Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso “As dilixencias tecnolóxicas de investigación no proceso penal”

29 de mayo de 2019

Celebrarase os días 10 e 11 de xuño na aula UNED de Ferrol, en modalidade presencial e online (streaming directo), está homologado provisionalmente pola AGASP e solicitouse o recoñecemento de 1 ECTS

A Aula UNED de Ferrol acolle os días 10 e 11 de xuño o curso "As dilixencias tecnolóxicas de investigación no proceso penal", dirixido a un público amplo, desde membros das forzas e corpos de seguridade (Policía Nacional, Garda Civil, Policía Local, Policías Autonómicas, Policía portuaria), a calquera profesional do Dereito que interveña no proceso penal (avogados, procuradores, xuíces, fiscais, letrados da administración de xustiza, etc.), así como alumnado dos graos ou másteres en Dereito e Criminoloxía e, en xeral, calquera persoa interesada no coñecemento destas modernas técnicas de investigación.

Neste curso, dirixido e impartido por Carlos Suárez-Mira Rodríguez, analizaranse os dispositivos e instrumentos baseados na tecnoloxía que permiten unha máis eficaz investigación dos delitos que deben perseguir as distintas forzas de seguridade, tanto nos seus aspectos policiais como xudiciais. A idea fundamental é proporcionar os coñecementos teóricos para o mellor desempeño da súa función de prevención e represión da delincuencia, asistencia ás vítimas e auxilio aos Xulgados e Tribunais en orde a unha máis eficaz instrución e axuizamento dos delitos. Tamén, proporcionar os coñecementos teóricos para unha mellor defensa ou xestión dos intereses xurídicos dos implicados nun procedemento penal, xa sexa desde o punto de vista do investigado como da vítima ou outros prexudicados.

Estudaranse, entre outros, os dispositivos e medios de seguimento e localización de persoas e obxectos (libros-rexistro de viaxeiros, placas de matrícula de vehículos, instrumentos e medios de pago, gravacións e cámaras de videovixilancia, modos de conexión de teléfonos e outros dispositivos móbiles, tecnoloxía GPS e balizas de seguimento); o seu réxime xurídico de utilización, os rexistros de dispositivos de almacenamento masivo de datos e rexistros remotos, a interceptación de comunicacións a través de prestadores de servizos de telecomunicacións e Internet e a utilización por iniciativa policial de información obtida dunha interceptación de comunicacións.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), doutor en Dereito pola Universidade de Vigo (UVI), maxistrado da Audiencia Provincial e profesor-titor do Grao en Dereito do Centro UNED da Coruña.

O curso consta de 25 horas lectivas e pode seguirse na modalidade presencial e online (unicamente emisión en directo). Conta coa homologación provisional da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e solicitouse o recoñecemento de 1 crédito ECTS (en trámite).

O alumnado UNED e os membros dos corpos e forzas de seguridade contan cunha bonificación no prezo da matrícula. Podes matricularte no curso aquí.

Máis información no servizo de Secretaría da Aula UNED de Ferrol (rúa María, 54 - 15402 Ferrol) no teléfono: 981 36 40 26 ou no correo electrónico: info@ferrol.uned.es

-------------------------------{}-------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es