Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Encontro sobre "As mulleres nas Forzas Armadas"

28 de febrero de 2019

Actividade gratuíta incluída na programación do Día Internacional da Muller do Centro da Coruña que se celebrará o vindeiro xoves 07 de marzo nas modalidades presencial e en liña (streaming directo)

En 2018 cumpríronse 30 anos da incorporación das mulleres ás Forzas Armadas (FAS) en España, pasando de ser 27 a case 15.000 na actualidade. Neste tempo, desenvolvéronse unha serie de medidas e normativas derivadas da presenza das mulleres, concibidas para fomentar a igualdade de xénero nas FAS. Son de destacar as medidas lexislativas fronte ao acoso e as relativas a adecuar a conciliación familiar, persoal e profesional, nas que se deu especial relevancia á maternidade e a todo o relacionado con ela.     

Neste encontro, catro mulleres, profesionais dos diferentes corpos das FAS, expoñerán todas estas cuestións, profundarán nas diferentes medidas levadas a cabo e achegarán as súas experiencias persoais e profesionais, nun encontro aberto a todo o alumnado da UNED e ao público en xeral. 

A capitá psicóloga Ángela Díaz del Río Lago será a encargada de conducir o encontro e, ademais, de introducir sobre os datos actuais da incorporación da muller nas FAS. Posteriormente, a tenente Vanesa Carballido Gómez, da Escala de Oficiais do Exército do Aire, falará da adecuación lexislativa á tolerancia cero fronte ao acoso. Seguidamente, a sarxento 1º Sonia Martínez Rodríguez, da Escala de Suboficiais da Armada, presentará as cuestións relativas á muller en operacións: vida a bordo dun buque de guerra. Finalmente, a cabo Yolanda María Gestal Paseiro, da Escala de Tropa do Exército de Terra, falará da conciliación da vida familiar, persoal e profesional. Tras as intervencións das catro relatoras, abrirase a quenda de preguntas nas que poderá participar o público asistente.                       

A finalidade desta actividade é dar a coñecer a experiencia das mulleres nas Forzas Armadas a través dunha visión persoal e profesional nas distintas especialidades, analizar a evolución da presenza das mulleres nas  FAS tras 30 anos da súa incorporación e expoñer as principais cuestións relacionadas coa presenza diferenciada de xénero que afectan as mulleres nas Forzas Armadas. 

A actividade celebrarase o próximo 07 de marzo ás 18:30 h no salón de actos da sede da UNED da Coruña, aínda que pode seguir tamén online en directo a través de streaming; para iso é necesario inscribirse na actividade. Podes inscribirte aquí.     

O encontro sobre "As mulleres nas Forzas Armadas" inscríbese na programación especial do Centro UNED A Coruña en torno ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Podes consultar o tríptico informativo sobre a programación do Centro aquí.     

Máis información no servizo de secretaría do Centro UNED A Coruña (rúa Educación, 3 – 15011 A Coruña), no teléfono: 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es     

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

YouTube

Blog UNED Sénior A Coruña           

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es