Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Ciclo de Mediación 2019-20

24 de julio de 2019

Xa te podes matricular nos primeiros cursos do Ciclo de Mediación 2019-20 que, nesta edición, conta con importantes novidades

O Centro Asociado UNED A Coruña presenta, un ano máis, o Ciclo de Mediación 2019/2020. Esta formación especializada enmárcase no programa de Extensión Universitaria para o próximo curso académico e comprende 5 módulos independentes, de 25 horas lectivas cada un, que se poderán realizar de forma presencial ou en liña (emisión en directo) desde calquera dispositivo con acceso a Internet. Todos os cursos pódense facer de forma independente, xa que non é necesario matricularse en todo o Ciclo para recibir formación específica sobre unha área concreta.

Neste momento estamos a traballar para que, como en edicións anteriores, se recoñeza a formación con 1 crédito ECTS por cada curso superado, o que supoñería 5 ECTS en total se se superan todos os cursos do Ciclo.     

Os cursos que compoñen o Ciclo de Mediación 2019/2020, están especialmente dirixidos a: 

  • - Estudantes dos graos e másteres en Dereito, Psicoloxía, Pedagoxía, Traballo Social, Educación Social, Socioloxía, Criminoloxía, etc.
  • - Profesionais relacionados/as cos ámbitos civil, familiar, educativo e penal.
  • - Persoal da Administración Pública dos ámbitos de Xustiza, Educación, Política Social, etc.
  • - Público en xeral.
 

Na edición de 2018/19 preto de 400 alumnos e alumnas confiaron no noso Centro para formarse en mediación. A UNED da Coruña leva ofrecendo a posibilidade de formarse nesta temática desde 2013. Nestes sete anos realizáronse 27 cursos sobre mediación, formando a 1.632 alumnos e alumnas, aumentando constantemente o número de estudantes que escollen á UNED A Coruña para formarse en como mediadores/*as.

A modalidade flexible que ofrece o noso centro, revisando e actualizando cada ciclo ás necesidades do alumnado e aos intereses da realidade sociolaboral, axuda a que cada estudante poida realizar os cursos que desexe de forma independente ou en conxunto, en función dos seus horarios e necesidades, podendo completar a formación en diferentes anos académicos. Ademais, esta flexibilidade permite abrir a formación a aquelas persoas que, aínda que non están interesadas en rexistrarse profesionalmente como mediadores, queren adquirir coñecementos sobre áreas específicas como educación, familia ou penal.

 

Requisitos para matricularse no Ciclo de Mediación 2019/2020:

  • - Ser maior de 18 anos.
  • - Inscribirse na plataforma online de Extensión Universitaria (a través das ligazóns informativas de cada curso)
  • - Realizar o pago de matrícula (achegando a documentación requirida nos casos de matrícula bonificada)

Do mesmo xeito que noutras edicións e, como é habitual na formación de Extensión Universitaria do noso Centro, non se necesita ter ningunha titulación previa para cursar a actividade.

 

Novidades desta edición 

  • - Actualízanse os contidos, ampliando o temario do apartado penal coa mediación no ámbito comunitario, a xustiza restaurativa e as súas prácticas.
  • - Amplíanse as horas de formación presencial coa incorporación de máis sesións ao longo dos distintos módulos. A diferenza de edicións anteriores, todos os cursos están conformados por 3 sesións de formación presencial (12 horas), que se realizarán desde setembro do 2019 a maio de 2020. Como é habitual, as clases impartiranse os venres na sede da UNED na Coruña (rúa Educación nº 3) en horario de tarde.
  • - Unifícase o prezo de matrícula para todos os cursos, adaptando o custo ao novo formato formativo. - Tamén se solicitou a homologación da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o curso de "Xustiza Restaurativa. Mediación no ámbito Penal e Comunitario", debido ao interese e utilidade do mesmo na formación dos corpos e forzas de seguridade á hora de afrontar e resolver conflitos.

Normativa aplicable para ser mediador 

  

Para rexistrarse como profesional mediador a nivel nacional no Ministerio de Xustiza, a Lei 5/2012 de mediación no ámbito civil e mercantil, abre a oportunidade de exercer como mediadores a aqueles profesionais que estean en posición de título oficial universitario, ou de formación profesional superior, sempre que conten coa formación específica en mediación necesaria para exercer esta actividade. O Real Decreto 980/2013, do 13 de decembro, concreta que dita formación poderase adquirir nun ou varios cursos, cunha duración mínima de 100 horas de docencia efectiva sendo, polo menos un 35 por cento das mesmas, de carácter práctico.

