Mapa web
Youtube
Instagram
UNED

A UNED da Coruña asina un convenio marco de colaboración co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA)

28 de marzo de 2019

A firma oficial tivo lugar na sede da UNED da Coruña na mañá do mércores 27 de marzo

presidenta do Ilustre Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, Dª. Ana Isabel Vázquez Lojo e o director do Centro UNED A Coruña, D. Germán Carro Fernández, asinaron na mañá do 27 de marzo un convenio de cooperación educativa destinado ao desenvolvemento de accións formativas e de divulgación cultural especializadas.  

No plano formativo, ambas as entidades sumarán esforzos para ofrecer unha formación continuada de calidade, especializada, que permita adquirir competencias e coñecementos fundamentais ao alumnado de diferentes graos e másteres da UNED, así como para as e os colexiados do CPLGA, dentro da súa programación de Extensión Universitaria e Divulgación Cultural.         

  • Imaxe: D. Germán Carro Fernández, director do Centro UNED A Coruña e Dª. Ana Isabel Vázquez Lojo, presidenta do Ilustre Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. 
             

A UNED da Coruña achegará a súa infraestrutura organizativa e medios para a realización das accións formativas, que estarán a cargo de persoal cualificado do CPLGA; pola súa banda, as persoas colexiadas no CPLGA poderán beneficiarse dun desconto económico nas accións formativas de Extensión Universitaria da UNED da Coruña.

Dado que ambas as institucións teñen un interese público e común, esta colaboración entre a UNED e o CPLGA, tamén repercutirá na sociedade en xeral xa que un dos obxectivos principais do convenio é a realización de actividades que axuden ao progreso sociocultural e á dinamización da contorna social e cultural máis inmediata. 

A UNED da Coruña e o CPLGA decidiron axuntar forzas en beneficio dos seus estudantes e colexiados/as, poñendo en valor a formación de ambos os colectivos e tendendo lazos entre a Universidade e a contorna sociolaboral da cidade. Durante a firma oficial sentaron xa as bases da próxima acción conxunta que se materializará nos próximos meses. 

Durante a reunión, Ana Vázquez Lojo destacou a importancia do traballo formativo que leva a cabo no CPLGA e a necesidade de chegar a diferentes áreas da sociedade. Quixo facer fincapé na necesidade de formar a especialistas que poidan traballar con diferentes grupos, xa que a área da logopedia pode mellorar as condicións de vida de persoas de diferentes idades. Neste sentido, a presidenta do CPLGA lembrou o importante labor que desempeñan na solución de problemas desde a infancia á terceira idade, desde un plano formativo e sociosanitario, con atención en centros médicos, educativos, penais, clínicas dentais, etc. 

Pola súa banda, Germán Carro Fernandez subliñou a importancia da formación integral do alumnado da UNED, poñendo á súa disposición todos os recursos e oportunidades para coñecer e profundar en aspectos que poidan resultar do seu interese. Neste sentido, a colaboración co CPLGA abre un arco de temáticas para estudantes de diferentes graos e másteres do Centro, como psicoloxía, educación social, traballo social, etc., no cal poderán atopar futuras vías de especialización profesional. 

De igual modo, o director do Centro UNED da Coruña quixo resaltar o importante labor levado a cabo polo CPLGA na promoción e visibilización de trastornos específicos, como a charla celebrada o Centro en 2018 “A xordeira e a súa implicación na linguaxe do neno xordo”, impartida por Ana Vázquez Lojo, que expoñía as dificultades que presentan os nenos xordos no contexto escolar, familiar e social derivado da xordeira e trastornos asociados á mesma.   

Durante a firma do convenio tamén estiveron presentes Noa Castro, secretaría técnica do CPLGA e Laura Sánchez, coordinadora de Extensión Universitaria do Centro UNED da Coruña.   

O Ilustre Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA) leva traballando ininterrompidamente desde 2009, ofrecendo os seus servizos a través de diferentes profesionais que brindan tanto formación como atención personalizada en diferentes ámbitos, colectivos e institucións. O seu labor fundaméntase sobre necesidades esenciais, xa que os problemas a nivel de linguaxe ou deglución diminúen en gran medida a calidade de vida e ninguén está exento de poder padecelos nalgún momento; ademais, levan asociadas complicacións secundarias a outras patoloxías, síntomas de síndromes complexas, trastornos específicos, procesos agudos, crónicos, etc. O obxectivo do CPLGA é alcanzar a creación de novas saídas profesionais, así como ofrecer unha formación continuada de calidade aos seus colexiados e colexiadas, axudando aos seus pacientes cada día a non perder esa conexión co mundo que lles rodea.

A UNED da Coruña súmase así ás institucións coas que o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia colabora para a formación e capacitación sociolaboral de profesionais de diferentes áreas. 

Más información en el servicio de Secretaría del Centro Asociado UNED A Coruña (981 14 50 51 / info@a-coruna.uned.es

>>Nota de Prensa<<

-------------------------{}------------------------ 

Síguenos en: 

Facebook 

Twitter 

Google+ 

YouTube 

Bloge UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es