.

"Curiosamente a estrutura represiva de todo Código penal suavizábase no réxime carcelario con reducións do cumprimento das penas debidas á redención de penas polo traballo. O Padroado da nosa Señora da Mercé e outras cuestións menores que puxeron de relevo os reclusos cando no período transitorio entre o actual Código penal e o que aínda subsistía con profundas -pero non decisivas- modificacións do réxime anterior, puideron optar entre a aplicación da nova norma e a antiga decantándose case sempre pola antiga, dado que a perspectiva de cumprimento era moito máis favorable."

O maxistrado abordou cuestións incluídas no texto normativo como a protección da vida, aborto e endurecemento das penas. A eutanasia. O mantemento dos delitos contra o patrimonio, a liberdade sexual, os delitos de odio, a violencia de xénero ou a reinserción e as súas contraindicacións.

"Sinxelamente, desde unha experiencia docente de moitos anos, que se enfrontou con dous códigos penais e multitude de reformas máis ou menos acomodaticias, pretendo poñer de manifesto como o instrumento máis básico de control social quedou anticuado, desfasado e superado por outras instancias que carecen do debido control democrático e que se introducen nas nosas vidas cunha puxanza e un poder tales, que moitas tiranías xa parecen risibles".

Sociedade tecnificada e aberta

Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado, e recentemente nomeado coordinador Tecnolóxico de Campus Noroeste, iniciou a súa intervención agradecendo a asistencia a todos os presentes e cunha reflexión ao redor da presentación do maxistrado Juan Luís Pía: "o relator inaugural reflicte unha das principais motivacións para os nosos alumnos á hora de decidirse a emprender a aventura de iniciar un Grao, cumprir co obxectivo de trasladar ao mundo profesional o aprendido ao longo do mesmo, e facelo desde unha perspectiva realista e coñecedora dos retos que iso representa. Actualmente vemos como o ámbito xurídico rodea o noso día a día, e son os maxistrados como Juan Luís quen axuda a construír desde o seu ámbito laboral unha sociedade garantista e estable que nos permita contar cun marco xurídico equitativo e xusto no que desenvolvernos como individuos."

Carro puxo o foco na dificultade de manter o equilibrio entre as necesidades dos proxectos educativos actuais e as partidas que se asignan. A necesidade de investimento en formación, especialización, investigación e integración universidade-empresa co obxectivo de ofrecer un ensino na educación superior con criterios e indicadores de calidade que avalen o noso futuro profesional. Resaltou, unha vez máis, o esforzo de todas as unidades do Centro Asociado para asumir os compromisos adquiridos coa comunidade universitaria e novos retos e desafíos desde estándares de traballo garantistas: "calquera debilidade na nosa disposición abocaríanos a un atraso mesmo fronte a outras Comunidades Autónomas que xa están a se situar nestas novas opcións de globalización, cualificación e tecnificación nas que estamos inmersos.

Finalizou con palabras de estímulo e agradecemento a todos os titulados e ás súas familias: "as vosas ilusións son a nosa enerxía e os vosos éxitos son o noso orgullo".

Autoridades e Entrega de diplomas

Patricia Rodríguez Franco, secretaria da Delegación Territorial na Coruña da Xunta de Galicia e José Manuel Sande García, actual presidente do Consorcio UNED A Coruña e concelleiro de Cultura e Coñecemento do Concello da Coruña, continuaron a quenda de intervencións que deron paso á entrega de diplomas aos titulados de Grao e Máster durante o curso 2016/2017. O momento máis emocionante do acto para os alumnos.

Inauguración de Curso Académico 2016/2017

O vicerreitor de Centros Asociados e Relacións Institucionais da UNED, Tomás Fernández García, pechou o acto felicitando a todos os alumnos titulados polo seu traballo e esforzo e referiuse con especial atención ao apoio tan necesario das familias durante o camiño percorrido nesta Universidade. Finalizou a súa intervención introducindo a habitual fórmula de inauguración de curso, en nome do Rey e por delegación do Reitor da UNED.

Nese momento e toda a sala en pé, a coral polifónica "El Eco" interpretaba o Gaudeamus Igitur e o Himno de Galicia.

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es