Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso "Procrastinación na vida e no traballo": aprende a non deixalo todo para o último momento

1 de abril de 2019

Celebrarase os días 04 e 05 de abril na Aula UNED de Ferrol, en modalidade presencial e online (streaming directo e diferido), ten recoñecido 1 ECTS e está homologado provisionalmente pola AGASP

A Aula UNED de Ferrol acolle este 04 e 05 de abril o curso "Procrastinación na vida e no traballo", dirixido por Luís Fernández Ríos, que tamén se encargará da docencia do mesmo en colaboración con Fernando Liño Vázquez González.

Como ben din os docentes do curso, o tema da procrastinación é moi amplo e diverso. Procrastinar é deixar para a mañá o que se pode ou se debe facer hoxe. É dicir, consiste nun estilo de pensar e comportarse, que leva a atrasar unha acción, que é substituída por outra irrelevante ou máis pracenteira. Trátase dunha temática moi relacionada coa autorregulación da conduta e emocións. A procrastinación no seu sentido teórico vincúlase a múltiples cuestións relacionadas co equilibrio no proceso de vivir cotián privado e público; e este equilibrio relaciónase coa redución da impulsividade, da tensión, da ansiedade, do fracaso conductual, con estilos de vida saudables e/ou patolóxicos, etc.

É por iso que durante o curso tamén se aprenderá a superar o hábito de procrastinar, organizar un plan e poñelo en marcha, manter baixo control os pensamentos autosaboteadores, afrontar eficazmente os problemas, practicar a asertividade e reducir a tensión.

Desde esta perspectiva, este curso presenta interese para un público moi amplo, sendo especialmente dirixido para o alumnado de Psicoloxía, Traballo Social, etc., aínda que pode resultar de interese para calquera estudante que se vexa atafegado pola tendencia para deixar o estudo para o último momento. Tamén para membros das forzas e corpos de seguridade, xa que lles axudará a conseguir un coñecemento básico dos procesos psicolóxicos implicados nos factores intraindividuais e interpersoais dos seus procesos cotiáns, tanto laborais como persoais, o que consecuentemente levará a unha mellora na organización do traballo e na conciliación da súa vida persoal. E, en xeral, para todas aquelas persoas interesadas polo tema da procrastinación, especialmente, empresarios, directivos, traballadores, estudantes e poboación en xeral.

Luís Fernández Ríos, é doutor en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e profesor titor no Centro Asociado UNED da Coruña. Desde o ano 1988 é profesor titular de Universidade no departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía na USC. As súas liñas de investigación son: teoría e práctica da ciencia da prevención, psicoloxía da corrupción, e un enfoque crítico do factor de impacto e a súa mala utilización académica e política.

Fernando Lino Vázquez González, é doutor en Psicoloxía Clínica e da Saúde, Máster en Condutas Aditivas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), especialista en adiccións pola National Association of Cognitive-Behavioral Therapists (Weirton, Virginia, EEUU.), especialista en Epidemioloxía Clínica e Investigación de Resultados no Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística da Facultade de Medicina da Universidade de California (San Francisco, EEUU) e Diplomado en Estatística en Ciencias da Saúde pola Universidade Autónoma de Barcelona (UBA). Desde o ano 2003 é Profesor Titular da área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico (PETRA) do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e está habilitado ao Corpo de Catedráticos. 

 

O curso consta de 25 horas lectivas e pode seguirse na modalidade presencial e online, tanto en streaming directo como en diferido. Conta co recoñecemento de 1 crédito ECTS e, ademais, coa homologación provisional da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Podes matricularte no curso aquí.

Máis información no servizo de Secretaría da aula UNED de Ferrol (rúa María, 54 - 15402 Ferrol) no teléfono: 981 36 40 26 ou no correo electrónico: info@ferrol.uned.es

-------------------------------{}-------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña

 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es