Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A Aula de Ferrol inicia a súa actividade con tres cursos sobre Dereito Penal

7 de septiembre de 2018

O curso académico 2018/19 comeza na aula UNED de Ferrol con 3 actividades formativas sobre Dereito Penal que se celebrarán durante os meses de setembro e outubro. Solicitouse a homologación de todos eles á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A docencia estará ao cargo dos maxistrados Ana Rodríguez Piorno e Carlos Suárez-Mira.

 A aula UNED de Ferrol comeza o ano académico 2018-19 con tres cursos de extensión universitaria sobre Dereito Penal. Todos eles poden realizarse de forma presencial ou on-line a través de streaming (en directo). 

 Ana Rodriguez Piorno, licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), xuíza interina dependente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ( TSJG) e profesora-titora do Grao de Criminología no Centro UNED A Coruña, será a encargada de impartir os dous primeiros cursos, que se celebrarán nos meses de setembro e outubro. Ámbalas dúas actividades están dirixidas pola Doutora en Dereito, Milagrosa Ferrera López, profesora-titora do Grao en Dereito do Centro UNED da Coruña. 

 O primeiro curso “Dereito Penal I. Delito e responsabilidade penal” celebrarase os días 27 e 28 de setembro e ten como obxectivo introducir ao alumnado nas cuestións xerais desta materia. A idea fundamental é presentar os elementos de coñecemento precisos para o enfoque crítico do tratamento da criminalidade e a capacitación no coñecemento das materias que se inclúen no que se denomina Parte Xeral do Dereito Penal.

 A primeira sesión está dedicada ao ámbito de aplicación do Dereito Penal, ao concepto analítico do delito, á conduta e ao delito como conduta típica; mentres que a segunda sesión centrarase nos diferentes aspectos da conduta delituosa: antijurídica, culpable, punible, así como na unidade e pluralidade de delitos. 

 Este curso ten a súa continuación en “Dereito Penal II. Consecuencias xurídicas do delito”, que se celebrará o 18 e 19 de outubro. Estudaranse as consecuencias xurídicas do delito, o sistema de penas na lexislación española, as penas privativas de liberdade, as doutros dereitos e a de multa. A segunda sesión estará dedicada á determinación da pena no código penal español, a suspensión e a substitución das penas privativas de liberdade, as medidas de seguridade e reinserción social, a responsabilidade civil derivada da infracción penal e a extinción da responsabilidade penal. 

 Ámbolos dous ofrecen unha visión xeral do Dereito Penal Español en todas e cada unha das vertentes que o conforman e representan un instrumento de gran utilidade para asimilar conceptos, para clarificar dúbidas e, sobre todo, para abordar unha comprensión serena da criminalidade con fundamento nos parámetros que deseña o noso Sistema Penal. 

O maxistrado Carlos Suárez-Mira Rodríguez está á fronte do curso “A responsabilidade penal do policía por delitos cometidos no exercicio das súas funcións” que se celebrará o 25 e 26 de outubro. Carlos Suárez-Mira Rodríguez é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Doutor en Dereito pola Universidade de Vigo ( UVI), maxistrado da Audiencia Provincial e profesor-titor do Grao en Dereito do Centro UNED da Coruña. 

 Neste curso estudaranse, de forma profusa e detallada, os delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais e os delitos contra a Administración Pública. O obxectivo é proporcionar ao alumnado os coñecementos teóricos para unha mellor defensa ou xestión dos intereses xurídicos dos implicados nun procedemento penal, xa sexa desde o punto de vista do investigado como da vítima ou outros prexudicados. 

 No caso dos Membros de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, este curso resulta de interese á hora de proporcionar os coñecementos teóricos para o mellor desempeño da súa función de prevención e represión da delincuencia, asistencia ás vítimas e auxilio aos Xulgados e Tribunais en orde a unha máis eficaz instrución e axuizamento dos delitos e achegarlle un mellor coñecemento dos límites da súa actuación policial. 

 Os tres cursos de extensión son de especial interese para membros de Forzas e Corpos de Seguridade de Estado. Solicitouse a homologación de todos eles á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e o recoñecemento de 1 crédito ECTS.

------------------------~()~----------------------- 

 

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es