Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso "O Sistema Nacional de Protección Civil: a xestión das emerxencias en España"

23 de abril de 2018

O director da área de Seguridade e Mobilidade do Concello da Coruña, Carlos García Touriñán, será o encargado de inaugurar este curso que terá lugar os días 10 e 11 de maio na UNED A Coruña. Poderase seguir en liña e presencial, desde a sede na Coruña.

O Centro Asociado UNED A Coruña, a través das actividades organizadas desde a Coordinación de Extensión Universitaria e Cultural, programa o curso "O Sistema Nacional de Protección Civil: a xestión das emerxencias en España" para os días 10 e 11 de maio, en xornada de tarde.

Obxectivos

Desde a publicación e entrada en vigor da Lei 17/2005, do 9 de Xullo, o Sistema Nacional de Protección Civil exponse como un instrumento principal para asegurar a coordinación, a cohesión e a eficacia das políticas públicas en materia de protección civil, así como un mecanismo para regular as competencias da Administración Xeral do Estado neste ámbito. Harmonizar os distintos plans territoriais de emerxencias e un uso eficaz dos recursos previstos para cada intervención, serán algúns dos puntos nos que se poñerá o acento durante as dúas sesións nas que se desenvolve o curso.

Programa

A sesión inaugural correrá a cargo do director da área de Seguridade e Mobilidade do Concello da Coruña, Carlos García Touriñán, que abrirá a quenda de relatorios coa presentación "A Administración Local dentro do sistema Nacional de Protección Civil". O inspector principal da Policía Local da Coruña, José Manuel Rico, abordará as emerxencias no ámbito municipal, seguido no programa polo técnico de Operacións e Loxística do CAE 112 da Axencia Galega de Emerxencias, José Antonio Argibay Fernández, que participará nesta primeira sesión co relatorio "O papel da Administración Autonómica no ámbito da seguridade e emerxencias", a continuación intervendrá María Caamaño Martínez, xefa do Servizo de Atención ao Usuario da Fundación Pública, Urxencias Sanitarias de Galicia 061 coa presentación "A resposta ás urxencias sanitarias na nosa comunidade".

A responsabilidade de introducir e presentar a segunda sesión do curso a tarde do venres 10 será de Javier Trevín González, comandante do Corpo Xeral do Exército de Terra, Infantería, xefe da área de Relacións Institucionais e Comunicación Pública do BIEM V da UME coa presentación "A UME para servir". Sucederalle na quenda de relatorios Daniel Fernández Sanjurjo, responsable autonómico de Emerxencias de Cruz Vermella Española en Galicia que expoñerá a presentación "Cruz Vermella: preparados para a emerxencia".

Jesús Ponche Pintor, policía Xudicial e xefe do laboratorio de criminalística da Zona da Garda Civil en Galicia, falará dos incendios forestais en Galicia e a súa investigación. Por último e como peche ao curso, Mara Álvarez Pazos, tenente psicóloga do Corpo Militar de Sanidade da Armada, especialista en psicoloxía forense: perito psicólogo, falará do papel da Psicoloxía no ámbito das emerxencias.

Créditos e homologación

Este curso está pendente de homologación por parte da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), ao seu termo certificarase con 1 crédito ECTS e 2 créditos de libre configuración e poderá seguirse nas modalidades en liña e presencial, desde a sede na Coruña.

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es