Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Conferencia: "Matar un soño: A depuración dos mestres nacionais na provincia da Coruña no franquismo"

24 de abril de 2019

Actividade gratuíta aberta ao público en xeral que se celebrará o vindeiro martes 07 de maio no salón de actos do Centro UNED A Coruña, pode seguirse de maneira presencial ou online a través de streaming directo

O Centro UNED A Coruña celebrará a conferencia “Matar un soño: A depuración dos mestres nacionais na provincia da Coruña no franquismo”, impartida polo doutor en Historia Contemporánea, Jesús Manuel García Díaz, o martes 07 de maio ás 19h.

Esta actividade, de acceso gratuíto e dirixida ao público en xeral, ten como obxectivo expoñer os procesos de depuración do Maxisterio Nacional na provincia da Coruña, dar a coñecer a investigación do autor e fomentar a divulgación cultural na contorna inmediata.

A conferencia tratará a investigación de tese doutoral de Jesús Manuel García Díaz, que conseguiu o sobresaliente cum laude na Universidade de Vigo e mereceu o premio da Fundación Luís Tilve, que incluíu a publicación dunha monografía titulada "A depuración do Maxisterio Nacional na provincia da Coruña (1936-1945)". Trátase da primeira gran investigación científica levada a cabo en todo o territorio dunha provincia en Galicia. Aínda que se publicaron estudos noutras provincias españolas, Galicia estaba falta de traballos que englobasen esta depuración administrativa nunha provincia completa. A Coruña rompe o xeo con esta investigación na que o seu autor estudou a purga de máis de dous mil mestres de primeiro ensino levado a cabo entre 1936 e 1945.

Para iso foi necesario recorrer a numerosos arquivos, sendo o principal o Arquivo Xeral da Administración (AGA), en Alcalá de Henares. Consultáronse numerosas publicacións periódicas, ao redor de 600 obras bibliográficas solicitando datos de máis de dous mil expedientes de depuración de mestres e mestras de todos os municipios coruñeses. Iso permitiu construír unha base de datos con preto de 330.000 rexistros que facilitan trazar unha radiografía o máis precisa e apegada á realidade, abordada como non se fixo ata agora.

Este traballo mostra un estudo detallado de todas e cada unha das instancias depuradoras (Autoridades Gubernativa e Militar, Reitorado-Xunta de Decanos, Comisión Depuradora Provincial; Comisión de Cultura e Ensino, Ministerio de Educación Nacional coa Oficina Técnica Administrativa e a Comisión Superior Dictaminadoras, para finalizar coa actuación do Xulgado Superior de Revisións). Estúdase o tempo transcorrido entre as resolucións dunha e outra instancia; o peso de cada instancia na resolución final do iter depurador, do mesmo xeito que é posible coñecer, dentro dos mestres que superaron devandito proceso absoltos, cantos deles resultaron sancionados nalgún momento dese percorrido depurador.

Jesús Manuel García Díaz é doutor en Historia Contemporánea e licenciado de grao en Patrimonio Histórico, pola Universidade de Vigo, e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Ten un máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais pola Universidade de Vigo, e posgrao en Interpretación do Patrimonio Cultural pola Universidade Oberta de Cataluña. No ámbito profesional foi profesor convidado na Universidade de Vigo na materia de Didáctica das Ciencias Sociais, na Facultade de Ciencias da Educación e Deporte, e foi redactor de La Voz de Galicia en Ourense, así como delegado no Barco de Valdeorras de La Voz de Galicia, Radio Voz e Antena 3 Radio. Está colexiado no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Actualmente é o director do Centro Asociado UNED de Ourense.

A investigación feita por Jesús Manuel García Díaz aborda de igual modo aspectos socioculturais da sociedade coruñesa da época grazas a un estudo e análise dos informes, que permiten ver e caracterizar aos delatores e aos acusados, cunha análise daquela sociedade e o que algúns autores denominan "paleta de grises", expresión que indica que non se pode reducir dita sociedade en vencedores e vencidos.

A conferencia pode seguirse online en streaming directo. É necesaria a inscrición previa.

Podes inscribirte gratis aquí.

Máis información no servizo de Secretaría do C.A. UNED A Coruña (rúa Educación 3 -15011 A Coruña), no teléfono: 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es

-----------------------{}----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es