Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Matricularme na UNED permitiume non renunciar a conseguir os meus obxectivos. Co tempo descubrín que fora unha decisión moi acertada posto que a UNED achega un nivel de profesionalización que nunha Universidade presencial era máis complicado adquirir"

6 de noviembre de 2017

Álvaro Romero, finalizou o Grao en Psicoloxía durante o curso 2016/2017.

Álvaro Romero Pedreira é graduado en Psicoloxía pola Universidade Nacional de Educación a Distancia no curso 2016/2017, Mención en Psicoloxía da Saúde e Intervención en Trastornos Mentais e do Comportamento. Durante o transcurso da súa carreira universitaria finalizou formación multidiscipliar a través desta universidade, cursos de Grafoloxía, Nutrición, Memoria e Intervención en Catástrofes; diferentes cursos de Igualdade de Xénero impartidos e acreditados polo Ministerio de Sanidade.

Na actualidade Álvaro acode a UTACA (Unidade de Tratamento de Alcoholismo e outras Condutas Adictivas), onde presta servizos como voluntario.

Por que decidiches realizar o Grao en Psicoloxía na UNED?

"Sinceramente, de rebote. Matriculárame en Santiago de Compostela pero a nota que obtiven en Bacharel non era suficiente, polo que decidín matricularme na UNED, que me permitiu non renunciar a conseguir os meus obxectivos. Co tempo descubrín que fora unha decisión moi acertada posto que a UNED achega un nivel de profesionalización que nunha Universidade presencial era máis complicado adquirir".

Cales foron os obxectivos iniciais cando te matriculaches por primeira vez? Persoais ou profesionais?

"Desde o principio da miña adolescencia quixen ser Sexólogo, e sabía que para iso debía estudar Psicoloxía ou Medicina. Decidín matricularme en Psicoloxía porque me parecía máis alcanzable que Medicina, polo que os meus obxectivos eran profesionais, quería exercer de Sexólogo, aínda que co tempo eses obxectivos foron cambiando ao descubrir o interesante que era o mundo da Psicoloxía".

Como describirías o proceso nestes anos de estudo? Sentes que como estudante tiveches unha evolución na túa forma e tempo de traballo e de estudo desde os inicios?

"Moi enriquecedor. É certo que hai días bos e malos, pero en perspectiva vexo que valeu a pena. A UNED esixe moito esforzo e horas de estudo, ao principio había días que desesperaba ver todo o que había que memorizar para cada exame. Pero co tempo aprendes a coñecerche a ti mesmo e a estudar de forma eficiente. Se me comparo co principio, vexo que crecín moito tanto no plano persoal como profesional".

Na túa opinión e no plano profesional, que che vai achegar esta titulación a curto e medio prazo?

"A curto prazo permíteme acceder ás oposicións do PIR (Psicólogo Interno Residente), que é o obxectivo fundamental que me puxen desde que terminei a carreira. A UNED tamén ofrece aos alumnos unha chea de saídas diferentes unha vez terminada a carreira, sen que sexa a cola do paro a primeira opción. E a medio prazo permitirame conseguir o título de Psicólogo Clínico; ser Sexólogo relegouse a un segundo plano tras o meu paso por esta carreira".

Como viviu a túa contorna estes anos de estudo? Tiveches que sacrificar tempo, renuncias...?

"Tamén pasou por diferentes etapas. Ao principio, había amigos que non entendían que estudar a distancia era estudar tanto ou máis que nunha carreira presencial. As persoas coas que convivía crían que ao estar na casa estudando tiña tempo para facer todas as tarefas domésticas, ir á compra, facer a comida e sacar tempo extra para saír a pasear ao final do día. Tiven que educalos en como funciona a UNED; se estudo 8 horas ao día esas horas son sacras, como o horario dun traballador nunha oficina. É certo que ao poderme dedicar exclusivamente a estudar, debido a que non traballei mentres me sacaba a carreira, tivemos que negociar que facía cada un en casa. Pero aínda que ao principio parecía unha tolemia estudar tantas horas, ao final aprendín a autorregularme e a sacar tempo para todo".

Un pequeno xogo: tres adxectivos positivos e tres non tan positivos do teu paso por esta universidade.

"Os adxectivos máis positivos que me achegou a UNED poderían ser: profesionalidade, autocoñecemento e flexibilidade. En cambio, os adxectivos negativos que pode ter a UNED serían: frustración nalgúns casos, esforzo, aínda que a longo prazo ten a súa recompensa, e soidade polas horas que se deben pasar ante os libros".

Que cambios pensas que necesita a UNED?

"Na miña opinión, melloraría os Cursos Virtuais. É certo que na UNED todo está informatizado e esta Universidade debería ser un exemplo para seguir en canto á dixitalización da Educación. Algúns equipos docentes  traballan nesta dirección e agradécese a cantidade de materiais multimedia e adicional que ofrecen, pero outros teñen uns Cursos Virtuais moi básicos, sen ningún material adicional a maiores do libro básico. Este é o cambio que máis recalcaría, o feito de traballar en mellorar os Cursos Virtuais que aínda funcionan como nos anos 90 (que por fortuna, cada vez son menos)".

Anímaste a seguir estudando?

"Anímome a seguir estudando ata o punto de que xa me matriculei no novo Grao de Criminoloxía que ofrece a UNED por primeira vez este ano. Ademais, non perdo de vista o obxectivo da Sexología, que a longo prazo teño pensado sacarme. Outra cousa que ofrece a UNED son as ganas de seguir estudando sen a esixencia de matricularte de todas as materias dun curso, polo que o estudo pódese facer máis ameno".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es