Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, inaugurará o curso de verán da UNED A Coruña

28 de junio de 2019

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo Ansorena tamén estará presente no acto que se celebrará no Penal de Teixeiro o vindeiro día 02

Como en anos anteriores, o Centro Asociado UNED A Coruña organiza unha nova edición de Cursos de Verán. A proposta para este ano, en liña coa formación ofertada desde o ano 2014 en colaboración co Centro Penal de Teixeiro, recolle o título “Miradas de Xénero desde os Centros Penais” e desenvolverase presencialmente no penal durante os días 2, 3 e 4 de xullo.

Con este curso complétase a liña de formación sobre a temática de xénero que, desde o Centro Asociado, se levou a cabo durante o curso 2018-19 en Extensión Universitaria.

A sesión inaugural do curso será o martes 2 de xullo ás 9:00 horas, e correrá a cargo de Milagros Otero Parga, Valedora do Pobo galego, que estará acompañada na mesa por Pilar López-Rioboo Ansorena, subdelegada do Goberno na Coruña, José Ángel Vázquez Yáñez, director do Centro Penal de Teixeiro e Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado UNED A Coruña. Milagros Otero tamén inaugurou en 2017 o curso de verán "Sociedade e Cinema" no Centro Penal.

O director do curso de verán é Fernando Reviriego Picón, profesor titular de Dereito Constitucional na Universidade Nacional de Educación a Distancia, secretario do Departamento de Dereito Político, investigador na Fundación Manuel Giménez Abad e participa activamente na Asociación de Constitucionalistas de España como secretario.

Reviriego estará acompañado na docencia do curso por María del Mar Lorenzo Moledo, Profesora de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela, Cristina Morado Fernández, avogada e Patricia Faraldo Cabana, profesora de Dereito Penal da Universidade da Coruña.

Do ámbito de Institucións Penais, Joaquín Eugenio Arribas López, subdirector Xeral de Recursos Humanos de Institucións Penais ( IIPP), María del Puerto Solar Calvo, xurista de IIPP no Centro Penal El Dueso (Cantabria) e Elvira Fernández Domínguez, subdirectora de tratamento do Establecemento Penal de Monterroso.

Os obxectivos iniciais expostos no curso, que se organiza sesións teóricas, e nunha sesión práctica baixo o formato de mesa redonda, son presentar as experiencias das mulleres dentro das prisións dende diferentes visións, desde unha perspectiva de xénero e unha óptica multidisciplinar (dereito, socioloxía, pedagoxía, historia, etc.), abordando temas centrais que inflúen sobre as diferenzas de xénero como a educación, a maternidade, a inserción laboral, etc.

Durante o transcurso do curso está previsto realizar unha visita a un dos módulos do Centro Penal.

A realización do curso, á súa finalización, avalarase con 1 crédito ECTS.

Este ano asistirán algo máis de 120 persoas ao curso de verán. Hai varios anos que o Centro Asociado UNED A Coruña traslada as clases a Teixeiro, mantendo a media de máis de 100 persoas matriculadas. En 2018 celebrouse o curso “Novas vías profesionais nos Centros Penais” con 115 persoas inscritas, en 2017 o curso “Sociedade e Cinema” e en 2016 “As novas vías de reinserción: módulos terapéuticos e módulos de respecto” acudiron ao redor de cen alumnos, no verán de 2015 foron algo máis de cento vinte inscritos no curso “Os centros penais como espazos multiculturais”, e o ano anterior, en 2014, o número de matriculados ao curso “Miradas sobre o peche: saúde e enfermidade mental en prisión” contou con case cento corenta asistentes.

En todas estas edicións a porcentaxe de internos e funcionarios de prisións que se matricularon roldaba o 70% e cada ano increméntase o número de alumnado externo aos centros penais que acode a Teixeiro a seguir os cursos de verán.

As principais motivacións dos internos para participar nestas propostas formativas –unha vez consultados- concéntranse en ampliar coñecementos, xerar novas experiencias dentro da vida no centro penal ou interactuar con universitarios alleos á contorna penal. Na súa maioría perciben estes cursos como vivencias positivas que lles estimulan ao intercambio de opinións dentro dun ambiente universitario.

Máis información no servizo de Secretaría do Centro UNED A Coruña (rúa Educación, 3 - 15011 A Coruña), no teléfono 981 14 50 51 ou no correo electrónico info@a-coruna.uned.es

>>Nota de Prensa<<

--------------------------{}-------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Youtube

Blogue UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es