Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Ciclo de conferencias: "Memoria Democrática, a debate"

26 de noviembre de 2020

Actividade gratuíta, aberta ao público en xeral (exclusivamente en liña, en directo e en diferido), que se celebrará os días 02, 03 e 04 de decembro e conta co recoñecemento de 0,5 ECTS.

Concello da Coruña organiza o Ciclo de Conferencias «Memoria Democrática, a debate». 

Esta actividade, gratuíta e dirixida ao público en xeral, realizarase exclusivamente en modalidade en liña, nos días 2, 3 e 4 de decembro de 2020, de 18:00 a 21:00 horas, na sede do Centro Asociado á UNED da Coruña e poderá seguirse tanto en directo como en diferido

asistencia presencial non está permitida. Esta actividade conta, ademais, co recoñecemento de 0,5 ECTS

Este Ciclo de Conferencias reunirá a expertos de recoñecido prestixio internacional, de institucións nacionais e internacionais. Durante os tres días de duración da actividade, realizaranse tres mesas redondas e debates posteriores abertos á cidadanía, de maneira dixital.

A finalidade da actividade é debater como afrontar o tratamento do pasado nestepresente . A recente sentenza xudicial que abre a porta para recuperar para a cidadanía o uso e goce das Torres de Meirás parece ter unha repercusión histórica no futuro da análise do pasado ditatorial que necesita ser exposta e debatida. A vontade do Concello da Coruña manifestada en sesións plenarias pola demanda da recuperación ao público da chamada ‘Casa Cornide' que posúe na actualidade a familia Franco, engade un especial interese e reforza a demanda social dunha análise académica, profundo, serio, complexo e o máis completo posible sobre as claves e os feitos acontecidos durante a ditadura.

Uns anos, os do franquismo, que precisan ser divulgados á cidadanía dunha maneira rigorosa, correcta e severa. Hai que ter en consideración a extraordinaria complexidade desa época, repleta de feitos que precisan ser contextualizados e diseccionados desde o ámbito académico. Como todos os fenómenos históricos, e quizais as Ditaduras en maior medida, necesitan dunha explicación que nos permita entender o noso presente desde o pasado para consolidar os valores democráticos. No caso concreto do proceso de permuta polo que a Familia Franco conseguiu a ‘Casa Cornide', corresponde a un momento histórico do Franquismo, os anos sesenta, escasamente divulgado e sobre o que a sociedade desexa saber máis.

Ciclo de Conferencias «Memoria Democrática, a debate» está dirixido por Abdón Mateos López, Catedrático de Historia Contemporánea da UNED e coordinado por Emilio Grandío Seoane, Historiador e Profesor do Departamento Historia Contemporánea e América da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta coa participación de expertos de primeiro nivel, de recoñecido prestixio nacional e internacional, ademais de representación de todas as universidades galegas

PROGRAMA:

Mércores, 2 de decembro: "O patrimonio do franquismo"

É preciso identificar cales son as principais metas que se pretenden alcanzar coa reincorporación do patrimonio usurpado polo ditador ao dominio público, así como evitar converter estes novos espazos en elementos repetitivos, infrautilizados ou desaproveitados. O patrimonio reintegrado non pode converterse nun contedor cultural baleiro máis, senón que debe identificarse como un espazo acomodado para desenvolver proxectos novos que faciliten a súa reincorporación ao espazo público dunha maneira útil para a sociedade que os reclama. Para o que resulta indispensable coñecer o seu pasado en profundidade e facer unha reflexión sobre eles. Parece necesario debater e contrastar entre expertos na materia para buscar os contidos apropiados de resignificación. 

Interveñen:

- Fernando Martínez López, Secretario de Estado de Memoria Democrática.

- Xosé Manuel Núñez Seixas, Catedrático de Historia Contemporánea, Universidade de Santiago de Compostela (USC).

- Anxo Viñas Martín, Universidade Complutense de Madrid (UCM). Funcionario, economista, diplomático e historiador, especializado na Guerra Civil Española e no franquismo.

Xoves, 3 de decembro: "A ditadura franquista: ¿goberno ou xestión?"

Os anos sesenta son un período case descoñecido para moitos –especialmente para os máis novos-. O franquismo nunca deixou de funcionar como unha ditadura. As súas dinámicas administrativas e políticas, xa desenvolvidas nas décadas anteriores como unha mestura de temor e inseguridade perante o Estado, insistían na propaganda ‘oficial' –a única- na imaxe positiva do réxime como unha ferramenta de lexitimación. A ausencia de democracia disfrazábase dunha ‘democracia sui géneris'. Pero a realidade detrás da careta do réxime era ben distinta. Insistirase especialmente en divulgar aqueles anos sesenta, os dos '25 anos de paz', os do período de esplendor dun franquismo institucionalizado, oficial e corporativo. A duración do réxime xerou unhas rutinas tanto na administración como nos administrados. Unha escala de valores que foi asumida culturalmente pola maioría do gobernados. Estado e Franco eran o mesmo. Non resultaba posible desvinculalos.

Interveñen:

Miguel Ángel Ruiz Carnicer, Catedrático de Historia Contemporánea, Universidade de Zaragoza (UNIZAR).

Anna Catherina Hofmann, Historiadora. Universidade de Halle-Wittenberg (Alemaña).

Antonio Cazorla Sánchez, Catedrático de Historia Contemporánea de Europa, Universidade de Trent (Canadá).

Venres, 4 de decembro: "A Casa Cornide: presente e futuro"

Tras a análise do contexto daqueles anos e o patrimonio do franquismo, e a revisión do patrimonio franquista en España e Galicia, a conclusión deste ciclo xirará ao redor da Casa Cornide.

A Casa Cornide é un elemento singular do patrimonio arquitectónico da Coruña. O seu retorno ao dominio público é unha vontade manifestada pola cidadanía e o Concello da Coruña, que dá os primeiros pasos para levar adiante os trámites necesarios para conseguir o retorno da súa propiedade: BIC, realización de informes histórico e xurídico... No 2020, expor o futuro da Casa Cornide é unha oportunidade que non podemos perder, pero ¿cal é o pasado deste inmoble? ¿Que a fai tan especial? ¿De onde vén o interese do réxime por ela? ¿Que papel simbólico tivo no pasado máis afastado? ¿Que futuro lle espera?

Interveñen: 

José Manuel Busto Lago, Catedrático de Dereito Civil, Universidade da Coruña (UDC).

Emilio Grandío Seoane, Historiador. Profesor do Departamento Historia Contemporánea e América. Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Alfredo Vigo Trasancos, Catedrático de Historia da arte, Universidade de Santiago de Compostela (USC).

INSCRICIÓN E SEGUIMENTO EN LIÑA

Ciclo de Conferencias está aberto ao público en xeral, aínda que é necesaria a inscrición previa para obter as ligazóns de seguimento en liña, tanto en directo como en diferido. A asistencia presencial, debido ás actuais circunstancias de alerta sanitaria polo COVID-19, non está permitida. 

Para recibir o certificado de aproveitamento da actividade, co recoñecemento de 0,5 ECTS, o alumnado debe asistir ao 80% das horas de explicación teórica. O control de asistencia realizarase por medios telemáticos; durante a actividade indicarase ao alumnado o procedemento a seguires.

  • Podes inscribirte gratis na actividade, premendo aquí.
  • Visualiza o vídeo sobre a actividade aquí

Organizado por: 

Concellería de Educación e Memoria Histórica, Concello da Coruña 

Colabora:

Centro Asociado a la UNED de A Coruña

¡Seguimos online, seguimos contigo!

Máis información en:

--------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Instagram

YouTube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es