Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Clausurado o curso de verán "Sociedade e cinema"

26 de junio de 2017

Reuniu a 82 inscritos internos e externos, nas instalacións do Centro Penal de Teixeiro.

O venres 24 de xuño celebrouse a última xornada do curso de verán "Sociedade e Cinema" no Centro Penal de Teixeiro. Concentraba dúas sesións que comezaron a partir das 9:30 horas da mañá. A primeira sesión correu a cargo de José Antonio Martín Peláez, subdirector médico no penal, "O dereito de saúde e a súa protección", presentación na que se fixo un percorrido ao longo da historia e do cinema a través da figura do galeno; niveis de protección e evolución natural.

"Hoxe en día fálase máis dunha saúde global estendida a todas as persoas. Como dereito, a súa evolución variou durante os anos; fíxose necesario ponderar e moderar os niveis óptimos e viables de protección, traballando o que se pode chamar un "mínimo decente" no que tiveron que ver moitos elementos: nutrición, auga, saúde biolóxica, saúde laboral", comentaba Martín Peláez. Falouse das dimensións e dos titulares, -a partir dos 16 anos unha persoa xa pode decidir sobre a súa propia saúde, con algunha excepción- as excepcións: en caso de necesidade terapéutica, perigo inminente, ou saúde mental.

A relación con outros dereitos: medio ambiente, vida, educación, dignidade humana, igualdade, vida privada, etc.. e as obrigacións: cumprir coas prescricións que afectan á nosa saúde e á dos demais e o uso adecuado de prestacións ofrecidas polo sistema sanitario. O doutor Martín aludiu ao dereito á protección á saúde e a súa vinculación directa aos poderes públicos en relación a organizar e tutelar a saúde pública fomentando a educación sanitaria, física e deporte.

Algunhas das cintas que ilustraron o contido da sesión -a modo de exemplo- foron "A verdade doe", película protagonizada por Will Smith ou "Grazas por fumar", filme do ano 2005 que reflicte a situación actual en torno ao consumo tabaco en EEUU e a problemática do que se quere contar ou non diso.

Por último Martín Peláez fixo un repaso ao marco histórico da saúde e os niveis de protección ao longo da historia comezando pola Idade Antiga representada entre outras películas en "A momia"; a Idade Media por "O médico ou "No nome de la Rosa"; a Idade Moderna con "A restauración"; Idade Contemporánea con "Master and commarder", "Ramón e Cajal", "A vida é bela", "Patch Adams" ou "Planta 4ª". Martín Peláez finalizou a súa intervención destacando a importancia da película "Smmelweis" onde fala o tema da febre das mulleres tras o parto e o tratamento da hixiene, o que supón un primeiro gran momento da protección da saúde no cinema.

Delia González Tejedor, médico no penal de Teixeiro, continuou a quenda de relatorios coa súa presentación "Cinema e Saúde Mental", sesión que se iniciou coa referencia do dato extraído dun estudo da OMS, no que se expuña que no ano 2020 o 15% da poboación sufriría algún tipo de enfermidade mental. A vinculación directa desta condición aos estigmas e o seu compoñentes "que o seu portador sexa incluído nunha categoría social cara a cuxos membros se xera unha resposta negativa", comentaba.

Nesta cuestión cinematografía e psiquiatría orixe e desenvolvemento case paralelos, un foco común: percepción e interpretación individual e subxectiva da experiencia humana e unha motivación común: conduta humana e emocións. "Dr. Dippy´s sanitarium" ano 1903, a primeira que trata temas psiquiátricos. Ao longo deste tempo evolucionou o seu tratamento, "desde uns inicios moi satíricos da profesión, atención e mesmo dos pacientes, chegouse a transmitir dunha forma máis sensible a cuestión da enfermidade mental ata unha representación máis acertada da doenza e o labor do profesional", afirmaba a relatora.

A doutora González destacaba, para finalizar, a importancia do cinema como axente de formación de valores, contidos e interpretación da realidade onde o 80% de coñecementos adquírense a través da vista, característica que incide, dun modo directo, nas cintas onde se tratan temas psiquiátricos.

O peche de sesións do curso estivo a cargo de Laura Sánchez Pérez, licenciada en Socioloxía, doctoranda en Antropoloxía e profesora titora do Centro Asociado UNED A Coruña coa relatorio "Familias e novos modelos de familias".

A súa presentación abordouna desde dúas perspectivas diferenciadas: teórica e moito máis visual a través de numerosos filmes ilustrativos das distintas cuestións que se analizaron. Nun primeiro momento iniciou o tema abordando puntos máis teóricos como a definición de familia desde un plano antropolóxico; matrimonio e/ou parellas, filiación de fillos e pais e tipos de parentes; tipos de relación: consanguineidad afinidade ou a cuestión básica de familia nuclear de orientación cos pais e irmáns e de procreación: esposos e fillos,

A segunda parte cun tratamento máis práctico onde a relatora expuxo a evolución da familia tradicional nuclear ata hoxe e os seus factores de incidencia a través do cinema. "Os Adams" ou "The Brady Bunch", en común os modelos tradicionais, "Adiviña quen vén esta noite" onde se aborda o matrimonio interracial, "Unha gaiola de grilos" que fai un tratamento á homosexualidade xunto con "Philadelphia", para expor temas de adopción e adolescencia con "Juno", ou "Meus teus e os nosos" que no ano 2005 xa se refería a familias reconstruídas. "Baixo o sol da toscana" do ano 2003 expoñía a cuestión monoparental desde unha perspectiva amable e a película española de 2015 "Teito e comida", que deixa ver o lado duro, para finalizar con "Modern family" do ano 2009 na que se representan todos os modelos de familia.

Unha vez finalizadas as sesións, Jaime Cardalda, responsable de Formación no Centro Penal, clausurou oficialmente o curso de verán, acompañado por Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado UNED A Coruña e Fernándo Reviriego Picón, director do curso de verán.

--------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es