Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso de verán "Novas Vías profesionais nos Centros Penais"

28 de junio de 2018

José Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal e Criminoloxía na UDC, Lourdes Besada e Lorena Añon, docentes na Escola Universitaria de Traballo Social na USC, preséntannos, conxuntamente, un adianto dos seus relatorios. O curso celebrarase os días 4, 5 e 6 de xullo nas instalacións do penal coruñés de Teixeiro.

O vindeiro mércores o Centro Asociado UNED A Coruña traslada as súas clases ao centro penal de Teixeiro. Unha vez máis, seguindo o ronsel dos últimos anos, convócase unha nova edición dos cursos de verán UNED en colaboración con Institucións Penais.

A proposta desta convocatoria titúlase "Novas vías profesionais nos Centros Penais" e celebrarase nas instalacións da penitenciaría, de forma que alumnos externos e internos compartan formación a través dos relatorios e presentacións de docentes do ámbito universitario -procedentes de universidades galegas e da UNED- e persoal especializado do sector de institucións penais.

O curso desenvolverase en única modalidade presencial, os días 4, 5 e 6 de xullo e ao seu termo, certificarase con 1 crédito ECTS.

A actividade formativa está dirixida por Juan Luis de Diego Arias, que nesta edición renova formato de curso por segunda vez; no ano 2016 presentaba "As novas vías de reinserción: módulos terapéuticos e módulos de respecto", con notable éxito de participación.

Para profundar máis no contido do curso, preguntamos a José Ángel Brandariz García, responsable da presentación "Tarefas profesionais e sistema penal: unha perspectiva comparada" prevista para a segunda xornada; na mañá do xoves, e a Lourdes Besada Agra e Lorena Añón Loureiro, coa presentación conxuntamente "O traballo social en contextos de privación de liberdade", programada o mesmo día en xornada de tarde.

José Ángel Brandariz García é profesor titular de Dereito Penal e Criminología na Universidade da Coruña, e desenvolveu o seu labor docente e investigadora fundamentalmente en cuestións de penalidade, Dereito penal e sistema punitivo. Na última etapa, o seu traballo centrouse especialmente en cuestións de políticas penais, control da inmigración, xerencialismo en materia de penalidade e control social e economía política da pena.

O profesor Brandariz García publicou (como autor ou editor) case unha vintena de libros, así como un centenar de artigos académicos e capítulos de libros, fundamentalmente en español, pero tamén en inglés, francés, italiano, portugués e galego. Os seus libros máis recentes son O modelo gerencial-actuarial de penalidade ( Dykinson, 2016, en prensa), Prácticas e políticas de control migratorio (con Marta Monclús Masó, Didot, 2015), O goberno da penalidade ( Dykinson, 2014) e Sistema penal e control dos migrantes ( Comares, 2011). O profesor Brandariz foi investigador visitante nunha pluralidade de universidades internacionais, entre elas as de Chicago (EE. UU.), Freiburg (Alemaña), Buenos Aires (Arxentina) e Milano (Italia). Ademais, impartiu conferencias e docencia en universidades dunha quincena de países europeos e americanos.

Lourdes Besada Agra é doutora pola Universidade de Santiago con mención cum laude, en Ciencias Políticas e Sociais. Profesora na Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago de Compostela (adscrita á Universidade de Santiago de Compostela) desde o ano 1986. Actualmente, é profesora titular nas materias de Traballo Social con Individuos e Familias, Mediación e Resolución de Conflitos en Traballo Social, profesora titora da materia Practicum, e profesora directora de Traballos de Fin de Grao. Tamén é fundadora da Revista Galega de Ciencias Sociais. Desde o ano 1996 ata a actualidade, desempeña funcións de coordinadora do Practicum na Escola Universitaria de Traballo Social.