O Ciclo de Mediación 2019-2020 do Centro UNED A Coruña consta de 125 h de formación teórica e práctica, polo que cobre amplamente a formación requirida.

 

Profesorado 

  

Rosa Sánchez González-Dans, do mesmo xeito que en edicións anteriores, é a responsable da docencia de todos os cursos que compoñen o Ciclo.

Rosa Sánchez é Licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, Máster en Psicoloxía Xurídica pola UNED, especialista en Mediación Familiar pola Universidade de Vigo e Máster Universitario en Mediación pola Universidade de Santiago de Compostela. Inscrita no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia desde o ano 2003, labor que compaxina co seu traballo de avogada. A partir do ano 2007 adhírese como profesional partícipe ao programa MEDIAGAL, promovido pola Xunta de Galicia. Participou en congresos, cursos, xornadas e seminarios sobre mediación, e colaborou en proxectos de formación en materia de mediación; entidades públicas e privadas.

Módulos que estruturan o Ciclo na edición 2019-2020.

>>Iniciación á Mediación. Teoría e Práctica<<

  • Datas: venres 20 e 27 de setembro e 04 de outubro de 2019.
  • Lugar de celebración: sede UNED A Coruña.
  • Horario: de 16:30 a 20:30 h.
  • Duración: 25 horas.
  • Créditos: 1 crédito ECTS (en trámite).
  • Modalidades: presencial e en liña (emisión en directo).
  • Máis información e matrícula aquí.
  

>>Mediación no ámbito civil e familiar<<

  • Datas: venres 08, 15 e 22 de novembro de 2019.
  • Lugar de celebración: sede UNED A Coruña.
  • Horario: de 16:30 a 20:30 h.
  • Duración: 25 horas.
  • Créditos: 1 crédito ECTS (en trámite).
  • Modalidades: presencial e en liña (emisión en directo).
  • Máis información e matrícula aquí.
 

>>Mediación no ámbito educativo<<

  • Datas: venres 10, 17 e xoves 23 de xaneiro de 2020.
  • Lugar de celebración: sede UNED A Coruña.
  • Horario: de 16:30 a 20:30 h.
  • Duración: 25 horas.
  • Créditos: 1 crédito ECTS (en trámite).
  • Modalidades: presencial e en liña (emisión en directo).
  • Máis información e matrícula aquí.
 

>>Xustiza Restaurativa. Mediación nos ámbitos penal e comunitario. Prácticas Restaurativas<<

  • Datas: venres 06, xoves 12 e venres 27 de marzo de 2020.
  • Lugar de celebración: sede UNED A Coruña.
  • Horario: de 16:30 a 20:30 h.
  • Duración: 25 horas.
  • Créditos: 1 crédito ECTS (en trámite).
  • Modalidades: presencial e en liña (emisión en directo).
  • Homologacións: solicitouse a homologación deste curso á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
  • Máis información e matrícula aquí.
 

>>Prácticas en Mediación<<

  • Datas: venres 24 de abril, 08 e 15 de maio de 2020.
  • Lugar de celebración: sede UNED A Coruña.
  • Horario: de 16:30 a 20:30 h.
  • Duración: 25 horas.
  • Créditos: 1 crédito ECTS (en trámite).
  • Modalidades: presencial e en liña (emisión en directo).
  • Máis información e matrícula aquí.
 

Podes consultar e descargar o tríptico informativo aquí.

Matrícula 

  

Para realizar o Ciclo completo tes que matricularte en todos os cursos de forma separada. De igual modo, se só estás interesado/a en un curso concreto, podes matricularte neste directamente sen necesidade de facer o ciclo completo.

Neste ano académico, tras 8 edicións, actualizamos os prezos de matrícula, adaptándoos ao formato formativo actual. A matrícula individual de cada curso para estudantes UNED e colectivos bonificados é de 50€ (60€ para tipo xeral non bonificado), o que supón que o custo do Ciclo completo con matrícula bonificada é de 250€ (300€ de tipo xeral). 

Máis información en:

  • - Secretaría do C.A. UNED A Coruña (rúa Educación 3 -15011 A Coruña), no teléfono: 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es
  • - Secretaría da Aula UNED de Ferrol (rúa María, 54 - 15402 Ferrol) no teléfono: 981 36 40 26 ou no correo electrónico: info@ferrol.uned.es
--------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es