Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Santiago Míguez e Antón Losada impartirán o curso "Campañas e sistemas electorais"

7 de marzo de 2019

Impartirase en dúas sesións, os xoves 28 de marzo e 04 de abril tanto en modalidade presencial como online (streaming directo) e solicitouse o recoñecemento de 1 ECTS

Os profesores de Ciencias Políticas, Santiago Míguez e Antón Losada, ámbolos dous doutores en Dereito e investigadores recoñecidos na materia, serán os docentes do curso “Campañas e sistemas electorais”, que se celebrará os xoves 28 de marzo e 04 de abril no Centro UNED A Coruña. Neste curso abordaranse concretamente dous temas centrais para o estudo das eleccións: os sistemas e as campañas electorais.     

Así, Santiago Míguez será o encargado de describir e analizar os diferentes elementos dos sistemas electorais e a súa influencia sobre o sistema de partidos resultante das eleccións. Da importancia dos sistemas electorais baste dicir que a adopción dun sistema electoral determinado constitúe unha decisión fundamental polos efectos mecánicos e psicolóxicos que inevitablemente producen os seus elementos, especialmente a fórmula electoral (maioritaria ou proporcional) e o deseño e o tamaño das circunscricións. 

Pola súa banda, Antón Losada impartirá a temática das campañas electorais, estudando o seu significado, o seu funcionamento, o papel dos candidatos e dos medios de comunicación. A finalidade é analizar as consecuencias das campañas sobre o sistema de partidos e o sistema político en xeral. Neste sentido, levará a cabo unha aproximación para a análise da contenda electoral. Concretamente no significado, deseño e importancia das campañas, a imaxe dos candidatos e o papel dos medios de comunicación.    

O curso está dirixido a estudantes dos graos e másteres en Ciencias Políticas, Socioloxía, Dereito, ADE, etc., e a calquera persoa interesada na temática. Pódese seguir tanto en modalidade presencial como online a través streaming (en directo) e solicitouse o recoñecemento de 1 ECTS.

 

Santiago Míguez, é profesor Titular de Ciencia Política e da Administración da Universidade dá Coruña (UDC) e profesor-titor no Centro UNED A Coruña. Doutor en Dereito pola Universidade de Zaragoza e Licenciado en Dereito e tamén en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Realizou estudos de posgrao na Universidade de Carolina do Norte-Chapel Hill (EEUU) sobre Teoría política, Política e Goberno dos EEUU, Sistemas Políticos de América Latina e Política de Masas. 

É membro do equipo de investigación OSIM da Universidade da Coruña co que colaborou nos proxectos de “Capital social e desigualdade en España” (2011), “Tendencias sociais en Galicia: unha análise comparada dos valores sociais, morais, políticos e económicos” (2008), “Desenvolvemento económico e cambio cultural en Galicia (I e II)” (1996 e 2000) e Impacto social da contaminación acústica en España (2010)    

Antón Losada, é profesor Titular de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Doutor Europeo en Dereito e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela; ademais de máster en Xestión Pública pola Universitat Autónoma de Barcelona, bolseiro polo Instituto Nacional de Administración Pública do MAP. Visiting Researcher na Universidade de Georgetown, Washington, USA. Estancia Postgraduate na London School of Economics, bolseiro polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP).

Comentarista habitual de diferentes medios de comunicación a nivel nacional, tanto en radio, prensa e televisión. Entre as súas obras, destaca o libro "Constitución: a reforma inevitable Monarquía, plurinacionalidade e outros escollos”, publicado en 2018 xunto con J. Pérez Royo.

 

Podes inscribirte no curso aquí.

AVISO: Detectouse un erro na aplicación da matrícula que xa está arranxado. O curso aínda ten prazas dispoñibles, polo que aquelas persoas interesadas poden formalizar xa a matrícula.

 

Máis información na Secretaría do Centro: r/ Eduación, 3 – 15001, A Coruña, no teléfono 981145051 ou no correo electrónico info@a-coruna.uned.es.

------------------------------{}-----------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es