Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O curso "Imaxes de xénero: mito e ciencia ficción" analizará a visión da muller no cinema, o cómic e a novela

9 de enero de 2019

Celebrarase os luns 11, 18 e 25 de febreiro na Coruña e pode seguirse nas modalidades presencial, streaming directo e diferido

A finalidade do curso "Imaxes de xénero: mito e ciencia ficción" é estudar, con espírito crítico, a imaxe que se deu das mulleres no cinema, no cómic ou na novela, facendo especial fincapé naquelas que foron producidas e consumidas convencionalmente por homes (como na ciencia ficción). A marcada diferenza de xénero que sustenta estas visións da muller está relacionada con símbolos e representacións que deveñen das narracións mitolóxicas; nestas fráguanse os modelos morais e as figuras heroicas. É por iso que, un dos temas principais é coñecer a estrutura básica dos mitos, a súa intención moral e de representación de valores sociais.     

Así, nas narrativas actuais preséntanse igualmente imaxes análogas: se cosifica ou codifica a presenza das mulleres, redúcese a súa función e sentido representándoa como nai, coidadora, deusa, bruxa...; estas ideas difúndense a través de figuras estéticas da muller no cinema ou nos cómics: a Vamp, a Pin up, a garçonne, cyborg, etc. Neste curso analizaranse e estudaránse os arquetipos e estereotipos reduccionistas das mulleres, así como as figuras estéticas e principais personaxes femininos da ciencia ficción. E, deste xeito, profundarase non só nos aspectos femininos, senón tamén, en contraposición, na construción das masculinidades e na análise da presenza (ou ausencia) do colectivo LGTB.

O docente do curso é Xan Eguía Eléxpuru, licenciado en Filosofía, máster en Filosofía Teórica e Práctica pola UNED e, actualmente, investigador predoctoral nesta Universidade. Como docente, foi colaborador no Máster en Dependencia e Xestión en Servizos Sociais (UDC) e titor de prácticas Grao Educación Social; tamén impartiu múltiples cursos e talleres, entre os que destacan “Xénero e valores na ciencia ficción” (2018, UDC), “Microviolencias de xénero”, (dende 2015, organizado con Amnistía Internacional), “Debuxando roles. Talleres de xénero e valores” (2017, con alumnado de 5º e 6º de primaria, C.E.I. P. Ponte dos Brozos, Arteixo), “ Free- losofía” e “Introdución e desenvolvemento do pensar filosófico, ética e estética desde o cinema, a literatura ou o cómic” (UDC, 2015).

Como autor, destacan dentro desta temática, os libros: “Mitoloxía Futura: de Neo a Prometeo. Construíndo o Novo Mito” (2017), “Alien. Unha teoría sexual. Xénero, monstros e ciencia ficción” (2016); “Púlpulos e tentáculpos” (2016), “Son mala! As trepidantes aventuras dunha nena con síndrome de Down” (2014) e os 3 Cadernos Didácticos para profesores, pais e nais e alumnado de primaria derivados desta última obra.  

Podes inscribirte na actividade aquí.

Máis información na Secretaría do C.A. UNED A Coruña (r/ Educación 3 -15011, A Coruña), no teléfono 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es  

-------------------------{}------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es