Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Finalizan as clases no centro Penal de Teixeiro

9 de julio de 2018

Este venres clausurábase o curso de verán coa asistencia de cento quince matriculados.

O Centro Asociado UNED A Coruña, xunto con Institucións Penais, convocaba os días 4, 5 e 6 de xullo o curso "Novas Vías profesionais nos Centros Penais".

Juan Luis de Diego Arias, asumiu a dirección da formación, xunto con Laura Sánchez Pérez, responsable da Extensión Universitaria e Cultural do Centro Asociado, nos labores de coordinación.

A formación, integramente en única modalidade presencial, desenvolveuse no penal de Teixeiro.

A última das tres xornadas comezaba coa presentación “Corpos Penais: Sistemas selectivos, funcións, adscrición postos de traballo das Relacións de Postos de Traballo ( RPTs) aos mesmos”, a cargo de Félix González González, xefe de Área de Ordenación de Recursos Humanos na subdirección Xeral de Recursos Humanos, secretaría xeral de Institucións Penais, Ministerio do Interior.

González é licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Funcionario do Corpo Superior de Institucións, subdirector de Equipo de Observación e tratamento, inspector de Servizos, e xefe de Área de Ordenación de Recursos Humanos na Secretaría Xeral de Institucións Penais.

O preámbulo da súa comunicación xa anunciaba o trazado do seu relatorio: o acceso e permanencia aos diferentes corpos do catálogo de Centros Penais.

"Os funcionarios da Administración Xeral do Estado (AGE), deben asumir, para o seu acceso á institución, un sistema selectivo. A Administración Penal é unha parte da AGE con gran demanda de persoal que busca ser funcionario deste organismo, por tanto réxese por un sistema obxectivo e igual para todos, onde, segundo Orde, establece un marco normativo baixo os principios publicidade, mérito, capacidade e igualdade. As bases dun proceso selectivo son normativa aplicable, supletoria; pero normativa. Débese seguir fielmente o estipulado en cada un dos apartados desa convocatoria. A admisión dos aspirantes no prazo de presentación de instancias para publicar admitidos e excluídos; o desenvolvemento de proceso selectivo, como van ser os exercicios, desenvolvemento, tempo, probas, etc.

De igual forma é importante cumprir todos os requisitos esixidos para poder presentarse a un proceso selectivo como idade, nacionalidade ou respectar a porcentaxe de prazas para acceso a persoas con minusvalía. Unha vez finalizado o proceso, ábrese o período de prácticas, fundamentalmente para poñer en marcha a teoría superada.

Necesario falar do problema para provisión de persoal no Corpo de Facultativos de Medicina en centros penais. Na actualiad hai unha gran dificultade de conseguir aspirantes que desexen acceder a esta categoría.

O corpo de técnicos creouse no ano 1970; a institución penal aglutinaba no seu inicio, unha miscelánea de profesións e especialidades. Hoxe día acceden numerosos graduados e titulados en Psicoloxía e Dereito, principalmente.

O corpo que se nutre de máis funcionarios por promoción interna: o corpo de axudantes. De momento é un procedemento continuista xa que supón a canteira de directivos, e é que non é habitual que persoal do corpo técnico desprácese a corpos directivos. É certo que manexar cuestións de persoal non é baladí e entraña dificultades engadidas. O certo tamén é que o corpo con máis músculo é o de Axudantes. Esíxese Bacharel para acceder, pero o 70% dos que aproban son graduados e licenciados. Con frecuencia dáse a cincunstancia de que un mesmo aspirante non superou o proceso selectivo ao corpo de axudantes e si ao corpo de técnicos.

Felix González finalizaba a súa intervención cunha mensaxe salpicada -a partes iguais- de realidade e ilusión: "esta é unha institución que ten moito que dar, ides ver o peor e o mellor; profesionais coa cabeza moi ben amoblada, e a pesar de apostar por outros sistemas selectivos, a xente accede moi preparada. Avogo por un perfil psicolóxico- psicotécnico que apoie ao traballador con habilidades sociais específicas, para un maior e mellor abordaxe no traballo diario no penal. Non hai mellor proceso selectivo que ver como desempeña un aspirante o seu posto de traballo, por tanto o sistema ideal é o mixto; contido teórico e habilidades persoais".

