Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Este curso xurdiu dos propios estudantes da UNED, que demandaban fontes de información públicas para a realización dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster"

20 de marzo de 2018

José Manuel Varela Senra, doutor en Ciencia e Tecnoloxía e profesor titor no Centro Asociado, ofrécenos un adianto do que se abordará durante o curso teórico-práctico ao redor dos recursos libres na internet como ferramenta para a formación académica e investigadora, que se celebrará en liña, en diferido e presencial desde a sede na Coruña, os días 4 e 9 de abril.

Esta actividade formativa ten como principal obxectivo profundar na procura e selección dos mellores recursos libres existentes na internet na actualidade e as súas implicacións legais. De especial interese e aplicación no campo da educación; tanto desde a perspectiva do alumnado -elaboración de Traballo Fin de Grao ( TFG) e Traballo Fin de Máster ( TFM)- como a docentes para a súa aplicación na aula ou en traballos de investigación, o programa proposto abordarase nun sentido teórico-práctico.

O curso "Como utilizar os "Recursos Libres" da internet para a educación e a aprendizaxe. Recursos e ferramentas on- line para a formación académica e investigadora", terá lugar os días 4 e 9 de abril de 2018 en xornada de tarde, nas modalidades en liña, en diferido e presencial, desde a sede na Coruña. Consta de 25 horas lectivas de duración, polas que se certificará con 1 crédito ECTS e 2 créditos de libre configuración.

José Manuel Varela Senra - actualmente realizando a tese doutoral Interuniversitaria "Predición e prescrición da Educación en liña: Análise desde a perspectiva das Ciencias de Deseño" na Universidade da Coruña, é doutor en Ciencia e Tecnoloxía, licenciado en Ciencias Químicas, enxeñeiro Forestal, diplomado en Ciencias Ambientais e profesor titor no Centro Asociado desde o ano 2008, será o encargado de afrontar a dirección e a docencia do curso.

P.- O 4 de abril comeza o curso "Como utilizar os "Recursos Libres" da internet para a educación e a aprendizaxe. Recursos e ferramentas on- line para a formación académica e investigadora”, asume a dirección e a docencia. Como xurdiu a idea de ofrecer esta formación?

R.-"A idea xurdiu dos propios estudantes da UNED, que demandaban fontes de información públicas para a realización dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster".

P.- Cal vai ser o enfoque docente? Teórico-práctico?

R.- "Si, en efecto. Por unha banda falaremos, nunha primeira breve parte teórica, sobre o desenvolvemento histórico dos recursos libres e sobre a situación legal actual dos mesmos e por outra banda, ensinaremos de forma práctica a realizar procuras e a ver as principais fontes de recursos libres".

P.- A quen pode interesar realizar este curso?

R.- "O curso pode ser beneficioso para calquera persoa que queira coñecer a inmensa cantidade de recursos libres dispoñibles para a súa utilización en traballos, artigos, a docencia…Realmente pode ser interesante para o público en xeral".

P.- Que vai achegar de novo este curso?

R.- "Pois pretende ser unha resposta a unha demanda concreta. É evidente que cada vez temos máis e máis información ao noso alcance, pero cada vez é máis difícil atopar recursos de valor. Existe unha certa " sobresaturación" polo que aprender a realizar procuras efectivas na web resulta necesario".

P.- Na súa opinión, estamos infrautilizando os recursos da internet? Cal pensa que é o motivo?

R.- "Si, é evidente que estamos infrautilizando moitos dos recursos da internet ou o que é peor os estamos utilizando mal e infrinxindo as leis de propiedade intelectual. Estamos a desaproveitar infinidade de recursos que se mostrasen no curso e que o público en xeral descoñece. Pero tamén, e isto é máis grave, estamos a miúdo correndo riscos legais innecesarios. O motivo?…O exceso de mala información e o uso de formas de procura inadecuada".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es