Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A elaboración dun traballo académico require, entre outros elementos, esforzo, dedicación, tempo e reflexión. Pero, é posible realizalo recorrendo a determinadas guías, técnicas e metodoloxías. Non é labor imposible".

20 de febrero de 2018

Celso Cancela Outeda, Doutor en Dereito e profesor titor no Centro Asociado, dirixe e imparte un curso práctico que abordará a elaboración e presentación de traballos académicos.

A UNED A Coruña organiza o curso "Guía práctica para elaborar e presentar un TFG. A escritura académica nunha contorna dixital", destinado -principalmente- a alumnos matriculados nos últimos anos de Grao e Máster. 

Celso Cancela Outeda, doutor europeo en Dereito, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración, especialista na Unión Europea e profesor titor da UNED desde 2007 no Centro Asociado da Coruña, dirixe e imparte esta actividade que se celebrará os días 5 e 12 de marzo nas modalidades presencial -desde a sede da UNED na Coruña- en liña e en diferido. 

Trátase dunha formación que abordará os diferentes tipos de traballos académicos, a procura eficaz de información, a estrutura organizada do traballo, os aspectos formais a ter en conta e as claves para unha exitosa exposición oral. O programa contempla a exposición e uso de ferramentas on- line: ScholarGoogle para a procura de información, Refworks en relación á citación de fontes; PowerPoint, Prezi ou Google Slides para presentación posterior, Dropbox, Google Drive e Google Docs como ferramentas básicas para o traballo colaborativo ou en grupo. 

Entre os obxectivos deste curso están a adquisición de habilidades xenéricas para a elaboración e redacción de traballos académicos, a correcta utilización de ferramentas TIC na contorna universitaria para unha mellora do rendemento do estudante e o coñecemento e manexo de recursos on- line gratuítos dispoñibles. 

P.- En marzo comeza un curso de formación práctica para a elaboración de Traballos fin de Grao e Máster. Unha boa oportunidade para adquirir máis e mellores habilidades no desenvolvemento de traballos académicos para alumnos de últimos cursos no seu itinerario universitario, a quen máis pode interesar? 

R.- "En xeral, creo que os contidos que se van a tratar resultan interesantes e de utilidade para todo tipo de estudante, non só para os que afrontan de inminente a realización do TFG ou TFM. As cuestións, habilidades e ferramentas que se presentan, son aplicables a calquera traballo que poida encomendar desde un comentario de texto, pasando por un informe ou un TFG. Ademais de mostrar habilidades concretas de aplicación inmediata que permita mellorar o rendemento académico do estudante, tamén queremos que as sesións permitan reflexionar e concienciar aos participantes sobre a importancia de aspectos como a propiedade intelectual e o plaxio, o coidado formal dun texto ou a procura de información rigorosa". 

 

P.- Que contidos se abordarán durante as dúas xornadas de clase? 

R.- "Os contidos abordaranse sempre desde unha perspectiva práctica e seguindo as fases que percorre un estudante, habitualmente, para levar adiante este tipo de tarefas académicas. Para iso confeccionamos un programa sobre a base de catro bloques temáticos principais. No primeiro, tentaremos establecer que é un traballo académico e que tipos diferentes existen. Precisamente, nesta clase de traballos é necesario respectar a propiedade intelectual da información e fontes utilizadas evitando, en todo caso, o deshonesto plaxio.

En conexión con esta cuestión, precisamente, no segundo bloque proporciónanse os instrumentos para a procura de información sustantiva e rigorosa, así como a realización de citas e referencias bibliográficas. O terceiro bloque presenta un contido máis formal, é dicir, estará dedicado a definir unha estrutura básica do traballo académico e comentar elementos relativos a composición formal do texto. 

Por último, a partir dun suposto TFG, abordaranse as claves da súa presentación e exposición pública. Por exemplo, trataremos de ofrecer técnicas para dominar a tensión que xera esta situación no estudante, responder o dilema memorización/improvisación ou se é conveniente o uso de recursos como powerpoint. Interesa subliñar a dimensión práctica con que serán tratados os referidos contidos do curso e a formulación a modo de guía para a súa aplicación". 

P.- Cales son as dúbidas habituais dos alumnos? 

R.- "A miña experiencia indícame que, unha vez definido o tema ou cuestión que se pretende estudar, ao estudante asáltalle, sobre todo, o temor á "folla en branco". Adoita preguntarse, "por onde empezo?" "como vou escribir un certo número de páxinas cos meus coñecementos?'", e outras polo estilo. Neste sentido, parte do labor dun titor consiste en concienciar ao estudante de que calquera proxecto ou investigación, foi inicialmente unha simple idea na mente de alguén. A elaboración dun traballo académico require, entre outros elementos, esforzo, dedicación, tempo e reflexión. Pero, é posible realizalo recorrendo a determinadas guías, técnicas e metodoloxías. Non é labor imposible". 

P.- Que preocupa máis, o traballo en si mesmo ou o momento da súa presentación? 

R.-"Probablemente, a presentación e defensa en público constitúe a principal preocupación. O traballo de elaboración en boa medida é individual e solitario aínda que co apoio, asesoramento e seguimento do titor. Con todo, a presentación e defensa do traballo supón focalizar a tensión nuns poucos minutos; implica a necesidade de controlar varias dimensións simultaneamente como a expresión oral, o nerviosismo…. Ademais, sempre existen temores recorrentes como o medo para quedar en branco ou a non saber que responder as preguntas e observacións formuladas polos evaluadores". 

 

P.- Na súa opinión e segundo a súa experiencia como docente, que debería reforzar o alumno desde o seu comezo no estudo dun Grao, ata chegar ao traballo de investigación para alcanzar a mellor e maior madurez académica? 

R.- "Creo que debería fortalecer a habilitade de falar e expoñer ideas en público; de contrastalas cos compañeiros e o docente. A exposición e a discusión axuda á elaboración discursiva e á argumentación. É probablemente a actividade máis completa intelectual e formativamente falando. Considero que o docente debe estimulala mediante a proposta de actividades adecuadas a ese propósito".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es