A segunda e última sesión da mañá titulábase "As vías profesionais nos centros penais hoxe".

Presentábase baixo o formato de mesa redonda e estivo a cargo dos funcionarios do centro penal de Teixeiro, Dionisio Martínez e José Antonio Vahamonde, que expuxeron conxuntamente, o actual escenario de traballo dun educador nun penal; retos e desafíos.

Dionisio Martínez iniciaba a quenda de palabra. Funcionario de institucións penais desde o ano 1977. Desempeñou distintos postos desde o seu ingreso na administración penal. Funcionario de vixilancia interior, encargado, xefe de Centro e dezaseis anos de xefe de Servizo. Actualmente é educador no centro penal de Teixeiro. Estudou Criminoloxía na universidade de Santiago de Compostela e está colexiado como educador social en Santiago.

“Son un educador, un funcionario máis e vou facer unha exposición moi persoal”, comezaba. "Os traballadores de institucións penais somos os grandes descoñecidos, identifícannos, fundamentalmente, pola información que se proxecta desde televisión ou reportaxes en penais de países", aseguraba. "O sistema penal experimentou un cambio radical e propiciouno a aprobación da constitución española. En termos xerais as prisións trátase de que constitúan como auténticos espazos de convivencia e o educador é unha figura esencial para traballar ese escenario. Nos seus inicios o labor do educador estaba tinguida de censura. Sufriu un xiro substancial a través do Regulamento Penal do ano 1996, onde se empeza a albiscar a figura do educador tal e como a recoñecemos hoxe. Empeza a formar parte das Xuntas de Tratamento, o equipo técnico. Informes, cuestións burocráticas e procedementos habituais deste funcionario, tal e como se recoñece hoxe día esta figura profesional", afirmaba.

"O interno vive nun sistema no que todo lle vén dado, e é necesario que atopen un sentido para ocupar o seu tempo, para contribuír a facilitar a súa vida e por tanto a reinserción e é que o penal é o último elo da sociedade, e esta realidade hai que vivila. Non se pode menosprezar o labor de vixilancia dos funcionarios, figura esencial que permanece próxima ao interno e aprecia a súa evolución. O educador, no exercicio das súas funcións pode ser un titor e é o principal referente do interno: escoita, asume o labor de soporte, concepto e axuda, labores moi diferentes ás de control, a pesar de que en ocasións esta observancia pode axudar en determinados momentos. Outra función substancial é a de acollida ao centro; un coñecemento somero a través da entrevista, ou a de canalización das demandas, mediador, dinamizador, ou mesmo evaluador, co obxectivo de transmitir a evolución.

Doutra banda e para finalizar, está a cuestión da ética. Ás veces a ética profesional pode confrontarse coa ética social. O educador debe de responder sempre baixo este principio. O gran reto nun horizonte próximo: regularizar o papel do educador no penal e suplir esas carencias, esas necesidades: socioculturais, educativas, culturais, sociais, etc. tendo en conta que o tratamento é individualizado e voluntario".

José Antonio Vaamonde Carro acompaña en todo momento a exposición a Dionisio Martínez. Graduado en Educación Social pola UNED, avala a súa traxectoria cunha antigüidade de dezaoito anos en Institucións Penais, dos cales os dez últimos desenvolve a súa actividade na Unidade Terapéutica Educativa. É traballador de campo do corpo de Axudantes. "O traballo deste corpo ten as súas recompensas pero é un traballo duro. O penal é complexo, traballamos con humanos e a maioría de axudantes entran en vixilancia e os seus distintos graos, así como temas administrativos. É verdade que o número de funcionarios por interno, dificulta, igualmente o traballo diario", afirmaba.

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es