Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Considero que Dereito é unha carreira que ten un carácter polivalente e serve para traballar en distintos postos de traballo"

15 de marzo de 2016

Carmen Patricia Rodríguez Pérez, licenciada en Dereito pola UNED.

Carmen Patricia Rodríguez Pérez é Diplomada en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster Superior en Prevención de Riscos Laborais nas Especialidades de Seguridade, Hixiene e Ergonomía, en Dirección e Xestión de Adegas. Cursou a formación de Adaptación Pedagóxica (CAP) e rematou un curso de Medio Ambiente.

Traballou nunha Asesoría Laboral como técnico de Prevención Calidade e Medio Ambiente; en Correos; na AEAT durante as campañas da Renda, na Banca  rivada e como profesora de cursos para a Fundación Laboral da Construción.

Licenciouse en Dereito pola UNED o curso pasado.

Por que decidiches realizar unha Licenciatura na UNED?

"O que me motivou fué ver aquelas películas americanas, da década dos oitenta, onde aquelas avogadas defensoras ou fiscais eran brillantes, e por suposto, guapas e elegantes, cuns traxes de chaqueta marabillosos. Eran unhas triunfadoras".

Cales foron os obxectivos iniciais cando te matriculaches por primeira vez? Persoais ou profesionais?

"Nun principio non me chegou a nota para facer a carreira de dereito e fixen Relacións Laborais, unha vez que finalice eses estudos, decidín facer a licenciatura porque non quería quedarme coas ganas non de realizala e arrepentirme diso".

Na túa opinión e no plano profesional, que che vai achegar esta titulación a curto e medio prazo?

"Quizá sexa o de ter máis coñecementos, o que permitirá resolver problemas "diarios" do traballo desde outra perspectiva. Considero que Dereito é unha carreira que ten un carácter polivalente e serve para traballar en distintos postos de traballo. Nestes tempos en que vivimos, no que todo é tan incerto e cambiante, mesmo dun día para outro, non sabemos que vai ser de nós. Á túa pregunta, non che podo dicir se me pode achegar algo ou non. O que non hai dúbida é que a nivel persoal si dispoño duns coñecementos que non mos vai a quitar ninguén".

Como describirías o proceso nestes anos de estudo? Sentes que como estudante tiveches unha evolución na túa forma e tempo de traballo e de estudo desde os inicios?

"O proceso foi longo, moi longo, ao principio quería comerme o mundo -como todos- despois o mundo vai comendo a ti. Empecei con 21 anos, máis tarde empezas a traballar, casas, enfermidades, o meu fillo, outros traballos, paro e como tes tempo, pois finalizar os estudos. O segundo ciclo foi eterno, pensei en deixalo, pero non o fixen poque a estas alturas non era boa idea".

Como viviu a túa familia e entorno estes anos de estudo? Tiveches que sacrificar tempo, renuncias...?

"Foi moi duro, e moi longo. Considero que perdín moito tempo da miña vida que non vai volver atrás, que non recuperarei nunca, como é o de estar sempre estudando en lugar de gozar coa miña familia, especialmente no relacionado ao meu fillo e o meu marido. A todo iso habería que engadir tempo de traballo xunto coas viaxes que tiña que facer".

Un pequeno xogo: tres adxectivos positivos e tres negativos do teu paso por esta universidade.

"Positivos: satisfación, perseveranza, resistencia.Negativos: probablemente non teña ningún. Quizá a pouca relación cos compañeiros a nivel de clase ao ir unicamente exames. Non coñeces a ninguén".

Anímasche a seguir estudando?

"En principio penso que non. Cumprín e con fartura. Quizá estudar inglés".

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es