Actualización da información a 30/04/2021
Por motivos de organización e planificación de Extensión Universitaria do Centro, este curso queda ADIADO AO MES DE SETEMBRO. Nos vindeiros días se actualizarán as datas e modalidades de emisión. Desculpen as molestias.
----
A UNED da Coruña organiza a partir da semana próxima o curso "Rompendo estereotipos: a imaxe de heroínas, bruxas, fadas e princesas desde a narrativa oral á Literatura Infantil e Xuvenil", que se celebrará os luns 03 e 10 de maio, de 16:30 a 20:30 h.
Esta actividade ten unha finalidade didáctica que pode resultar de interese tanto a estudantes de calquera disciplina académica, especialmente dos graos e másteres en Filoloxía, Educación, Biblioteconomía, etc.; como a profesorado en xeral de calquera nivel académico e público en xeral interesado na temática.
A formación estará a cargo de María del Carmen Ferreira Boo, profesora de didáctica de lingua e literatura na Universidade da Coruña (UDC) e profesora-titora do Centro Asociado UNED A Coruña. O curso, ademais, está codirigido por Francisco Xavier Frías Conde, Profesor de Filoloxía Gallego-Portuguesa da UNED.
Neste curso daranse a coñecer as características que definen as personaxes de heroínas, bruxas, fadas e princesas na narrativa de transmisión oral e como a través das distintas reescrituras foron evolucionando na historia literaria ata ofrecernos na Literatura Infantil e Xuvenil actual unha visión diferente destes arquetipos.
Aínda que é certo que, desde que somos pequenos, estas personaxes forman parte do imaxinario colectivo dunha comunidade, a través das diferentes experiencias lectoras e o intertexto lector imos modificando a visión tradicional que nos achega a narrativa de transmisión oral cara a unha imaxe máis subvertida e transgresora de heroínas, bruxas, fadas e princesas que nos ofrece a Literatura Infantil e Xuvenil actual, coa intención de reivindicar a igualdade de xénero e o respecto pola diversidade.
Por tanto, afondarase a nivel teórico nos conceptos de arquetipo, reescritura e intertextualidad, para despois explicar as características definitorias de heroínas, bruxas, fadas e princesas, comentando a evolución que sufriron desde a narrativa oral á Literatura Infantil e Xuvenil actual a través da análise de obras representativas da subversión, parodia e transgresión deses personaxes.
Por último, abordarase o seu tratamento desde unha perspectiva didáctica para o seu aproveitamento pedagóxico á hora de traballar a educación literaria coa infancia e a mocidade, ofrecendo actividades creativas para xogar con estas personaxes. O curso pódese seguir en modalidade online, tanto a través de emisión en directo como en diferido. O curso consta de 25 horas de formación, das cales 8 h son de formación teórica; ademais, solicitouse o recoñecemento de 1 ECTS.
María del Carmen Ferreira Boo, é Doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Licenciada en Filoloxía Hispánica pola mesma universidade. Ten formación, ademais, no deseño de unidades didácticas de Lingua e Literatura. Foi bolseira no proxecto "Bibliografía da Literatura Galega", dirixido por Anxo Tarrío Varela (2009-2012). Actualmente é profesora Interina de Didáctica de lingua e literatura na Universidade da Coruña (UDC).
-------------------------{}------------------------