Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Conferencia: “A Catedral de Santiago. Toda unha historia"

15 de octubre de 2019

Actividade gratuíta, aberta ao público en xeral, celebrarase o 22 de outubro na sede da Coruña en modalidade presencial e online (emisión en directo)

O vindeiro mércores 22 de outubro comeza o Ciclo “AD LIMINA IACOBI. Historia, arte, vida e morte en torno ao Camiño de Santiago” que se desenvolverá ao longo do primeiro cuadrimestre na sede da Coruña. A conferencia inaugural deste Ciclo, que conta xa con máis de 300 persoas matriculadas, versará sobre “A Catedral de Santiago. Toda unha historia” e será impartida por D. Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Durante a conferencia, o relator dará a coñecer as diferentes etapas de construción da Catedral de Santiago de Compostela como reflexo das transformacións arquitectónicas, artísticas e económicas ao longo da Historia. A Catedral de Santiago foi e é referente para o peregrino como punto culminante do camiño. No relatorio farase unha revisión das diferentes etapas construtivas do edificio ao longo do seu devir histórico, reflexo das transformacións en arquitectura, en arte, en economía e aínda nas necesidades e nos gustos.

A conferencia, que terá lugar o 22 de outubro ás 19:00 h no Salón de Actos da sede da UNED da Coruña, tamén se pode seguir online, en modalidade de emisión en directo. A entrada é gratuíta, aberta ao público en xeral interesado na materia, aínda que é necesaria a inscrición previa.

Podes inscribirte gratis na actividade aquí.

Alfredo Vigo Trasancos é doutor en Historia da arte. Catedrático de Historia da arte e Doutor con premio “extraordinario” na mesma disciplina pola USC. Recoñecido especialista en Arquitectura e Urbanismo, especializado no estudo do Barroco e a Ilustración. Entre as súas numerosas obras destacan os libros A fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago (1996) e A Catedral de Santiago e a Ilustración (1999). Na súa longa traxectoria profesional destaca o seu labor investigador da que resultaron máis de cen artigos de investigación, a dirección de varias obras colectivas e teses de doctoramento. Tamén foi crítico artístico, cronista de cidades, comisario en exposicións históricas sobre a Torre de Hércules e á cidade da Coruña no seu 800 aniversario (1208-2008). No ano 2011, recibiu a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol. Alfredo Vigo, ademais, foi profesor-titor do Centro Asociado UNED A Coruña. 

AD LIMINA IACOBI:

Como preludio informativo ao próximo Xacobeo 2021, o Centro Asociado UNED A Coruña realizará ao longo do primeiro cuadrimestre o Ciclo “AD LIMINA IACOBI. Historia, arte, vida e morte en torno ao Camiño de Santiago”, composto por 6 conferencias e 2 visitas guiadas dentro da programación cultural para o curso 2019/2020. Todas as actividades que compoñen o Ciclo son de carácter gratuíto e abertas ao público en xeral; as conferencias poderanse seguir de maneira presencial e online (emisión en directo), como é habitual nas actividades culturais que se realizan no noso Centro.

O Ciclo está dirixido por María J. Loira Enríquez, profesora-titora o Centro UNED A Coruña que, como cada ano, presenta actividades de interese tanto para o alumnado do Centro como para o público en xeral. Nesta ocasión, tras máis de seis meses de organización e planificación, reuniu a 6 recoñecidas autoridades académicas e profesionais, que achegarán a súa visión experta sobre diferentes aspectos do Camiño de Santiago, propoñendo unha visión alternativa do mesmo, abordando aspectos en ocasións desconectados ou esquecidos.

O Ciclo Ad Limina Iacobi exponse como un camiño de coñecemento, cuxo itinerario percorrerá a historia da súa sinalada catedral, dos roteiros terrestres, marítimas e celestes, así como dos seus cemiterios, integrando na viaxe a historia, a arte, a vida e a morte, da man de recoñecidos investigadores en cada un dos temas.

Podes consultar e descargar o tríptico informativo aquí.

>>Nota de Prensa<<

Máis información en:

  •  - Secretaría do C.A. UNED/UNED A Coruña (rúa Educación 3 -15011 A Coruña), no teléfono: 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es
  • - Secretaría da Aula UNED de Ferrol (rúa María, 54 - 15402 Ferrol) no teléfono: 981 36 40 26 ou no correo electrónico: info@ferrol.uned.es
--------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es