Lorena Añón Loureiro é diplomada e graduada en Traballo Social. Máster en Xestión e Intervención de Servizos Sociais e Máster en Investigación, Ordenación e Avaliación de Servizos Socio-Sanitarios. Desde o curso académico 2011/2012 desempeña a súa actividade docente na Escola Universitaria de Santiago de Compostela (EUTS). É unha profesional con sólida experiencia no ámbito da docencia e da intervención social -terceiro sector de acción social, servizos sociais, migracións, muller, etc.-, exercendo a disciplina de traballo social durante máis de 12 anos, nos que publicou diferentes artigos sobre esta temática. Tamén é membro da Xunta Directiva da entidade IGAXES (Instituto Galego para o Terceiro Sector) e, desde o ano 2015, coordinadora do Grupo de Traballo Social e Xénero do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

P.- Na súa opinión, por que resultaría de interese para un alumno externo realizar esta actividade no Centro Penal?

J.A. Brandariz: "Unha razón obvia é que a actividade lle permite ao estudante coñecer in situ un lugar frecuentemente tan opaco como un centro penal. Non hai mellor localización para debater as cuestións referentes a como solucionamos, como sociedade, os conflitos que denominamos delitos. Aínda que iso pode ser realmente moi interesante para calquera estudante, o é aínda máis para quen estude cursos e materiais relacionadas, dun ou doutro xeito, coa prisión".

L. Besada e L. Añón: "O interese para un/a alumno/a externo/á o centro, radica non só no contido do curso e a exposición de aspectos ligados á formación e á intervención desde o traballo social, xa que ademais, o curso é moi atractivo polo lugar no que se realiza, dado que achega o valor engadido da sinerxia do contido e do contexto no que se desenvolve. Ademais, hai que ter en conta a riqueza que achega a participación e interacción entre as persoas asistentes: o alumnado universitario, os e as profesionais e funcionarios/ as do centro, e as persoas privadas de liberdade".

P.- E para os internos, que lles pode achegar o desenvolvemento deste curso? En que pode mellorar o seu día a día no centro e unha vez comece a súa etapa activa de reinserción?

J. A. Brandariz: "O principal problema da prisión é que, a pesar dos múltiples esforzos que se fan por parte da administración penal, a vida en prisión dista moito de parecerse á vida fora fose dos muros do penal. Iso ten un efecto moi negativo para os obxectivos de reinserción, que finalmente consisten en lograr a readaptación do recluso unha vida sen delito... fóra da prisión. Por tanto, calquera actividade que permite un contacto dos presos co mundo exterior, máis aínda se lles permite pensar sobre as cuestións penais xunto con persoas non encarceradas, é extremadamente útil para o final resocializador".

L. Besada e L. Añón: "A maior achega para as persoas privadas de liberdade reside na información que lle pode achegar o curso, pero tamén na interacción e comunicación entre as persoas asistentes, todas elas baixo o prisma do mesmo rol, de alumno/a. Así mesmo, as achegas dos e das participantes, desde os seus diversos puntos de vista, son un elemento crave para ir construíndo opinión, e ir estruturando ideas e conceptos".

P- ( J.A. Brandariz). A súa exposición titúlase "Tarefas profesionais e sistema penal: unha perspectiva comparada". Podería facer un breve resumo do que lles vai a presentar aos asistentes.

R.- "Con esta presentación pretendo introducir dúas olladas sobre o fenómeno penal. Por unha banda, en liña co conxunto do curso, vou reflexionar sobre o tipo de tarefas que se desenvolven en prisión, do que é expresión as profesións que a habitan, isto é, o tipo de técnicos que traballan na cadea. Desde aí, poden xurdir algunhas análises sobre o maior ou menor equilibrio das diferentes funcións penais, en relación co tipo e número de profesionais que as levan a cabo. Xunto con iso, por outra banda, pretendo mirar esa realidade a partir dunha comparativa con outros países. A pregunta aí é: O sistema penal español conta co mesmo tipo de profesionais que os restantes sistemas da nosa contorna? E, se non é así, que conclusións podemos extraer das diferenzas na materia?"

P- ( L. Besada e L. Añón). A súa exposición titúlase "O traballo social en contextos de privación de liberdade". Poderían facernos un breve resumo do que contarán aos alumnos?

R.- "En liñas xerais, a exposición estrutúrase do seguinte modo: A formación das/vos traballadores sociais; formación específica neste ámbito de intervención. O acceso ao campo profesional; a figura profesional da/do traballador social en prisións; as funcións dos traballadores sociais en prisións e actuais retos profesionais desde a disciplina do traballo social en contextos de privación de liberdade".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es