Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Foro Noroeste de Seguridade Nacional-Internacional: xeopolítica, xihadismo e ciberseguridade a debate

13 de septiembre de 2019

Celebrarase os días 03 e 04 de outubro na sede da Coruña, en modalidade presencial e online (emisión en directo). Solicitouse o recoñecemento de 1 ECTS

O Centro Asociado UNED A Coruña é a sede do "Foro Noroeste de Seguridade: Nacional-Internacional", organizado xunto co Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Comunidade de Intelixencia e Seguridade Global (CISEG). Esta actividade celebrarase durante o 03 e 04 de outubro na sede da Coruña e, as persoas interesadas en participar poden asistir de maneira presencial ou, tamén, online (a través de emisión en directo). Solicitouse o recoñecemento de 1 ECTS pola formación impartida.

Esta actividade conta, ademais, coa colaboración de importantes entidades públicas e privadas vinculadas á comunidade de seguridade como o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), o Instituto Español de Estudos Estratéxicos (IEEE) e  o Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), así como con Galeon International, Black Bull Group e Telefónica.

O curso está especialmente dirixido ao alumnado dos graos de Xeografía e Historia, Dereito, Socioloxía, ADE, etc.; membros dos corpos e forzas de seguridade, das Forzas Armadas, empresas relacionadas cos ámbitos abordados e público interesado en xeral.

O Foro Noroeste de Seguridade: Nacional-Internacional pretende ser un escaparate desde o que analizar os principais retos no ámbito da seguridade, desde a óptica e a análise de recoñecidos especialistas sobre algúns dos principais vectores de risco aos que se enfronta a nosa sociedade no ámbito interno e externo. Durante a formación presencial abordaranse, entre outros, cuestións de seguridade internacional, marítima, aérea, financeira ou ciberseguridade. Entre os temas abordados polos expertos destaca o xihadismo e infraestruturas susceptibles de ser obxecto de ataque, tamén no sector aéreo; xeoestratexia do Ártico, economía, xeopolítica e novos armamentos, as mercadorías perigosas no transporte multinacional, nanosatélites, os riscos e oportunidades nun mundo hiperconectado ou os novos retos do dereito internacional. Ademais, tamén haberá unha demostración práctica sobre o uso de drons en tarefas de seguridade, tanto con carácter civil como militar, a cargo de Coserima. O relatorio final que pecha estas xornadas correrá a cargo dun representante do CNI (Centro Nacional de Intelixencia) que, por motivos de seguridade, non se emitirá online; con todo, o alumnado recibirá material complementario sobre a formación impartida.

O curso está dirixido por Isidro Sepúlveda Muñoz, profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea da UNED, que tamén é docente no curso. Isidro Sepúlveda foi director do Instituto Universitario General Gutiérrez Mellado de Investigación sobre a Paz, a Seguridade e a Defensa (UNED); director do Máster de Paz, Seguridade e Defensa (IUGM-UNED); impartiu cursos e conferencias en universidades e centros de investigación de Estados Unidos, América Latina e Francia, así como organizador das Semanas Iberoamericanas de Seguridade e Defensa (2005, 2006, 2007, 2009) e colaborador en temas de relacións internacionais e seguridade de CNN, Globovision, Voice of America e NTN24.

Entre os relatores do curso atópanse José Villena Romeu, subtenente da Garda Civil membro do Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado de Seguridade; José Julio Fernández Rodríguez, Valedor do Pobo de Galicia (2012-2015); Anxo Gómez de Ágreda, Coronel do Exército do Aire e representante español no Centro de Excelencia de Cooperación en Ciber-seguridade da OTAN; Bahae Eddine Boumnina, experto e analista de terrorismo de etioloxía xihadista e movementos salafistas (CISEG); Bartolomeu Bauzá Abril, socio fundador e Director de Desenvolvemento de negocios en Outrospection SL, Juan José Villaverde Valverde, Security Manager de DGM, Miguel Borja Cano, responsable de Innovación en Telefónica, José Manuel Estévez Saa (UDC), Bartolomeu Cánovas (FN) e Carlos Teijo García, profesor de Dereito Internacional (USC).

Podes matricularte no curso aquí.

Máis información en:

  • - Secretaría do C.A. UNED A Coruña (rúa Educación 3 -15011 A Coruña), no teléfono: 981 14 50 51 ou no correo electrónico: info@a-coruna.uned.es
--------------------------------------{}-------------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es